18 jun 2010

virgo, ceres e corpus

Igual que acontece coa festa de nadal a festa de corpus está relacionada coa constelación de Virgo e a súa estrela Spica. Esta festividade chámase tamén día da Espiga ou (en Portugal) Quinta feria da Espiga , día en que tradicionalmente ían rapaces e rapazas recoller espigas e flores silvestres coas que facían ramos que se gardaban todo o ano. Tapizar as rúas con alfombras de flores é algo que se continúa facendo neste día por estas latitudes.

Isto debeuse celebrar con distintas variacións desde que a humanidade descubríu a agricultura alá polos comezos do Neolítico dedicando a festa ao longo das civilizacións a distintas divindades sempre femininas como a deusa babilonia Isthar, a exipcia Isis, a grega Deméter ou a romana Ceres -por certo, patroa de Sicilia, illa de forma triangular que foi colocada no ceo polo deus Xúpiter a petición de Ceres na constelación Triangulum-, representada de xeito parecido á constelación de Virgo.

Similares representacións da deusa Ceres e da constelación de Virgo.

De Ceres deriva a palabra cereal e existe un asteroide chamado Ceres orbitando no cinturón de asteroides, entre os planetas Marte e Xúpiter, descuberto desde Palermo por Giuseppe Pazzi o 1 de xaneiro de 1801.

A constelación de Virgo está chea de connotacións agrícolas e simboloxía cristiá, ademais de Spica ou Espiga (α, estrela dobre de magnitude 1,0 e a unha distancia de 20 anos-luz) ten a estrela Vendemiatrix ou Vendimadora(ε) e cada unha delas alude a estacións opostas: Spica á primavera, colleita de froitos e cereais (pan, "corpo") e Vendemiatrix ao outono, vendima (viño "sangue"), momento en que a constelación se encontra en conxunción co sol sendo por tanto invisible.

Virgo é unha zona do ceo a través da que se poden observar multitude de galaxias e obxectos do ceo profundo, ao norte da constelación pode verse un "racimo" ou cúmulo de estrelas que constitúe o núcleo da constelación Coma Berenices ou Cabeleira de Berenice.

Na súa columna do domingo 13 de xuño MANUEL VICENT escribíu sobre a celebración do Corpus que como tantas outras no calendario vén de antes de antes...