26 dic. 2012

Pléyades (poema de Luz Pozo Garza)


Vin a derradeira lúa caer
do ceo

Vin incendiarse a Terra

Vin as míticas Pléyades
cando fuxían polo firmamento
do teimudo cazador Orión

As sete fillas de Pléyone

Vinas fuxir de Orión
cando eran virxes e princesas

Vinas entrar en Tauro
no seu zodíaco consteladas de pena
todas chorosas e demelenadas

Perderan o tocado de ouro puro
e perlas mouras
as máis prezadas que se viran nunca

Maya conserva a fita de platino
Alción leva rachada a túnica á altura
das sofraxes

Taicete tiña a cabeleira vermella
con reflexos dourados e violeta
o mesmo a fermosísima Celeno

Mérope extraviara nos espazos celestes
as sandalias de raso azul e de diamantes

Estérope ía espida de pé e perna

Contáronme chorando
que perderan na fuga á amada Electra
A irmá tan fascinante podería ser flor...

Cando eu as vin aínda
non chegaran noticias fidedignas desta perda...

Luz Pozo Garza

24 dic. 2012

ceo de nadal


21 dic. 2012