29 ene 2010

a lúa e as marés

Cando a Lúa está máis perto da Terra dise que se encontra no seu perixeo e no apoxeo cando está máis afastada. Como se observan por separado non podemos saber con certeza cando estamos nun ou noutro momento, a menos pola sensación de que a lúa semella máis grande que outras veces. De poder comparar os seus tamaños sería así:


Este é un dos factores que afecta as marés, ademais da posición da lúa nas distintas fases e as estacións, pois durante as lúas chea e nova e durante os equinoccios as marés son máis vivas.
Para aprender algo máis sobre as marés e a lúa fai clic nos enlaces

márés
influenza da lúa nas marés
as forças das marés


28 ene 2010

Marte e a lúa arredor da medianoite

No apartado a simple vista da páxina do ceo do mes veñen sempre catro fotografías simuladas do programa Stellarium.
Hoxe á noite verase Marte en oposición ao sol, que significa que o planeta está pasando polo meridiano do lugar a medianoite, polo que se pode observar durante máis tempo.
Na ilustración aparecen Marte e a lúa sobre a eclíptica, nas constelacións do Caranguexo e Xémeos respectivamente; e ao outro lado da lúa Aldebarán, estrela alfa do Touro e avermellada como o planeta Marte, así como o brillante cúmulo das Pléiades. Baixo a eclíptica, a magnífica Orión e Sirio, a estrela azul.

25 ene 2010

contos e coplas de estrelas

Este é un libro disco de historias do ceo e cantigas onde se reunen dende un conto tradicional galego a lendas incas, mitos gregos, árabes,... e na parte musical a coñecida cantiga de Alfonso X o Sabio Santa María Estrela do día xunto a pezas de música tradicional (muiñeira, mazurca, alalá, rumba,...) con coplas que falan da lúa, o sol e as estrelas. A presentación do proxecto fíxose no auditorio da Fundación Barrié de la Maza organizado polo Consello Superior de Investigacións Científicas e a Universidade de Vigo coa colaboración da radio Galega e a participación de astrónomas profesoras da Universidade e artistas como as cantareiras de Adonairare, entre outras. Un espectáculo audiovisual no que se proxectaron tamén as ilustracións dos contos e fotografías que acompañaron as explicacións teóricas.

19 ene 2010

hipnotizantes esferas

A unidade primixenia inicia a súa expansión a través de sinuosas espirais, formas fractais, satélites e planetas, átomos,... mundos en permanente rotación, movemento de partículas ou sementes, universo fascinante de esferas que regresan á fusión da que partiron. Inspirado en Anaxágoras de Clazomene.

Spheres from Regis Hervagault on Vimeo.

17 ene 2010

a lúa e o disco de nebra


Este disco, chamado Escudo de Sangerhausen ou disco de Nebra, data de hai 3600 anos e foi encontrado en Alemania en 2002. Pode ser que os obxectos representados nel sexan o sol e a lúa, ou as lúas chea e crecente, ou igual as constelacións (Escudo, Capricornio, Auriga,...) e unha barca. Pode que os sete puntos agrupados representen as Pléiades. E os bordes do disco o horizonte. Ou pode que non. Pode que sexa simplemente un escudo con adornos??!!

Nebra Sky Disc from Simon Verhoef on Vimeo.


En calquera caso, o seu descubrimento é interesante, tanto do punto de vista da historia da astronomía como da arqueoloxía e arqueoastronomía.

Weltwunder Himmelsscheibe - Sky Disc of Nebra from Weltwunder Himmelsscheibe on Vimeo.


Hoxe parece que o temos máis facil para observar o ceo e os seus astros. Sen ir máis lonxe, se queremos darnos un paseo lunar visitemos google moon.

16 ene 2010

herbas de prata e sono cobren a valeira lúa

A lúa é, xunto co sol, o obxecto máis chamativo do ceo, así que desde que a humanidade puxo os seus pés na Terra debeu ser motivo de culto e observación.

Un calendario do período inicial ou Auriñaciense do Paleolítico Superior (32 000 a.c.) dá conta disto.


As marcas das diferentes fases forman un deseño sinuoso, como unha serpe ou os meandros dun río.



Aínda que se afaste e te abandone (coas conseguintes consecuencias catastróficas), a lúa nunca te vai decepcionar, ou iso decía unha das razóns polas que observar o ceo é interesante. Mesmo cando non se ve, como estes días, está aí agochada, impoñéndonos seus ritmos e tomando nota dos nosos dramas.

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ô sol.

Chove en Santiago
na noite escrura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla o vento esvaído
soma e cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Agoa da mañán anterga
trema no meu corazón.


Federico García Lorca, Seis poemas galegos

14 ene 2010

Orión e Pleiades, dous poemas de Interludi

ORIÓN
Como pode tanta beleza
convertirse en maldade?
Como a túa ollada
de cazador de monstros
pode devir asasina de soños?
Como a túa voz divina pode reter a Artemisa?

Que deus te permitíu
apreixar unha daga
inzada de estrelas?

Orión, xa non es digno
de camiñar sobre a auga.

Agora, mudo por tantas culpas,
sometido ás noites,
amargo viaxeiro do crepúsculo,
eternamente cobarde,
finxidor de beleza,
ficas condenado ao inverno.


*******


PLEIADES
É porque ispo as nidias madrugadas
que a ollada esvaída dos vosos ollos disfrazados de pombas
tráenme mensaxes de náufragos.
E, ao caer a noite,
nos cantís acendo fogueiras
de axóuxeres e timbais
para non escoitar as sereas.
É porque o outono ven preñado de xeada
que domestico dúbidas e lumes
e permanezo mollada de chuvia baixo o ceo.
E no mudar das estacións
constrúo todo de columnas marmóreas
para que o destino inapelable
non carregue as nosas memorias.


Consol Martínez Bella, Interludi

10 ene 2010

nebulosas... e outras cousas fabulosas

No principio era unha nube, unha nube de dimensións impensables feita de gases e poeira, o útero cósmico onde nacen as estrelas: a nebulosa.

nebulosas


cosmos

8 ene 2010

Heidelberg-Stuttgart







 
O camiño ao aeroporto non foi doado, e faltou pouco para ficarmos en terra; afortunadamente só soubemos que se pechaba o tráfico aéreo ao chegar a casa!

7 ene 2010

Heidelberg a punto de neve

O ceo resulta monótono os días de neve, as nubes a penas se distinguen do esbrancuzado fondo, mais a cidade ten o seu encanto no medio do frío.
 


 

 
 

6 ene 2010

neve en Weinsberg

 




 

 
Nunca imaxinara vir parar a un psiquiátrico no centro de Alemania no medio da neve!
A verdade é que parece cousa de loucos. O que ten de particular este sitio é que actualmente practican musicoterapia e terapia con animais. Hai gansos, coellos, cabras, cabalos... O peor é pensar que durante a 2ª guerra mundial encerrasen aquí persoas por "pensar diferente" como vimos na exposición sobre a historia da vila de Weinsberg.
Será que a música limpa as malas vibracións? As pianistas combátenas tenazmente no seu ensaio
 
 

4 ene 2010

ceo de neve




1 ene 2010

once in a blue moon...

 
Posted by Picasa


Esta lúa foi o segundo plenilunio dentro do mes de decembro de 2009, na noite de fin de ano e por ser a treceava lúa chea nun ano recibe o nome de "blue moon".

No calendario agrícola cada temporada contábase por tres lúas. Cando había catro, a última recibía o nome de "belewe" que en inglés antigo significaba azul ou traidor ("blue" or "betrayer").

O noso é un calendario solar dividido en doce meses que non se corresponden co ciclo da lúa, xa que o mes lunar dura aproximadamente 29,53 días. En cambio algúns calendarios si son lunares, como o calendario musulmán no que os meses comezan cando se fai visible a lúa creciente, de xeito que o ano musulmán ten doce lúas exactas e nunca disfruta de lúa azul.

Que un ano teña trece plenilunios ou trece novilunios é un evento que se dá só cada dous ou tres anos, esa é a orixe da expresión once in a blue moon (como decir de pascuas en flores) cando se produce unha rareza.

En 2018, haberá dúas blue moon ou dobre plenilunio en xaneiro e marzo -e febreiro non terá lúa chea-, dezanove anos despois da última coincidencia deste tipo; un acontecemento realmente raro que se produce catro veces nun século.

Fotografía: lúa de Pi