30 dic 2009

fabulosas razóns para ollar o ceo

Agora que remata o ano Internacional da Astronomía, é o momento de lembrar as múltiples razóns que temos para ollar o ceo, que non dependen de celebracións e si das maravillas que alí se atopan e da curiosidade que en nós despertan.

Carolyn Collins Petersen, escritora de numerosos artigos sobre ciencia e astronomía entre outras cousas, na colaboración que realizou para a web 365 days of astronomy propoñía dez razóns polas que ollar o ceo é interesante, está na onda, está a dar ou como queira que se traduza a palabra cool. Empezando pola última:
10. Ollar o ceo e totalmente gratis!
9. Podemos ver un longo camiño no espazo, de feito, até dous millóns e medio de anos luz!
8. Podes ver planetas alí fóra: Venus, Xúpiter, Saturno,...
7. A lúa é fascinante e nunca te vai decepcionar
6. Podes usar un telescopio para indagar nos lugares en que se forman as estrelas, como a nebulosa de Orión
5. Podes ver os restos de estrelas que xa morreron, como na nebulosa do caranguexo na constelación de Tauro
4. Observar o ceo proporciónanos unha extraordinaria visión da nosa propia galaxia
3. Podemos facer observacións en familia, e coas amizades
2. Ollar estrelas danos un sentido da escala cósmica
1. Cada vez que saes a ollar o ceo encontras unha cousa nova

Engadiría a esta relación o simple motivo de que o ceo pode ser unha infinita fonte de inspiración para poetas!

A ESTRELA DESCOÑECIDA

Eu vinte decote acobadada
naquela fenestra
-tan a trasmán!
que penduraches dunha constelación.
O horizonte arrincaba cada día
para ti
a folla de almanaque dunha vela.

Pero nunca se enmallou
na falsa rede dos mapas celestes
a túa loira virxinidade.
Cómplice a noite
engaiolaba o sestante dos mariños
inxenuas perversións catalogadas.
Viuva reiterada de tódolos vinte anos
que os mariñeiros repiten
cada volta que afogan.
Endexamais souberon os cadavres sen rumbo
que ti os amortallabas co teu ollar.

Emproáramos á meia noite.
A sotavento da nosa singladura
vai decote unha nube desarbolada.
Ca súa esponxa de sombra
borrou para sempre o teu mudo perfil.
A alba nova sorprendeume
cacheando entre os luceiros
unha despedida que se me perdeu.

Manuel Antonio


Estas imaxes do cosmos, xunto co poema de Manuel Antonio, sirvan aquí de homenaxe ao remate, con plenilunio extra, dun ano tan astronómico.

constelacións


estrelas


o principiño no asteroide B612

25 dic 2009

astronomía do nadal

Cando o sol se para, e debido a súa debilitación, semella morrer.
O sol está uns tres días parado -morto- e despois resucita, retomando o seu deambular a través do horizonte. O novo sol é unha criatura que hai algúns miles de anos -debido á precesión equinoccial- nacía no seo dunha das constelacións zodiacais: Virgo.

Deusa virxe DIAM de Luristán
dando a Luz entre animais,
século IV a.C.


As civilizacións antigas celebraban neste momento o nacemento do Sol representado en diversos deuses (Mitra, Horus, Dioniso,... todos eles nacidos dunha virxe) igual que hoxe celebra a tradición cristiá o nacemento de Xesús, nacido da virxe María. Todos eles mortos, enterrados e resucitados ao terceiro día o que tanto pode referirse ao tempo que tarda en saír o sol da súa "inmobilidade" como ao tempo que tarda unha semente (como a do liño) en agromar do seu particular enterramento.

Díxolle o millo á liñaza:
Ándate tí, espepitada, que ós tres días estás nada.
E a liñaza respondeulle: Seica coma tí, borrón,
que tardas sete semanas en salires do torrón.


A arqueoastrónoma Francisca Martin-Cano defende a hipótese de que 25 de decembro era o momento en que o sol nacía na constelación de Virgo, nun tempo arcaico, circunstancia que se modificou debido á precesión dos equinoccios. Ademais, a estrela principal de Virgo (virxe) é Spica (espiga) e o nome de Belén significa a "casa do pan".



"Os tres reis" é o nome que reciben nalgunhas tradicións as tres estrelas do cinturón de Orión, que ben -pode considerarse- anuncian a chegada de Sirio, estrela que entre os exipcios representaba á deusa Isis, esposa e irmán de Osiris e nai (virxe) de Horus.



Os ritos das relixións veñen de antigo. No Libro da Saída á Luz do Día, ou Libro Exipcio dos Mortos, na Entrada ao Santuario de Maat, pódese ler:

"Debes saber, pois!
O Pan da túa comunión,
O Viño da túa Comunión,
e todas as ofrendas que che son destinadas
Son emanacións do Ollo de Râ!"

Metáfora solar, agrícola ou astronómica, a celebración, común a tantas culturas a través do tempo, non deixa de ter o seu sentido humano e espiritual, á marxe de que hoxe prime por enriba de todo o espíritu consumista.

Para a civilización grega, a dos moitos mitos, o solsticio de inverno era a porta das divindades, como o de verán o era da humanidade. Quizais non é máis que un momento para lembrar o aspecto divino compartido por seres humanos, Natureza e o Universo de que formamos parte.

21 dic 2009

de novo solsticio

Entramos nun dos oito portais da roda solar celta, neste caso o solsticio de decembro. As datas dos solsticios teñen que ver coa distancia angular máxima que se produce entre o sol e o ecuador terrestre, o que no hemisferio norte significa, no inverno, o día de menos horas de sol.

Solsticio é o tempo en que o sol semella deterse no seu aparente avanzar cara o sur. Ese "deterse" do sol durante uns días non é máis que a volta que a terra dá ao chegar aos pontos da súa órbita máis afastados do sol antes de continuar de novo o seu incansable ciclo. Como se nunha montaña rusa chegamos ao final da curva e aguantamos a respiración e ao virar todo recomeza.

Perto do solsticio o sol ponse ao pé do mítico monte Tegra,
visto de Cerveira.

6 dic 2009

do Ceo e da Terra

"Se puideses desfacerte
do teu ego só por unha vez,
o segredo dos segredos
abriríase para ti.
O rostro do descoñecido,
oculto detrás do universo
aparecería no
espello da túa percepción".
Rumi



"Os Druidas miraban as pedras como se tivesen un espíritu, como se estivesen vivas. Tamén certas lagoas, pozas, etc, eran sagradas, especie de entradas ao interior da Terra e ao mesmo Ceo. Así que as oracións non se dirixían “arriba” senón “abaixo”. Era unha visión da vida que ollaba todo como vivo, incluída a propia Terra. Os bosques estaban inzados de fadas e devas. As propias árbores eran espíritus de gran poder.
Mais o Papa veu e voltou ilegais todas estas ideas. Era ilegal adorar as pedras, as pozas, as árbores, as devas, o sol, a lúa, ilegal consideralas vivas.
A prohibición cristiá deu como consecuencia a moderna conciencia que considera a Terra como unha rocha sen vida e nada máis.
Ademais o Papa mudou a visión pagá do Ceo arredor, así que ese ceo pasou a ser localizado nas estrelas!
Polo tanto, agora, hoxe, oramos a Deus e ollamos as estrelas. Pensamos no Ceo como algo que está nas estrelas. Non nos pasa pola cabeza que ese Ceo podería ser dentro da Terra. Ese parecer é moi antigo, case desapareceu por completo."

The Druids saw the stones as having a spirit, being alive. They also saw certain pools of water, wells, etc., as sacred, and as openings into the inner Earth and to Heaven itself. So prayers were not "up," but were "down." It was a view of life that saw everything as alive, including the Earth herself. The forests were filled with faeries and devas. The trees themselves were spirits of great power.
But the Pope came along and made all these ideas illegal. It was illegal to worship the stones, the wells, the trees, the devas, the sun, the moon, illegal to see them as alive.
This Christian prohibition has resulted in a modern consciousness that views the Earth as a lifeless rock and nothing more.
Further, the Pope turned the Pagan view of Heaven around so that Heaven became located in the stars!
So now, today, we pray to God and look up to the stars. We think of Heaven as being somehow in the stars. It never occurs to us that Heaven could be inside the Earth. That view is so old, it is almost dead.

Drunvalo