4 abr. 2011

historias novas de antigas civilizacións


 En 2004 pasamos tres días  con Druvalo  na serra de Cazalla, en Sevilla, nun lugar chamado La Cartuja nun taller que reuníu unhas 200 persoas de distintas partes do mundo.

Naquel lugar bucólico escoitamos, entre o asombro e o escepticismo, a este chamán da Nova Era que relacionaba temas dispares dentro dun curioso universo mítico rexido por códigos ancestrais e contando cada pouco anécdotas e historias extraordinarias que el mesmo decía non facía falta crer. Historias algunhas tan incribles como relatos fantásticos, igual de fascinantes.

Falaba da  flor da vida,  base xeométrica na que se sustenta a estructura da realidade, da que parece saír todo: os sólidos platónicos, a lente, a luz, o óvulo fecundado,...

Con este principio foi pasando do organismo humano ao cosmos, do átomo ao merkaba -esfera eletromagnética que envolve o corpo como unha galaxia-,  a proporción áurea, a secuencia binaria e a de Fibonacci coas súas respectivas espirais; en suma, a relación entre o microcosmos e o macrocosmos nunha infinita sucesión de fractais que crean o tecido  do  universo.

Mummos de Mali, Hermes/Thot, Lemuria e Atlántida, mito ou  fantasía. O máis sorprendente, experimentar cos ollos tapados un espazo dentro do corazón onde desaparecen a polaridade e o tempo e se recrea o universo. Iso era do que trataba o obradoiro que el chama "Living in the Heart". O  camiño para chegar a un universo feminino, unha nova maneira de entender a vida. Para describilo non hai vídeos, nin palabras.