26 may. 2009

Caroline Herschel, astrónoma detrás do telescopio


CARTA DE CAROLINE HERSCHEL(1750-1848)
Un poema de Siv Cedering (1986)

William está fóra, e estou a tomar conta
dos ceos. Descubrín
oito novos cometas e tres nebulosas
nunca antes vistas polo home,
e estou preparando un índice
das observacións de Flamsteed, xunto
cun catálogo de 560 estrelas omitidas
no Catálogo Británico, ademais dunha lista de erratas
nesa publicación. William di
que teño xeito cos números, por iso encárgome eu
de todas as reducións precisas e
cálculos. Tamén planifico o programa
de observacións cada noite,
e o que el chama a miña intuición
axúdame a virar o telescopio para descubrir
cúmulo estelar tras cúmulo estelar.

Axudeille a pulir os espellos
e lentes do noso novo telescópio. É
o máis grande que existe. Podes imaxinar
a emoción de dirixilo a algún novo
canto do ceo para ver
algo nunca antes visto
desde a terra? Eu realmente disfruto
con que estea ocupado coa Royal Society
e o seu clube, para cando remato meu outro traballo
poder pasar a noite toda pescudando
os ceos.

Ás veces, cando estou soa
no escuro, e o universo revela
aínda outro segredo, digo os nomes
das miñas queridas, perdidas irmás, esquecidas
nos libros que rexistran a nosa ciencia

Aganice da Tessalia,
Hypatia,
Hildegarda,
Catherina Hevelius,
Maria Agnes

… como se as estrelas mesmas puidesen lembrar.

Sabías que Hildegarda
propuxo un universo heliocéntrico
300 anos antes de Copérnico? que ela
escribíu sobre a gravitación universal 500 anos
antes de Newton? Pero quen a tería escoitado
a ela? Ela era só unha freira, unha muller.
Cal é o noso tempo, se ese tempo é escuro?
Como o meu nome, que tamén será
esquecido, pero eu non son acusada
de ser unha meiga, como Aganice,
e os cristiáns non ameazan
con arrastrarme á igrexa, para asasinarme, como fixeron
con Hypatia de Alexandría, a elocuente
rapaza que concebíu os instrumentos
usados para medir con precisión a posición
e movemento dos corpos celestes.

Por máis que vivamos, a vida é curta, entón eu
traballo. E aínda que o home se torne importante,
non é nada comparado coas estrelas.
Hai segredos, querida irmá, e é
asunto noso revelalos. O teu nome, como o meu,
é unha canción.

Escribe en breve,
Caroline

Na primeira metade do século XIX, Caroline Herschel, seu irmán William e o fillo deste, John, identificaron e catalogaron miles de galaxias, entre outros obxectos.