27 mar. 2009

imamagini dell'universo dall'antichità al telescopio

Do 13 de marzo ao 30 de agosto de 2009, na cidade de Firenze, exposición no Palazzo Strozzi, "Immagini dell'universo dall'a antichitá al telescopio".



Fantástica mostra de modelos cosmolóxicos, códices, achados arqueolóxicos, instrumentos astronómicos, debuxos, esculturas e pinturas, ademais de múltiples e sorprendentes recursos multimedia para realizar unha viaxe a través da evolución do pensamento humano, as visións do mundo de distintas civilizacións e os fenómenos do ceo na creación artística.

Unha viaxe por Mesopotamia e Exipto, a época romana, os mitos e as súas representacións, as primitivas medidas do tempo, a idade media, o renacemento, a astronomía árabe, a pretendida e pretenciosa evanxelización do cosmos, os mapas, os fascinantes instrumentos científicos e a revolución que supuxeron as observacións de Galileo grazas ao telescopio.

25 mar. 2009

concerto para primavera

O vinte de marzo comezou este ano a primavera, e que mellor forma de anunciala, igual que fan as aves, que con un concerto. Sobre todo se o concerto se celebra na cidade de Florencia, tan mítica en encantos e encantamentos.

No Instituto francés de Firenze e dentro do festival internacional de piano Pianorama, un concerto para dous pianos e para piano a catro mans interpretado polas pianistas Ana Queirós e Christina Margotto, portuguesa e brasileira respectivamente, podía ser unha boa maneira de celebrar a chegada da primavera.

Desde a primeira peza, de Antonio Soler, até a última, maravillosa, de Samuel Barber, o programa non deixou decaer a atención en ningún momento.

Con dedos áxiles e unha sutil danza vertebral acompañando o movemento dos dedos, as intérpretes conseguiran facer voar a fantasía, levándonos da man por paisaxes oníricas e máxicas.

Con Ma mère l’Oye de Ravel devolvéronos os personaxes dos contos da infancia, co cuco anunciando a primavera no medio do bosque, os palacios de belas e principesas e as fadas dos xardíns.

Alegre baile de mans con catro das danzas húngaras de Brahms, que por certo foron compostas orixinalmente para piano a catro mans ainda que posteriormente Brahms arranxou algunhas delas para piano só e algunhas outras para orquestra.

A sorpresa foi encontrarse cun compositor que acrecentou máis os lazos que nesta beira norte do Miño sentimos por Portugal. Lopes Graça rescatou, con gosto e sensibilidade contemporánea, cancións populares portuguesas coas que en boa parte nos identificamos na Galiza. Disfrutamos inmenso! Tanto que tentamos convencer ás artistas para traer o seu traballo á nosa terra, onde sería de grande interese dar a coñecer a obra deste compositor tan cercano a nós.

Disfrutamos tamén con "París 1937", outra peza, de carácter ben diferente, tamén de Lopes Graça que ademais de lúdica foi capaz de transportarnos co seu ritmo e guiños melódicos á beira do Sena no París doutros días.

Por todo, polo acertado do repertorio e polo ben facer das pianistas, que puxeron na interpretación das obras a súa capacidade de diálogo musical, a súa inspiración e paixón, valeu ter ido a Firenze, cidade que nos encantou... esta vez coa súa música.


23 mar. 2009

a lúa de Pi

 
Posted by Picasa

Así estaba a lúa o 13 de marzo a case as once e media da noite, e así foi como Pi a víu dende a terraza, como un xigantesco ovo de dinosaurio.

6 mar. 2009

astrónoma miña

Neste día da muller de 2009, lembraremos a mulleres astrónomas, cosmonautas e astronautas, ademais das que saen no calendario "Ela é unha astrónoma", que se pode descargar tamén desde esta páxina (nunha das entradas do mes de decembro).

Unha serie de enlaces a páxinas web para botar unha ollada ao traballo das mulleres nas ciencias espaciais e que nos servirá para constatar, por unha banda, que aínda hoxe os tempos da igualdade entre xéneros non son chegados, mais por outra que as mulleres sempre souberon ollar e voar ben alto.

Mulleres na astronomía

Caroline Herschell e as estrelas variabeis

Henrietta Cisne Leavitt e as cefeidas

Sophia Brahe e a posición dos planetas



En homenaxe, a Sarabanda de Bach interpretada por Yo-Yo Ma, acompañando todas esas transformacións de sucesivos rostos de mulleres na pintura.