26 may 2009

Caroline Herschel, astrónoma detrás do telescopio


CARTA DE CAROLINE HERSCHEL(1750-1848)
Un poema de Siv Cedering (1986)

William está fóra, e estou a tomar conta
dos ceos. Descubrín
oito novos cometas e tres nebulosas
nunca antes vistas polo home,
e estou preparando un índice
das observacións de Flamsteed, xunto
cun catálogo de 560 estrelas omitidas
no Catálogo Británico, ademais dunha lista de erratas
nesa publicación. William di
que teño xeito cos números, por iso encárgome eu
de todas as reducións precisas e
cálculos. Tamén planifico o programa
de observacións cada noite,
e o que el chama a miña intuición
axúdame a virar o telescopio para descubrir
cúmulo estelar tras cúmulo estelar.

Axudeille a pulir os espellos
e lentes do noso novo telescópio. É
o máis grande que existe. Podes imaxinar
a emoción de dirixilo a algún novo
canto do ceo para ver
algo nunca antes visto
desde a terra? Eu realmente disfruto
con que estea ocupado coa Royal Society
e o seu clube, para cando remato meu outro traballo
poder pasar a noite toda pescudando
os ceos.

Ás veces, cando estou soa
no escuro, e o universo revela
aínda outro segredo, digo os nomes
das miñas queridas, perdidas irmás, esquecidas
nos libros que rexistran a nosa ciencia

Aganice da Tessalia,
Hypatia,
Hildegarda,
Catherina Hevelius,
Maria Agnes

… como se as estrelas mesmas puidesen lembrar.

Sabías que Hildegarda
propuxo un universo heliocéntrico
300 anos antes de Copérnico? que ela
escribíu sobre a gravitación universal 500 anos
antes de Newton? Pero quen a tería escoitado
a ela? Ela era só unha freira, unha muller.
Cal é o noso tempo, se ese tempo é escuro?
Como o meu nome, que tamén será
esquecido, pero eu non son acusada
de ser unha meiga, como Aganice,
e os cristiáns non ameazan
con arrastrarme á igrexa, para asasinarme, como fixeron
con Hypatia de Alexandría, a elocuente
rapaza que concebíu os instrumentos
usados para medir con precisión a posición
e movemento dos corpos celestes.

Por máis que vivamos, a vida é curta, entón eu
traballo. E aínda que o home se torne importante,
non é nada comparado coas estrelas.
Hai segredos, querida irmá, e é
asunto noso revelalos. O teu nome, como o meu,
é unha canción.

Escribe en breve,
Caroline

Na primeira metade do século XIX, Caroline Herschel, seu irmán William e o fillo deste, John, identificaron e catalogaron miles de galaxias, entre outros obxectos.

21 may 2009

nube cabeza de cabalo


Competindo coa nebulosa homónima motivo da foto astronómica do día de hoxe a nube cabeza de cabalo galga atrás da estrela que vai cara o solpor.

11 may 2009

galaxia derviche

somos galaxias?
galaxias xiróvagas perseguindo a raíz do tempo?



está esa quietude no centro onde todo desaparece,
e resulta máis doado seguir xirando que deterse...

(Mira Hunter en Sufi soul)

Mentres daba voltas cos seus derviches, Rumi dictaba poemas:

Comtempla como o sol está en chamas até o pescozo,
para encher de luz o rostro da terra, co seu rostro.
(Poemas sufíes, 8)

Son como unha copa, o corazón cheo de sangue e o corpo esguío,
na man do amor, que non é nin pálido nin fraco nin esguío.
(Poemas sufíes, 10)

Se enxergas un chisco deste resplandor, porás a arder o soño;
pois por unha viaxe nocturna e a servidume,
Venus convertíuse en compañeira da lúa.
(Poemas sufíes, 12)

9 may 2009

espiral do tempo

"Hunab Ku - Hunab Ku El tiempo es el centro a través del cual todos pasamos Hunab Ku - Hunab Ku El tiempo soy yo y el tiempo eres tú Hunab Ku - Hunab Ku Todos somos el centro por el cual pasa el tiempo Las estrellas que ves son canciones en mis cabellos Los planetas son joyas en hileras, en pulseras de aire En el centro del tiempo hay una raíz que crece Tornándose a través del tiempo en 20 dedos de manos y pies Hunab Ku - Hunab Ku El tiempo es ahora para mí y para ti."(historia del tiempo)

Forma e tempo aniñan no ADN. Participando da natureza da luz, somos tamén onda e partícula: ondas que se deteñen e conflúen para formar partículas, partículas que se disolven para tornarse ondas.

Se xa a luz leva unha velocidade que quita o hipo, outras formas de enerxía -máis subtís que a propia luz- serán susceptibles de moverse a velocidades inimaxinabeis. Se a velocidade se reduce, a enerxía acumúlase en forma de astros tanto máis densos (asteroides, satélites, planetas) canto máis lenta a velocidade e menor radiación desprenden. Se a penas se reduce á velocidade da luz, serán estrelas radiantes.

Podemos tocar a Terra, do sol sentir o calor, observar nebulosas e alcanzar con telescopios espaciais obxectos que os ollos nin se atreven a soñar. Pero non nos facemos idea do universo que pasa veloz a penas rozándonos, porque bule de máis para o noso actual sistema de percepción.

O primeiro retrato (de nós): enerxía que se detén nunha esfera perfecta rodeada de dúas membranas. Cando O TEMPO (enerxía que se ralentiza) entra na membrana comeza a embrullar o particular novelo que deberá xirar día e noite. E as células a construír o seu universo placentario.

O seguinte retrato (seguimos sendo nós): un tetraedro con cadanseu diminuto planeta celular no ángulo correspondente.

De aí en diante, expansión: meiose, mitose. Curioso ese dividirse para multiplicarse acumulando elementos procedentes de supernovas que estalaron lonxe.

O tetraedro continúa no seu crecemento holográfico. No delphos (embigo) mora o xerme do cristal que xira na dobre dirección (dextróxira-levóxira) dando lugar á galaxia que somos, fractal de luz do cosmos que nos rodea.

7 may 2009

galaxias do Hubble

Os nomes das galaxias ben podían ser de deusas, raíñas ou principesas como a de Andrómeda, e non esas desaboridas combinacións de números e letras. Como moito, se lembran a algo teñen un alcume: reloxo, corazón, ollo de gato.
Na nomenclatura do RC3 Catálogo de Galaxias Brillantes Terceira Referencia , as letras e outros símbolos dan información sobre a súa forma facendo alusión á clase, familia, variedade e etapa pola que atravesan.
E así, hainas elípticas, espirais, lenticulares, irregulares e peculiares.
Barradas, mixtas, ordinarias.
Compactas, con anel interior, en forma de S.
Temperás, intermedias, serodias, magallánicas (ou non), alongadas, con anel externo ou con falso anel, de clasificación incerta ou dubidosa.

En todo caso asombrosas, inasibles e irrepetibles.
Seres poéticos con nomes prosaicos.

Antes usábase unha nomenclatura máis simple, porque se sabía de moitas menos. Eses nomes continúan usándose e empezan pola letra M (de catálogo Messier) ou as siglas NGC (de New General Catalogue).

Ademáis de poñerlles extranos nomes e aínda que estamos a uns 25.000 anos-luz de distancia do centro da nosa galaxia, de aquí da Terra non resistimos a tentación de indagar o que hai alí dentro.

A astronomía di que millóns de estrelas rodeadas de po, algunhas delas enormes, novas, supernovas e supermasivas, enxames de estrelas e buracos negros.

O telescopio espacial Hubble nas súas viaxes polo tempo, descubríu que a menos de 100 anos-luz do núcleo da Via Láctea existen, ou polo menos existían no pasado máis remoto, dous enxames onde se encontran as estrelas máis brillantes, o enxame do Arco e o enxame do Quintúpleto.

As demáis galaxias están tan afastadas que parece imposible que ningún telescopio poida alcanzalas, pero o fantástico Hubble, a piques da xubilación, continúa sorprendendo cos seus achádegos.

1 may 2009

multiversos e universos paralelos


Parallelostory from impactist on Vimeo.

“Sempre que se tome un manido grande de elementos caóticos e se ordenen segundo a súa magnitude, confírmase unha forma de regularidade insospeitada e tremendamente fermosa, que estivo latente todo o tempo.”
Francis Galton, Natural Inheritance

Emmy Noether, matemática alemá á que non se permitíu ensinar na universidade por ser muller axudou a salvar a teoría da relatividade xeral en beneficio de Einstein: utilizou a simetría para demostrar que a enerxía se conserva no espacio cuadridimensional. Como as leis da física son simétricas non cambian coa distancia ou o tempo, no espacio ou na Terra, á escala grande ou pequena, no presente ou no futuro.

En 1949 R. Feynman mostrou que, matematicamente, unha antipartícula é o mesmo que unha partícula que se despraza cara atrás no tempo.

Cada partícula ten asociada a súa antipartícula. Así que no universo a simetría perfecta tívose que romper ou non existiría NADA, pois materia e antimateria aniquílanse mutuamente.

Os sistemas de referencia cambiantes e a idea de que a realidade pode abarcar varias perspectivas sen ser en ningún caso “falsa” constitúen a base tanto da relatividade especial de Einstein ( elasticidade do espacio, tempo, enerxía, materia) como da relatividade xeral (curvatura do espacio-tempo).

Por razonable ou disparatada que resulte unha teoría (xeo e heliocentrismo, leis de Newton, relatividade, teoría cuántica, teoría de cordas, teoría M,...) non ten máis que un tempo de vixencia, precedido dun tempo no que provoca entusiasmo ou desconfianza e seguido doutro tempo no que se le como simple etapa a ultrapasar na imparable evolución do pensamento humano.