26 oct 2009

Samaín, tempo de sombras

Se o equinoccio de Outono é o punto de equilibrio na transición da luz á escuridade, Samaín inaugura o primeiro cuarto da roda solar céltica que vai do atardecer do 31 de octubro ao 2 de febreiro, festa das Candelas, pasando polo Solsticio de Inverno que é o día en que o sol semella esmorecer.

A metade das estacións son datas significativas no ciclo solar: Samaín no medio do outono, Candelaria no medio do inverno, maios no medio da primavera e 1º de agosto na metade do verán. As crenzas celtas consideraban que a membrana que separa o mundo dos vivos e dos mortos era especialmente fina na véspera de Samaín, momento axeitado para transitar dun lado ao outro do espello e decatarse de que a dualidade con que enfocamos o real non deixa de ser un espellismo.

Esta ancestral celebración do final da colleita pasou a chamarse Halloween (All Hallow’s Eve ou véspera de todo o sagrado) nos séculos V ou VI, cando os pobos celtas se convertiron ao cristianismo. Na actualidade, Halloween voltouse unha celebración do consumismo, se ben en menor medida que esoutra festa de orixe solar que é o nadal.

É un tempo propicio para que as fadas, xentes devanceiras e seres do mundo físico se reúnan e rendir homenaxe en lugares onde se enterran os corpos e se espallan as cinzas. Tempo para acender un lume e lembrarlle ao sol que está só de paso dunha estación a outra.

Samaín é a celebración da deusa Escura, chamada Caillech nos pobos celtas e representada ás veces por unha vella de rostro azul (do frío), Baba Yagá nos pobos eslavos, raíña do inverno ou raíña das neves nos países nórdicos; e asociada probablemente á Lúa Minguante que é a manifestación da triple deusa na súa faceta de Sabia e protectora das sementes.

Tempo de volverse cara adentro e ralentizar a actividade, de lembrar seres cos que coincidimos na terra e xa non están.

Nas tradicións antigas os seres nacen nunha dobre dirección: pasan da materia á non-materia e viceversa que, como Yin e Yang, dan lugar unha á outra nunha roda sen fin.

Samaín serve de pretexto para facerse conscientes desa cara escura da realidade que pretendemos ignorar e que vai asociada ao branco e calcáreo esqueleto que permanentemente nos acompaña.

Para celebrar este Samaín, unha visita ao milenario dolmen de Chan de Arquiña, en pleno Jaján ou Monte Faro de Domaio, lugar frecuentemente visitado polas nubes ou a néboa, e un conto que saíu dalí.




O autobús da Santa

"Ese día a media mañá na metade xusta do outono, día que chaman de Samaín, Leica decidíu subir a Chan de Arquiña para facer unhas fotos á mámoa que hai no merendeiro. De camiño pasou o campo de golf e lembrou o tempo da resistencia veciñal, cando aínda se falaba de construír un corredor que ía rachar o monte e demoler achados do pasado a cambio de chegar antes ás praias no verán e estragar a estética do monte. En cambio, nese momento pareceulle o campo coas súas lagoas de beiras onduladas o único espazo esteticamente pasable na desolada paisaxe de eucaliptal a medias mutilado. A palabra que lle acudía á mente era EROSIÓN. De vir un inverno de persistentes cairos non quedarían máis que penedos pelados.
Na estrada aínda se cruzou cun par de automobilistas que con certeza a esa hora e nun día de semana non viñan de visitar monumentos prehistóricos. Unha egua preñada petiscaba na reseca matogueira e as únicas antenas telúricas que podían emitir algo de información eran os repetidores de televisión. Ao pasalos, virou á esquerda e estacionou a uns metros do dolmen. Desamalloou os zapatos e pousounos xunto co móbil perto dunha fonte de pedra porque non ía privarse de pisar terra nun lugar como aquel; relva rala, follas secas, pracer prohibido para os pés en permanente prisión; ademais ía coa intención de subir á laxe da arca que non quería profanar coas súas solas de goma nin con aparellos de nova tecnoloxía.
Ninguén por alí, perfecto. Logo de media ducia de fotos panorámicas, deixou tamén a cámara onda o resto das súas pertenzas e achegouse ao túmulo que ofrecía un aspecto de total abandono con restos de actividade humana astrados aquí e acolá. Algúns crocus enfeitaban o chan e entre ramas caídas asomaba o chapeu vermello dunha amanita muscaria. Mais a tumba parecía querer afundirse de novo na terra, a penas sobresaía a tampa quebrada da cámara central e as cubertas do túnel de acceso. Sentou enriba da máis grande a escoitar a cháchara dos paxaros e o barullo afastado dunha motoserra. A pedra estaba morna entre o sol velado polos castiñeiros. Pasou outro automóbil e despois cesou o ruído e as voces das aves. Non quería ou tal vez non podía moverse, coma se estivese baixo os efectos dun imán.
Igual se abríu o portal do tempo, como rezan as crenzas celtas, porque naquel intre interminable non pasaba nada, nin un movemento nin un pensamento; o único perceptible era a resonancia dunha lingua adormecida que falaba unha fala muda e antiga. Arredor, as árbores cos seus pigmentos de clorofila desvelaban a presenza de seres vexetais de rostro indescifrable que espreitaban en silencio sen que a máis leve brisa os perturbase.
De súpeto e sen motivo virou a cabeza como cando se sinte que alguén nos observa e víu detrás aquel extraño autobús que ningún rosmar de motor anunciara, algo que por outra parte podía terlle pasado desapercibido dado o estado medio hipnótico en que se sumira. Era un modelo un tanto en desuso, daqueles de contorno redondeado que xa non se ven circular polas estradas. Que raro, pensou, e seguíu mirando até que o autobús empezou a rodar en punto morto, sen ninguén ao volante. Achegouse o suficiente para constatar que dentro había alguén, o que lle arrepiou a caluga pois naqueles rostros non asomaba nin chisco de expresión e de seren ilusións ópticas non se parecían nada ás fermosas pinceladas de verde que ensoñara momentos antes. O autobús esbaraba paseniño costa abaixo tomando unha curva e adquirindo velocidade.
Leica non podía crer o que vía, preguntábase se sería un espellismo, un efecto visual provocado polos repetidores que se atopaban a escasos metros ou unha alucinación producida polas emanacións da amanita que se atrevera a fotografar. E cando se dispoñía a retroceder para saír daquel lance tan desacougante -a palabra que lle viña á mente era PANTASMAS- escoitou o estrondo dun choque. Pensando na posibilidade de que houbese persoas reais que precisaran axuda botou a correr cara o lugar por onde acababan de desaparecer. Aceleróuselle o corazón, pero por máis que bulíu non chegou a tempo máis que para ver esnafrado contra un poste o autobús que botaba un fume de cheiro noxento e tan mesto que ocultaba todo o que poidera haber dentro. Non podía ver nada, tiña que pedir axuda. Tusindo e arfando alancou de novo costa arriba e cos pés doloridos pola grava que tapizaba o asfalto pensou nos seus zapatos e no móbil que deixara na fonte e para poder describir o lugar exacto do accidente volveu a cabeza comprobando con horror que entre aquela fumareira cada vez máis azul e menos mesta non había nada, só unha morea de grosas faíscas que ascenderon até formar unha fila dobre que se dirixíu titilando cara a arca de pedra.
So a laxe, a fileira enroscouse en espiral e a continuación entrou no dolmen que se iluminou coma se fose un cristal e foi absorvida pola terra. A atmósfera tomou unha coloración metálica, unha tonalidade cobalto ou algo así e Leica, agora co corazón parado e o susto disipado coma o fume, non escoitaba máis que o murmurio que agromaba daquelas rochas case fosforescentes que volvían a actuar de imán, até que subíu de novo ao alto da laxe máis grande e alí sentíu o bater, un ronroneo profundo, lene e pausado, que sofronizaba os sentidos cal un canto de berce. Semellaba a respiración da Terra.
Saíu do ensimesmamento cando voltaron os paxaros e a motoserra. Un automóbil tuneado pasou coa música a todo volume e desapareceu pola curva pola que tiña sumido o autobús. O autobús da Santa.
Recolleu un par de latas enferruxadas que había ciscadas entre os ortostatos do dolmen e unha culler de plástico de cor laranxa. De volta ao coche aínda tivo a fortuna de encontrar un fermoso boleto comestible que cortou coidadosamente pola base do pé co mango da culler. Tirou o lixo nunha papeleira e pasou os pés por auga na fonte de pedra do merendeiro. Non esqueceu atar os amallós dos zapatos antes de acender o motor.
Ao chegar a casa e descargar as fotos, non víu ningún autobús. Só no sitio da fonte unha muller que alí non estaba…"

*****************************

21 oct 2009

castro de Cossourado

Situado entre dous ríos (o Miño e o Coura, afluente seu) no lugar denominado Monte da Cidade, este castro ou cividade foi construído durante a Idade de Ferro, habitado entre os séculos V e II antes da nosa era e abandonado antes de que chegaran as tropas romanas. Estaba defendido por dúas murallas que o rodeaban completamente e unha terceira muralla parcial cara ao oeste duns catro metros de espesor feitas de pedras e terra, con rampas e contrafortes de acceso.
Grazas aos traballos arquolóxicos, iniciados en 1993, sábese que algunhas das súas construcións servían de habitación, como almacén e para gardar o gando, e que a economía baseábase principalmente na recolección, agricultura e pastoreo, realizándose ademais actividades de pesca, fiado, tecelaxe, oleiría e metalurxia, entre outras.
Actualmente reconstruído en parte, ben conservado e con magníficas vistas aos catro horizontes, resulta un lugar máxico, propicio para observar as estrelas nunha noite despexada.


chuvia de estrelas

Estamos no tempo das Oriónidas, meteoros que son restos do cometa Halley deixados ao seu paso pola órbita da Terra.

Particularmente esta noite do 21 de outubro será o momento máis axeitado para contemplar estrelas fugaces, sempre que o tempo o permita, algo pouco probable por estas latitudes a menos que as nubes decidan darse unha volta e despexar o ceo. Poderían verse até uns 30 meteoros cada hora, espectáculo nada extraordinario tendo en conta a contaminación lumínica pois para conseguir enxergar unha desas fuxidías faíscas hai que abrir ben os ollos e buscar por entre a capa de luces que velan a atmósfera. Non así en tempos nos que a noite era totalmente noite.

Para imaxinalo voltemos a uns dous mil anos atrás e sentemos á intemperie diante da palloza dun castro...



Cando os restos do cometa, do tamaño de graos de area, chocan coa atmósfera da Terra e se desfarelan, transfórmanse en "estrelas" cadentes ou fugaces que raspan a atmósfera da Terra a unha velocidade de máis de 230 mil km/h, deixando unha pegada brillante debida ao roce e ionización producida nas capas superiores da atmósfera coas altas temperaturas da súa combustión.

Os meteoros poderían ser observadon a simple vista calquera día e a calquera hora, con boas condicións de visibilidade.

Hai outros períodos do ano nos que se poden observar centenas de meteoros por hora, como son as Perseidas, Leónidas, Táuridas, Xemínidas,...

O nome da chuvia de estrelas depende do seu radiante que fai referencia á constelación perto da que se observan máis estrelas fugaces nese momento (Perseo, Leo, Tauro,...) o que non deixa de ser unha ilusión óptica, xa que os meteoros atinxen a atmósfera terrestre en traxectorias paralelas entre si pero que, como sucede cos lados dunha estrada, semellan xuntarse no horizonte.

Cada unha desas chuvias acontece cando a Terra, no seu movimento de translación arredor do Sol, atravesa zonas onde se concentran partículas rochosas deixadas por cometas ou asteroides que transitaran polo noso Sistema Solar.

En raras ocasións anacos rochosos maiores atravesan a atmósfera chegando á superficie da Terra en forma de candullos, abrindo un cráter se son de grandes dimensións ou desintegrándose no camiño despois de atravesar como unha bola de lume o ceo. Son os meteoritos, nome aparentemente contraditorio xa que o seu tamaño é considerablemente maior que o dos diminutos meteoros.

18 oct 2009

as pedras de Laura

Pedras
View more presentations from dadeva.

14 oct 2009

serán de outono



Non é a tarde do equinoccio porque xa pasou algo máis de medio mes, mais pola intensidade e o cambiante das cores valeu a pena papanear. Ademais, dende este observatorio -o paseo á carón do museo do Mar en Alcabre- as illas actúan de "pedras fitas" ou referentes de medición, sempre que se observen dende o mesmo punto, neste caso un banco, o primeiro dende o museo.

En tempos máis remotos facíase outro tanto, e tanta debía ser a fascinación -e a necesidade de prever as estacións- que dalgún xeito había que inxeniarse para medir e marcar certas datas. Entre as máis importantes estaban os equinoccios, como se pode ver no seguinte vídeo encontrado en youtube e gravado no mencer da mañá do 23 de marzo de 2005 en Loughcrew, Irlanda. Nel pódese observar concentrado nuns poucos minutos o paso dos raios do sol sobre a laxe situada ao fondo dun túmulo. Un momento especial no que a luz chama a atención sobre os "deseños do tempo" que o resto do ano dormen placidamente na escuridade.

13 oct 2009

estela de cúmulos