28 mar 2011

mar de arroás

Un mariñeiro de Donón contounos que nunha marea atoparan un golfiño morto enredado no aparello, que o abriran e quedaran abraiados polo tamaño que tiña o corazón e o brillante e vermello que era o sangue.

Tamén contou que os vía entrar de madrugadas no verán pola boca da ría e marchar á tardiña cara a Cíes.

 
Unha vez  para avistalos rodeamos en zodiac a illa de Pico, nas Azores, cuberta por un chapeu lenticular e vimos unha morea deles, algúns riscados e tamén un cachalote e unha balea que nadaba nas nubes.


Clavel mergullou cos delfíns nas augas do Caribe, e di que se deixaban rozar e que era unha gozada.
Por aquí deixámonos ficar na auga mentras pasan a certa distancia nas praias da ría e eses días Chuca di que está mar de arroás.
Desafortunadamente xa demos con algún varado, o corpo rosado apodrecendo rebozado de area.
Vimos como Gaspar facía acrobacias por enriba dunha gamela en Areacova.
Cando están de humor persiguen o barco de pasaxe e pegan chimpos para asegurarse de que os vemos. 
Drunvalo di que veñen de Sirio.
Dá igual, levan máis tempo neste planeta ca nós, que a saber de onde vimos.
Por esta ría veñen tanto que son como da casa. E devecen polas xoubiñas.


Igual que o mar é espello do ceo, as nubes son os espellos nos que se miran os arroaces.




23 mar 2011

movemento pola liberación dos mapas mundi

Os mapas, coma a linguaxe, non son inocentes. Interpretan o mundo cun determinado punto de vista. Para democratizalos hai que liberalos do seu soporte e a súa orientación.
O hemisferio sur non está do revés. Norte non significa arriba, nin sur é abaixo.
Calquera lugar onde nos encontremos está enriba dos demais pero ningún lugar está debaixo de ningún outro.


Liberemos o globo do seu soporte.


Poñamos o mundo patas para arriba.


O sol sae e ponse igual para todos e todas.


A Terra é a nosa casa.


Movemento pola liberación dos mapas mundi.

19 mar 2011

lúa de marzo


Esta lúa chea coincide co equinoccio (20 de marzo ás 23:21h) afectando ás marés, que son vivas.
Segundo a táboa de marés para Vigo, o nivel da baixamar foi de -2 m pola mañán, o que deixou os mexilóns que viven no porto en seco por unhas horas...


...e as quillas dos barcos ao descuberto.