30 oct. 2012

aves observadoras de nubes

Elas súbense aos mellores observatorios do peirao para enxergar o ceo e pasar as horas pasmando
 



 
mais o duende da poesía supéraas a todas, invencible ao paso das horas e dos días no seu dragón alado.

29 oct. 2012

ceo ovellado

Os cúmulos acumúlanse sobre a ría, Cíes, Castro, Ghaghán... desde este miradoiro privilexiado na proa do barco de pasaxe.
 
 



Choverá mañá? O refrán di que si, ou de aquí a tres días...
 
Ceo ovellado, chan mollado
Ceo ovellado, mañán mollado
Ceo ovellado, aos tres días mollado

28 oct. 2012

I congreso internacional de observadores de nubes



 
Na Granxa Barreiros, en Sarria, tivo lugar o insólito encontro de nubólogos e nubólogas, amantes desas etéreas criaturas que bogan na atmósfera e nos regalan sombra, chuvia e toda clase de fantasías. Un fin de semana intenso, entre científico e poético no que non faltou de nada: a charla inaugural de Gavin Pretor-Pinney quen preside a Cloud Apreciation Society, a didáctica explicación do noso home do tempo sobre a formación e evolución das nubes, relatos de nuberos bruxos que conxuran treboadas lanzando zapatos ao aire, leccións de fotografía, astronomía e visións maravillosas do ceo a través da arte; ademais de paseos á caza de nubes, por terra e por aire en globo e paratrike.

A noite do sábado observamos o paso da estación espacial internacional que se dirixía á lúa case chea cal estrela fugaz con paso demorado. Pero a verdadeira estrela desa noite foi o concerto o latido das nubes e outras melodía seguindo o método cardiofónico, con zanfoña, clarinete, oboe/corno inglés, órgano de Barbaria e caixa de música acompañados dos latidos de corazón que o doctor Iriarte gravara aos seus pacientes.
Inenarrable. Hai que escoitalo e estar alí para sentilo.


Sábado de mañán, ceo cuberto sobre os campos da granxa Barreiros.

Sábado tarde, nubes e claros, nada de vento.

Nubes cargadas de chuvia que descargaron á noite.

Ceo sobre o chapeu dunha amanita muscaria.

Nube atrapada no cogumelo.

Paseo á caza de nubes.
 

Estación espacial internacional riscando o ceo nocturno.

 

As nubes que cubriron o ceo todo o sábado retiráronse discretamente o domingo deixando o ceo despexado e azul, máis propicio para un paseo aéreo.


 Paratrike e globo.
 


 
Paseo por  terra á igrexa románica de Santiago de Barbadelo.

25 oct. 2012

calendario de chuvias de estrelas

O domingo pasado fugáronse algunhas estrelas rozando Orión. É un fenómeno digno de verse, tumbándose e envolvéndose nunha manta, no balcón, no xardín, na praia...

Para non perdernos a próxima oportunidade:

CALENDARIO DAS CHUVIA DE ESTRELAS

13 oct. 2012

illa Tegra


Normalmente a néboa sube do río ou do mar polas mañás, cubre a aba do monte e forma unha illa, unha illa mítica que navega nun mar de nubes.