17 nov 2011

tempo ao tempo

"A ensoñación, que é ao pensamento o que a nebulosa á estrela, limita co soño e a el concerne como fronteira. Unha atmosfera habitada por transparencias viventes: velaí o comezo do descoñecido. Mais alén diso ábrese o Posible, inmenso. Hai alí outros seres, outros feitos. Non o supernaturalismo, só a continuación oculta da natureza infinita… O soño está en contacto co Posible, que tamén chamamos o improbable. O mundo da noite é un mundo. A noite, en canto noite, é un universo… (…) o eterno misterio que chamamos Soño, e que non é outra cousa que a aproximación dunha realidade invisible. O soño é o acuario da Noite.”                               
Victor Hugo, Os traballadores do mar
(citado por Ursula K. Le Guin en “A roda celeste” )

A nebulosa mental fabrica fantasías feitas de ideas -cal poeira loucas e dispersas-, materia prima con vontade de virar estrelas. No pensamento nebuloso a economía base do sistema social actual non terá razón de ser porque o papel relevante pasa a ser ocupado pola ecoloxía, como ciencia e xeito de vida.

Cambios na radiación solar poderían transformarnos en seres autótrofos para sermos quen de regular o nivel enerxético sen precisar un constante suministro de bebida e alimento, nin soma ou calquera outro sustituto. A propia saliva nos activará, como a saiba aos vexetais. Simplemente o noso organismo sintetizará azúcar a través de complexas reaccións enzimáticas, e o producto dese metabolismo convertirase na nosa fonte de ambrosía.
 
Unha vez agotados os combustibles fósiles e botado man de recursos xeotérmicos e xeomagnéticos, explotación a maior escala de excedentes de materiais reactivos e diversas tentativas de utilización de biomasa, enerxías eólica e fotovoltaica a pequena escala... finalmente acadarase a fonte primaria que revolucionará o sistema a nivel mundial mudando radicalmente o paradigma de pensamento e hábitos de convivencia e supervivencia, que axiña caerán no esquecemento.

Desprazarémonos a velocidades impensables -a da luz dará risa?- por teletransportación en veículos merkaba individuais ou colectivos, desafiando definitivamente a tecnoloxía e a lei da gravidade.
Procesar e transmitir información sen máquinas será o cambio máis rompedor. Adeus fibra óptica, adsl, wifi, ipad,  iphone e todo o que veña despois. As ondas cerebrais clasificaranse por microfrecuencias,  un chip-adn dará cabo do que sabemos ou queremos saber e a información terá carácter práctico. Non acumularemos máis porque canto se precise estará ao noso alcance; reutilizarase o que mereza a pena, reparando e reconstruíndo o que estaba ben feito e só se teña gastado ou estragado. A natureza contaxiará todo co seu ciclo de rexeneración e entraremos en harmonía coas estacións e os procesos vitais daquilo que nos rodea.



As emocións serán transmutadas en inspiración. A inspiración en creación. A creación en diversas formas de indubidable beleza. Cada célula do planeta, contándonos entre elas, estará pendente  do organismo enteiro. Como un corpo que se cura dun cancro descontrolado e expansivo, a Terra sarará dos seus excesos, poñéndose máis ufana e bonita do que o teña estado en calquera outra era, e con ela todo o que nela existe. Bastará con sintonizar unha determinada frecuencia e quen consiga facelo transmitirallo a máis alguén e así sucesivamente.  Até que finalmente, tamén o planeta Terra desapareza e con el as súas criaturas. Mais daquela xa se terán extinguido todas as especies pasando a ser un contributo infinitesimal á materia do universo dando cabo de si noutra esfera potencialemente habitable para comezar de cero en forma de bacterias. En todo caso, algo que non se alcanza a medir, a enerxía intanxible da que participamos mentras vivimos, continuará crecendo sen cesar, sumándose á imparable expansión das galaxias. Que máis se pode pedir? O universo seguirá sendo a nosa casa!