29 oct. 2010

retrato de nube

Xa que as nubes están feitas de auga, o seu retrato tamén.

28 oct. 2010

constelacións en baixamar




A flora e a fauna mariñas sempre deparan algunha sorpresa. Esta vez os vermes cavaron constelacións na baixamar. Unha baixamar de marea viva, a pesar de que a lúa está devalando (non estamos en novilunio nin plenilunio, nin solsticio nin equinoccio). É posible que os bechiños quixeran representar o Setestrelo e Casiopea, como se pode apreciar nas primeiras fotos. En canto á terceira, que mellor metáfora da Vía Láctea que esta acumulación de covas-estrelas sobre os brazos dun regato na area?
Despois de todo, as constelacións concebidas polas civilizacións humanas non deixan de ser algo completamente arbitrario.

21 oct. 2010

xúpiter e a lúa



Versión de Xúpiter e a lúa na praia de Rodeira no día e hora da imaxe de Stellarium en a simple vista (elcielodelmes).
De non ser pola lúa, e imaxinando que non existise contaminación lumínica , veríamos con axuda de prismáticos non só as lúas de Xúpiter senón tamén a Urano, ambos os dous entre as constelacións de Piscis e Acuario.

15 oct. 2010

por min, fico aquí

Se entre todos os planetas do sistema escollemos este sería por algo;
máis exactamente, por auga.
Chamarannos a atención as faixas de cor de Xúpiter, os aneis de Saturno coas súas brillantes lúas, as vermellas areas marcianas, os aceirados azuis de Urano e Neptuno ou a pálida e tóxica Venus. Pero, unha vez pousado o pé descalzo -ou a pata peluda - na superficie cálida da Terra, e sobre todo se probamos a mergullar nos seus dondos mares, quereremos ficar nela para sempre.

Se pensamos o contrario fagamos o seguinte exercicio:
1º tomar distancia para contemplala de lonxe co resto dos planetas
2º aterrar e admirar as fabulosas criaturas que nela habitan.





- por min, fico aquí- decidíu o urso branco.

14 oct. 2010

entre lusco e fusco





O novo planeta potencialmente habitable ten unha cara virada á estrela-sol do seu sistema sempre quente e iluminada e a outra fría e permanentemente en sombra, así que de vivir alí habería que facelo na zona intermedia e pasaríase do día á noite a cada momento nun contínuo lusco e fusco. Iso non sería un gran inconveniente, o problema segue sendo a insalvable distancia de 20 anos luz que nos separan del e a incerteza de que alí haxa auga líquida. De momento a NASA adianta que Gliese 581g xira nunha órbita case circular similar á nosa, que probablemente estea cuberto de rochas e con gravidade suficiente para reter unha atmósfera mais non asegura que esta sexa respirable.
Por tanto, estamos igual que estabamos, planeta non temos máis ca un, a Terra, e a nosa misión galáctica consiste en coñecelo, coidalo e disfrutalo e se nos peta despegar do chan e dividir o ceo pola metade transitando entre o día e a noite, como faríamos no mundo de Zarmina.

10 oct. 2010

solucións para o planeta Terra

Hoxe 10 de octubro de 2010 (10/10/10) celébrase por todo o mundo o “Día Internacional das Solucións Climáticas”.



350.org está a construír un movemento que una ao mundo en busca das solucións para resolver a crise climática ofrecendo propostas de actuación e chámase así porque 350 é o nº de partes por millón de CO2 que non pode ser ultrapasado. “Se non podemos volver a 350, según os científicos, o dano do cambio climático que xa estamos observando continuará e acelerarase. Sen embargo, 350 é máis ca un número, é un símbolo de cara a onde debemos dirixirnos como planeta.”

A seguinte curta de animación titulada “Abuela Grillo” é o resultado dun intercambio cultural de colaboración entre Bolivia e Dinamarca. Unha fábula inspirada nun mito ayoreo que mostra a loita dos pobos contra a mercantilización da auga.


6 oct. 2010

planeta alga

Tras un fin de semana de temporal algunhas praias quedaron sen area. Tamén a de Rodeira mudou: verdeceu a auga, a area fina sumíu facendo lembrar o antigo nome de "praia das areas gordas" e a beiramar viuse invadida por una longa fileira de algas pardas. Estas grandes laminarias viven mergulladas formando auténticos bosques. O intenso mar de fondo destes días removeu o seu hábitat e correntes submariñas e fortes ondas varáronas coma arroaces na franxa intermareal. Algunhas forman todo un ecosistema habitado por múltiples especies entre elas moluscos, crustáceos e outras clases de algas.



O chamado "mundo de Zarmina" ou Gliese 581g, ese planeta que din habitable e que orbita en 37 días unha estrela enana e vermella máis pequena e fría que o sol, seguramente non ten nin por asomo a diversidade que presentan estes esbaradizos planetas acuáticos.

3 oct. 2010

nubes de chuvia

Pese á chuvia que cae sobre Cabo Home, un tímido sol ilumina as Cíes e prende unha fogueira antes de desaparecer tras a cortina de auga.


1 oct. 2010

illa da Rúa

Esta illa da ría de Arousa, a uns 4 km da costa dende a praia de Cabío na Póvoa do Caramiñal e dunhas 4 ha de superficie, está constituída por grandes penedos graníticos cunha vexetación practicamente inexistente aínda que en tempos viviron alí fareiros. Quen mergulla nas súas augas fala das fabulosas especies mariñas que habitan o fondo enchendo de cor os pasadizos e grotas; entre as máis curiosas unha estrelamar de sete brazos chamada estrela de Honduras e o extravagante santiaguiño xunto con outros crustáceos non menos refinados, ademais das tímidas actinias, as intrigantes esponxas e os esquivos cefalópodos.