28 abr 2010

descendentes dun asteroide?

A auga e a materia orgánica podían ter chegado á terra nun cometa ou nun asteroide, como acaban de descubrir uns astrónomos de dúas universidades de Florida grazas ao telescopio de infravermellos da NASA en Manua Kea: o asteroide 24 Themis, situado entre as órbitas de Marte e Xúpiter, está cuberto por unha capa de xeo e contén tamén materia orgánica. Iso significa que os anacos desprendidos dun asteroide desas características en forma de meteoritos poden ter caído na Terra e dado orixe á vida. O descubrimento representa un banzo máis nesa escada que nos leva ao posible principio da nosa existencia.

19 abr 2010

leque de nubes

18 abr 2010

texturas de azul



 
Esta tarde o ceo deu con tonalidades de intenso azul e con elas e mans hábiles manchadas de luz iniciou un retrato debuxando un sorriso que rapidamente emborronou...

unha volta pola historia do universo

Sempre aparecen dúbidas á hora de aceptar explicacións sobre o que non se pode percibir por infinitesimal ou infinito, como cando queremos remontarnos ao principio dos tempos. Aínda que o estimado telescopio espacial Hubble teña fotografado a infancia do universo en 1995 no que se deu en chamar campo profundo do Hubble, un recanto de ceo no bairro da Osa Maior onde se aprecian novísimas e antiquísimas estrelas; e en 2004 o campo utltraprofundo con trazas de luz emitida hai máis de 13.000 millóns de anos dun xovencísimo Universo de "só 800 millóns de anos".

15 abr 2010

pascua e primavera


Por aquí e acolá símbolos da pascua e da primavera.
Significado do coello: fertilidade. O coello branco das mitoloxías celtas e pagás saía da floresta traendo ovos de ouro que agochaba nos ocos das árbores; nas nosas tradicións gastronómicas achantamos ovos nas roscas de pascua e atopalos é signo de boa fortuna.
Significado do ovo: renovación, comezo dun novo ciclo que lembra o símbolo do tao: o que estaba baixo terra abrocha, a vexetación coas súas mellores galas inza sen parar; máis tarde murchará de novo e voltará á terra, unha e outra vez. É o momento de equilibrio entre día e noite mais nesa simbólica loita no hemisferio norte é tempo de virar cara á luz.

O domingo de pascua celébrase a partir do primeiro plenilunio despois do equinoccio de marzo; daquela, na semana santa sempre temos lúa chea o que non deixa de ser un paradoxo: os tres días de espera até o domingo de resurrección deberían corresponder a eses tres días de novilunio nos que a lúa non aparece no ceo.

A palabra Easter (pascua en inglés) vén do nome da deusa celta Ostara, ou da teutona Eostre cuxa festa se celebraba na lúa chea do equinoccio de marzo.

14 abr 2010

atardecer piramidal

 
Os atardeceres da cidade asoman entre as calellas, como esta que cruza a avenida das Camelias. O ceo parece imitar o horizonte que ten debaixo.

10 abr 2010

sol pagoda


Curioso efecto do sol ao poñerse sobre Cabo Home visto desde o Castro.