29 jun. 2013

botar a andar

 
Disque todos os camiños levan a Roma. Ou a Compostela, que foi onde chegou Samantha desde Bilbao, andando. Tras o merecido descanso e logo de repoñer proteínas no Ancoradouro, bótase a andar de novo praia adiante, sen se decatar de que é aí -onde se pon o sol tras o mar aberto- a onde quería chegar, o lugar onde acaba realmente a súa pereginaxe. Tanto ten a ruta do norte e o camiño primitivo, o camiño francés, o portugués ou a via da prata. Tanto ten desviarse a un mosteiro, a unha capela ou á mesmísima catedral de Santiago. Todo camiño que se precie persegue o horizonte do sol, o fin da tarde e da terra coñecida, unha liña inalcanzable que brilla na distancia, como un arco-da-vella que non pode atravesarse.
 
Detrás do horizonte, a casa de Sam, e un tanto máis perto á súa frente, Galiza, esa segunda casa que agora si, non queda máis que atravesar o Miño para alcanzala.

22 jun. 2013

sol-sticio

 
O sol non se move deste punto sobre o horizonte.
Dous ou tres días antes e despois do solsticio o sol está parado: avanzaba cara ao norte e xa non avanza máis. Despois do san Xoán volverá desandar cara o sur sobre os seus pasos e alcanzará de novo no solsticio de decembro o punto máis septentrional.
 

 
Xa que se trata dun día especial o sol hoxe disfrazouse de pagoda. Poderíamos construír un calendario de tipo stonehenge para incrustar o sol no medio e márcalo cunha pedra fita.
 
Stonehenge

chega o verán con algunhas nubes

 
 
Deste observatorio apréciase ben o repertorio de chapeus e outros abalorios de nube que enfeitan o Tegra.
 
 


 
No día do solsticio a praia prepárase para o verán e a chegada de bañistas.

1 jun. 2013

sol a camiño do noroeste

 
Entrando no mes do solsticio cada día o sol avanza un chisco máis a norte no seu orto e ocaso. Dende aquí semella un peregrino repetindo cada ano a ruta marítima cara a algún finisterrae que, ao serán, agotado do seu periplo, mergulla no leito mariño e dorme até de madrugada.