24 sept. 2010

serra da capelada, san andrés e a barca de pedra



Na serra da Capelada as pedras que inzan entre fentos e carrascos semellan mensaxes cifradas provenientes do interior da terra. Ademais de falar do pasado xeomórfico de Gaia, contan historias fabulosas de almas que procuran o paraíso máis alá de onde acaba o mundo, na illa da Eterna Felicidade, igual que na Avalon celta ou na grega illa das Hespérides. Para chegar a ela, igual que na peregrinación a Santiago, séguese o rastro da Vía Láctea que no verán percorre o ceo de leste a oeste pasando por constelacións como Perseo, Casiopea, Cefeo ou o Cisne onde bifurcada continúa cara a Águia, o Escudo, Saxitario, Auriga, Tauro, Orión e Can maior.
Pero a Vía Láctea vai mudando de posición segundo as estacións, así que é máis ben o propio Sol, unha estrela tamén da galaxia, quen orienta estas peregrinacións aos diferentes cabos do mundo e que en distintas civilizacións aparece representado percorrendo o ceo unhas veces sobre un carro e outras a bordo dunha barca.

En “La tumba del último druida” José Lesta e Miguel Pedrero comparan un relato recollido no século VII sobre Donn, a quen fai alusión o nome de Donón, coas lendas sobre San Andrés de Teixido. Segundo reza o relato o príncipe celta Donn, fillo do rei Mil, embarcou cara Irlanda xunto co irmán e outros vintecatro homes coa intención de invadir a illa mais a embarcación naufragou e a tripulación con ela. As últimas palabras de Donn foron “A miña casa habedes de vir despois da vosa morte”, palabras que na lenda de Teixido convertíronse en:
"quédate eiquí, San Andrés,
que de vivos ou de mortos
todos te virán a ver".
O lugar continúa convocando a peregríns de toda caste. Hai quen deixa panos anoados nos arames e nas pólas dos arbustos, quen leva exvotos de cera, acende cirios, bebe na fonte dos tres canos, apaña herba namoradeira ou carrega pedras do camiño para depositalas nos milladoiros simbolizando así que acompaña as almas presas nelas para que crucen o mar e alcancen o Paraíso.
San Andrés de Teixido é un pobo situado frente a alta mar sen o abrigo de ningunha ría e gardado só por uns illotes; o máis grande, Pena Gabeira, é popularmente coñecida como barca do santo por ser considerada a mítica embarcación na que o santo recuncou nestas costas.
Nunha barca chegou tamén a virxe a Muxía onde o leme convertíuse na pedra dos cadrís e a vela na pedra de abalar. Por non mentar a Santiago (peregrinación con overbooking) que veu a estas terras por mar a través da ría de Arousa, navegou polo Ulla até arribar a un lugar onde a súa barca de pedra foi amarrada a un pedrón (Padrón).
Como sucesores de Caronte, a virxe e mais os santos herdaron a angueira de acompañar as almas por bosques e cantís na súa viaxe ao Hades, inframundo que se ubicaba no océano, útero planetario do que todo organismo saíu e ao que todo volta. Caronte pasaba os mortos na súa barca a través da lagoa Estixia ou do río Aqueronte para o que había que pagarlle co óbolo ou moeda de prata que os mortos levaban debaixo da lingua ou sobre os ollos. Se non tiñan con que pagar agardaban decenas de anos até que Caronte accedía a pasalos sen cobrar.
Pero ese non vai ser problema para nós que xa peregrinamos ao fin do mundo e coñecemos ben o camiño...