29 jun 2013

botar a andar

 
Disque todos os camiños levan a Roma. Ou a Compostela, que foi onde chegou Samantha desde Bilbao, andando. Tras o merecido descanso e logo de repoñer proteínas no Ancoradouro, bótase a andar de novo praia adiante, sen se decatar de que é aí -onde se pon o sol tras o mar aberto- a onde quería chegar, o lugar onde acaba realmente a súa pereginaxe. Tanto ten a ruta do norte e o camiño primitivo, o camiño francés, o portugués ou a via da prata. Tanto ten desviarse a un mosteiro, a unha capela ou á mesmísima catedral de Santiago. Todo camiño que se precie persegue o horizonte do sol, o fin da tarde e da terra coñecida, unha liña inalcanzable que brilla na distancia, como un arco-da-vella que non pode atravesarse.
 
Detrás do horizonte, a casa de Sam, e un tanto máis perto á súa frente, Galiza, esa segunda casa que agora si, non queda máis que atravesar o Miño para alcanzala.