26 feb. 2009

lulin

O seu nome completo é C/2007 N3 Lulin e pódenselle distinguir dúas colas. As colas fórmanse polo vento solar que espalla a materia brillante que rodea a cabeza ou coma do cometa. A materia é xeo con apariencia de neve sucia que se vaporiza, sublima, co calor do sol. Ese vapor brilla formando o coma que rodea o núcleo do cometa e parte del sóltase como unha madeixa de cabelo formando unha das colas de aspecto abrancaxado. A outra, azulada, está formada por ións.

Os cometas teñen órbitas excéntricas e pasan cada moitos anos o suficientemente perto para que poidamos aprecialos.

O Halley pasa cada 77 anos. A última vez, en 1986. Era tan popular que as noites con bo tempo non era difícil encontrar alguén cargando uns prismáticos ou un telescopio, en busca dese obxecto fabuloso. Pero o cometa xa fora estudado por Edmund Halley en 1682 e as súas observacións levaron a este a deducir a periodicidade destes astros.

En 1995 dúas persoas descubriron un cometa. Eran Hale, en Novo México, e Bopp, en Arizona. É por iso que lle puxeron ese nome composto, como ao que descubriron na mesma noite do 1 de setembro de 1978 desde Xapón o señor Haneda e o señor Campos desde Suráfrica. Pero se non vimos o Hale-Bopp naquela ocasión agora teremos que agardar uns tres mil anos.

Pode parecer moito tempo, en cambio Lulin non se prodiga tanto como eles e pasa só cada 28 millóns e medio de anos..., dá frío pensalo!

Aínda así, a peor sorte é a do cometa Haneda-Campos, que, logo de deixar unha corrente de meteoritos -as Capricórnidas de octubro- como tantos outros cometas menores, foi desviado da súa órbita pola forte atracción gravitatoria do planeta Xúpiter, según nos contou o señor Campos, o que nos privará de observalo simplemente para sempre.

Ou para sempre carece de senso neste contexto?

Outros cometas relevantes que pasaron ultimamente foron Kouhoutek en 1973 ou Hyakutake en 1996.

Cada mes son observables até unha decena deles e máis, que pasan desapercibidos para o común dos mortais. Este mes de marzo serán visibles os cometas Kushida, Christensen, Bhroughton, Cardinal, Siding Spring, Mc Naugth, Boethin, Churyumov-Gerasimenko, Schwassman-Wachmann1, Kopff e 116P/Wild 4.

Pero sen dúbida, o protagonista desta temporada é Lulin.


Fotografía de Phillip Jones

17 feb. 2009

devalo


Cada día a lúa se deita máis tarde. A lúa menguante sae ben entrada a noite.
Guy de Maupassant descríbea no seu relato "Quen sabe?" comparándoa coa lúa crecente:

"Era a unha da madrugada, a unha ou a unha e media; o ceo aclarárase un pouco e aparecera media lúa, a triste medialúa do cuarto menguante. A medialúa do cuarto crecente, que sae ás catro ou ás cinco da tarde, é clara, alegre, salferida de prata; pero a que sae despois da medianoite é vermelliza, lúgubre, inquedante; é a verdadeira lúa do aquelarre. Todos os noctámbulos deben ter tido feito esta observación. A primeira, ainda que sexa delgada como un fío, espalla unha feble luz que aleda os corazóns e proxecta no chan nítidas sombras; a outra difunde a penas un resplandor morteciño, tan lene que case non fai sombra".



E o saber popular que di sobre esas cuadrículas do ceo que deixan os avións?

"O ceo está entarabincuntinculado
quen o desentarabincuntinculará?
o desentarabincuntinculador que o desentarabincunticule
bo desentarabincuntinculador será".

14 feb. 2009

corazón do ceo e nebulosa corazón

A civilización maia ubicaba o corazón do universo na constelación de Orión. Alí están "as tres pedras do fogón" (Alnitak no cinturón, Saiph e Rigel nas extremidades inferiores) representando a cociña, o lume e o lugar de reunión da gran familia humana. As tres pedras forman un triángulo equilátero e no centro dese triángulo encóntrase a Nebulosa M42, o Corazón do Ceo.

"Esta es la historia del inicio, cuando no había aves, ningún pez, ninguna montaña, ningún sonido, ningún movimiento, solo el Cielo solitario, el Mar solitario, solo Corazón del Cielo, que se llama Huracán. El primero se llama Caculhá-Huracán. El segundo es Chipi-Caculhá. El tercero es Raxá-Caculhá. Y estos tres son el Corazón del Cielo....pero no hay nadie que diga su nombre, nadie que alabe su gloria y que alimente su grandeza".

Nesta outra foto astronómica de hai uns días vemos as tres Marías, protagonistas do ceo de inverno:
Alnitak, Alnilam e Mintaka.



No Popol Vuh, o libro sagrado maia, o "fume do corazón" é a grande nebulosa de Orión ou M42, situada a unha distancia duns 1500 anos luz da Terra.




Para celebrar o día do amor a imaxe astronómica do día (gadget á dereita) regálanos hoxe a Nebulosa Corazón IC 1805. Esta nebulosa é chamada así pola súa forma, pero non ten o significado mítico e profundo que os maias daban á M42.

11 feb. 2009

lúa vagabunda



A lúa cando vai chea é trasnoitadora:
érguese así que acaba o día e só se deita despois do mencer.

9 feb. 2009

declinación e ascensión recta



Igual que para ubicar un punto sobre a superficie terrestre utilízanse unhas coordenadas chamadas latitude e lonxitude, para localizar un astro ou calquera obxecto no ceo utilizamos as coordenadas denominadas declinación (equivalente á latitude xeográfica) e ascensión recta (equivalente á lonxitude xeográfica).

A declinación é a distancia angular do astro ao ecuador celeste. Mídese en graos sendo positiva ao norte do ecuador e negativa ao sur.
A declinación da estrela polar é de +90º, mentras que a declinación dun astro situado sobre o ecuador será de . Un astro situado sobre a nosa cabeza, é dicir, no noso cénit, ten unha declinación igual á latitude onde nos encontramos.

A ascensión recta é a distancia angular sobre o ecuador celeste do astro á intersección do ecuador coa eclíptica, intersección denominada equinoccio vernal ou posición do sol no primeiro día da primavera e chamada tamén punto Aries. A ascensión recta mídese en sentido antihorario, en horas minutos e segundos.



A precesión dos equinoccios é o fenómeno do aparente movemento das constelaciones zodiacais cara o leste na eclíptica do sol en relación ao equinoccio vernal.
O período completo dunha precesión dos equinoccios estímase en 25786 anos.

os nomes das estrelas


Alcione (estrela alfa das Pléiades)

Algúns nomes de estrelas proceden da lingua grega como Sirio, Procyon, Polux, Castor, Régulo, Polaris, Arturo, Canopo, as Pléiades, outros da lingua árabe como Alcor (a débil), Mizar (velo), Vega (caída), Aldebarán (o seguidor), Deneb (a cola), Rigel (a perna), Algol (estrela demo), Betelgeuse (hombro, ou axila? do xigante), e uns centos delas máis.

O catálogo estelar máis antigo foi elaborado polo astrónomo grego Hiparco no ano 127 antes da nosa era. Contiña as posicións de 1.080 estrelas divididas en seis clases de acordo co seu brillo aparente. No "Almagesto" de Claudio Ptolomeo as estrelas aparecen catalogadas en clases de brillo ou magnitudes.

As clases de brillo recibiron o nome de magnitude, chamando ás máis brillantes de 1ª, de 2ª, 3ª, 4ª, etc., até a 6ª magnitude, estas últimas son as estrelas máis débiles que se distinguen a simple vista.

A magnitude é o brillo aparente co que vemos unha estrela e a súa dimensión, e depende do brillo da estrela e da distancia á que se encontra. Canto maior é a magnitude dunha estrela menor é o seu valor numérico, chegando a ter valores negativos nas estrelas de maior magnitude.

Sirio, a máis brillante do ceo, ten unha magnitude aparente de -1'46 porque se encontra a 9 anos luz de nós, mentras que Rigel que é 2.000 veces máis luminosa, aparece cunha magnitude 0'08 por encontrarse a unha distancia 100 veces maior.

A magnitude absoluta dunha estrela é a magnitude que tería dita estrela se estivese situada a unha distancia de 10 parsecs (1 parsecs é 3,2616 anos luz = 3,0857 x 10 elevado a 16 m, isto é, a distancia desde a que a Terra e o Sol parecerían estar separados por un ángulo de 1 segundo de arco).

A magnitude das estrelas coñécese actualmente por medio dos fotómetros ou fotograficamente.

Ante a imposibilidade de dar nome a tal morea de estrelas e clasificar os seus brillos ou magnitudes aparentes planeáronse distintos sistemas de nomenclatura ao longo do tempo.

O alemán Johannes Bayer publicou en 1603 un atlas de mapas estelares chamado Uranometría, no que as estrelas de cada constelación ían precedidas das letras do alfabeto grego seguidas do xenitivo do nome latino da constelación empezando polas de máis brillo, de xeito que chamou alfa á estrela máis brillante, beta á que lle seguía en brillo, e así sucesivamente. O inconveniente desta nomenclatura é que o alfabeto grego consta só de 24 letras, e hai unhas 70 estrelas visibles por constelación. Cando as letras do alfabeto grego resultaban insuficientes para unha constelación Bayer utilizaba as letras minúsculas do alfabeto latino, complicando así o método.

Coa aparición do telescopio constatouse a existencia de moitas máis estrelas, e de novo cuestionouse o tema da súa denominación.

O astrónomo inglés John Flamsteed realizou en 1712 o primeiro catálogo coa axuda do telescopio, denominado Historia Coelestis Britannica, utilizando números en lugar de letras, asignando un número a cada estrela na orde en que chegaba ao meridiano.

Co avance da tecnoloxía e dos telescopios, obsérvanse millóns de estrelas en cada constelación, o que dificulta máis a aplicación dos sistemas antigos.

As estrelas distínguense actualmente, non polo seu nome, nin letras, nin números, senón pola posición que ocupan na esfera celeste, isto é, pola súa ascensión recta e declinación.