12 oct 2008

Metáforas

Na noite dos tempos ceo e terra namoraron no cume da montaña. Foi alí onde os indios navahos acharon unha pedra azul, a que enseguida convertiron en deusa. Dos seos da deusa -un de cunchas brancas e outro de contas de turquesa- naceron a Lúa e o Sol.

O sol nace no mito dunha pedra. A pedra vén dun sol porque os pesados elementos que a forman proveñen do interior de estrelas moi quentes cando estouraron en forma de supernovas. Eses elementos forman a auga e a materia do corpo, esqueleto de pedra calcárea incluído.

Vimos do sol, de soles diversos. Hidróxeno que se volve Helio, producto de reaccións de fusión nuclear. O núcleo dun átomo que tería un só protón fusiónase con outro con outro protón e crea un elemento novo que xa ten dous protóns no seu núcleo. Como resultado desprende unha fabulosa cantidade de enerxía. Tanta como para manter todo un sistema de planetas en diferentes órbitas, cos seus respectivos satélites, asteroides e cometas e demais. Tanta como para movilizar todo un ecosistema planetario.

O sol naceu dunha nube de gas que xiraba bulindo a grandes temperaturas. Parte do gas exterior arrefeceu e condensou en forma de planetas (astros que polo seu tamaño non chegaron a ser soles).

Nun deles depositáronse e combináronse nalgún momento os materias provenientes dalgunha remota estrela incandescente, estrela morta que ao estalar dispersou átomos polos espacios siderais.

De non ser polas supernovas non terían aparecido os átomos que constitúen as cadeas de ADN, onde se encontran as codificacións que dan lugar ao que manifestamos e somos.

Entre a supernova e a chegada dos elementos a este planeta-casa sucedéronse eras incalculabeis. Iso aconteceu moito tempo atrás de ter nacido o sol, moito antes de 4.500 millóns de anos atrás.

Combináronse elementos, atracción, repulsión, mutación e evolución. A casa redonda foise volvendo amable, que naquelas circunstancias viña querendo dicir respirable.

Daquela foron aparecendo diversas criaturas portadoras de algo chamado vida, cualidade consistente en nacer e perecer para continuar avanzando a cambio de traumáticas transformacións.

Metamorfoses con fases acuáticas, aéreas, terrestres, metálicas.
A partir dos átomos dalgúns elementos, vamos creando cristais, multiplicando células, seguindo o campo mórfico de crecemento de cada especie, pasando do medio acuático ao ar, e por fin á terra que nos desintegra e co paso do tempo nos volve de novo minerais.



Para saber máis sobre o sol, preme aquí
ou escoita esta historia