9 jun 2011

kepler e a harmonía das estrelas

Para Kepler a natureza é música, os astros forman parte da natureza e a harmonía é a lei que rixe a natureza. Quizais el escoitou a canción cantada polos planetas.

Probou a explicar o funcionamento dos astros con modelos xeométricos mais os sólidos platónicos non conseguían encaixar. Marte levaba un ritmo extravagante...

Coa axuda das precisas medicións de Tycho Brahe, Kepler realizou un descubrimento de transcendental importancia: que as órbitas dos planetas arredor do sol non eran circulares senón elípticas.
Enunciou as súas famosas tres leis e unha semana despois de enunciar a terceira lei houbo un acontecemento en Praga, a cidade onde vivía, que desencadeou a guerra dos trinta anos o que aínda complicou máis a súa vida.

Unindo as observacións de outros e a súa rica imaxinación foi o primeiro en descubrir como se moven os planetas, e tal vez dos primeiros en "viaxar á lúa"! No seu libro “Somnium” (Soño) fala de dous tipos de habitantes, os subvolves que vivían na cara que dá á Terra e os privolves, que habitaban o lado oculto, e facían viaxes á outra cara para contemplar o noso precioso planeta.

Pitágoras mostrou a relación entre a matemática e a música experimentando con cordas que vibraban e dividíndoas en diferentes partes ou intervalos: unha corda dividida pola metade dá lugar á mesma nota unha octava máis alta porque ten o dobre da frecuencia; na escala de do, 2/3 da corda é un sol ou intervalo de quinta e os 3/4 é unha cuarta ou distancia de do a fa.

O son é unha onda cunha determinada lonxitude de onda ou frecuencia. A sucesión de determinadas frecuencias forman unha escala, que pode ser maior ou menor dependendo da posición dos intervalos e cando as frecuencias combinan dan lugar á harmonía.

Unha curiosidade:
Se queres afinarte e non tes diapasón, descolga o teléfono (fixo) e obterás a nota de referencia para que poidas cantar toda a escala.
A frecuencia do tono ao descolgar o teléfono é de 440 hz, é decir un LA, que é a frecuencia do diapasón.
A partir de agora non hai escusa para desafinar.