12 ago. 2009

Perseidas e chuvias de meteoros: o medo ao descoñecido

Cada ano os restos do cometa Swift-Tuttle entran na atmósfera terrestre formando a chuvia de meteoros das Perseidas. Acontece todos os anos sobre o 12 de agosto.

Hai uns anos, durante unha palestra no Observatorio Astronómico de Lisboa (OAL), o conferenciante contou que preparaba un libro de historias contadas por maiores que viviran a experiencia de presenciar chuvias de estrelas dunha profusión de meteoros tan extraordinaria que algunha xente achaba que o mundo estaba acabando.

Tal vez o libro non se publicou, pero había un par de anecdotas que o home contou e que aínda lembro.
Unha era dunha familia que vivía na aldea e cada pouco tempo lle desaparecía unha galiña. Como non había indicios de que o galiñeiro fora atacado por unha raposa ou outro animal depredador calquera non entendían que podía pasar, pois levábanse ben co vecindario. En particular había unha veciña que pasaba naquela casa moitas veladas e participaba na preocupación por aquelas desaparicións. Até que unha noite unha intensa queda de meteoros levou á muller a pensar que se achegaba a fin do mundo e horrorizada decidíu confesar o delito: era ela a autora dos roubos.
Pero o mundo non se acabou daquela.
Noutra historia, un home maior contaba que aos seis anos, alá polos anos vinte, perdera o seu pai e a familia para consolalo contoulle que o pai viaxara a unha estrela polo que el á noite asomaba á xanela para contemplar as estrelas e rezar ao pai que lle mandase un sinal desde o ceo. Unha desas noites comezaron a chover estrelas e estrelas e o rapaz pensaba que era seu pai e que se excedía un tanto enviando sinais.
Adriana Calcanhoto ten unha canción apropiada a estas historias.

Noutro tempo, e tal vez actualmente nos sitios onde non chega a tecnoloxía, os fenómenos do ceo, tais como un eclipse de sol, produciron inquedanza e desacougo.

Imaxinemos como sería antes de que Galileo apuntase á lúa e aos planetas co seu telescopio!