29 dic 2010

pescarán nubes?



 



24 dic 2010

a dura vida do vello Nicolás

Un poema de Neil Gaiman en versión vídeo, encontrado en Vimeo estes días:

"Nicolás era máis vello que o pecado, a súa barba non podía estar máis branca. Quería morrer.

Os ananos nativos das covas do Ártico non falaban na lingua del senón nunha leria propia e realizaban rituais incomprensibles cando non estaban traballando nas fábricas.

Unha vez ao ano obrigábano, entre bágoas e baixo protestas, a ir pola Noite Sen Fin. Durante a xornada permanecía ao lado de cada criatura do mundo deixando un dos presentes invisibles dos ananos ao pé da cama. As crianzas durmían, conxeladas no tempo.
El envexaba a Prometeo e Loki, Sísifo e Xudas. O seu castigo era máis sombrío.
Ho.
Ho.
Ho."

23 dic 2010

merry christmas mr lawrence

Non vimos a lúa sangrante, o eclipse foi eclipsado polas nubes.
Ula a lúa?!! Que desolación.
O sol morreu esa mesma tarde. Pero os libros sagrados contan desde tempo inmemorial que ao terceiro día resucita e volta a nacer entre as estrelas dunha constelación zodiacal, que en tempos foi virxe (Virgo) e agora amazona (Saxitario).



Podemos contarnos as historias que queiramos que poderán asombrar ou aborrecernos, podemos acreditar nunha, en todas ou en ningunha; o que non podemos é tan siquera imaxinar que o sol non volva mover o rodicio do tempo.
Non é raro que celebremos o sol nado, cada nadal.

20 dic 2010

eclipse de lúa e solsticio de decembro

Na data de mañá martes 21 de decembro de 2010 conflúen dous importantes eventos astronómicos: eclipse de lúa e solsticio de inverno.

A lúa está chea e probablemente a piques de saír a estas horas da tarde.

Veremos o eclipse de mañá cedo, antes de que se poña a lúa cara ao oeste. Se non é posible velo, na seguinte web retransmitirase en directo desde o Teide.

http://www.eclipsesolar.es/index_es.html

O solsticio producirase tamén mañá martes perto da medianoite. Nesta data os raios solares caen perpendiculares sobre o paralelo 23,5° sur, chamado Trópico de Capricornio porque hai uns catro mil anos durante este solsticio, o Sol tiña como fondo a constelación de Capricornio. Actualmente debido á precesión, prodúcese na constelación de Saxitario, "perto" de Ofiuco.

18 dic 2010

xemínida caíndo sobre Cangas

A medianoite do martes pasado, día de máxima afluencia das xemínidas, foi visto un bólido sobre o Morrazo dirixíndose cara a Cíes.
Onte estaba pensando que por máis pródigas que andaban non tiña visto ningunha e desde o meu observatorio entre a contaminación lumínica e a lúa facendo de farol non había perspectiva de vela, así que xa me conformaba con facer unha foto do luar ademais detrás do cristal que a esas horas facía un frío que pelaba. Con tan boa pata que nese momento caía unha luminosa estrela fugaz sobre Cangas. Non chegaría a bólido pero quedou rexistrada na foto riscando o horizonte. Facendo clic para agrandar a imaxe pódeselle distinguir a cor verdosa, abaixo cara a dereita.



A foto non fai xustiza ao brillo pero atrapou a xemínida no intervalo dos catro ou cinco segundos que durou a exposición para fotografar a lúa reflectida no mar.

Parece ser que este mes de decembro as xemínidas, con orixe nun asteroide chamado "3200 Faetón", abundan máis ca outros anos e con magnitudes que van até -10 o que supera en máis do dobre á do planeta Venus.

Moi poucos destes meteoros chegan a caer en terra pois son tan pequenos que se desintegran co roce da atmósfera. Cando o fan son chamados "meteoritos", coma este que me regalaron proveniente de Campo del Cielo, Chaco, Arxentina onde caeu hai uns 4000 anos entre os moitos fragmentos dun bólido que chegou a impactar na superficie.



Un anaco do espazo exterior atrapado pola gravidade da Terra.

25 nov 2010

adopta unha constelación

Dirixindo a vista a unha constelación determinada encóntranse todo tipo de obxectos celestes. Os planetas, a lúa e o sol, transitan temporalmente polas distintas constelacións da franxa zodiacal. As estrelas localízanse nos mapas das mesmas constelacións dende tempo inmemorial igual que os cúmulos, as galaxias, as nebulosas e outros obxectos do denominado ceo profundo.

A parte de localizalas no ceo, para comprender o que son as constelacións pódese elexir unha e analizar os elementos observables asi como as historias e mitoloxía.

O que podemos saber:

Ubicación da constelación (referencia a outras da súa veciñanza)

Localización: ascensión recta (AR) e declinación (Dec)

Estrelas principais: nome e características salientables (distancia, cor, se é dobre ou triple, etc)

Debuxo do asterismo (esquema cos puntos máis visibles)

Obxectos do ceo profundo localizables na constelación (galaxias, nebulosas, cúmulos,...)

Foto dalgún dos obxectos


Historia e mitoloxía

Google sky:


Onde buscar a información:

astromia
elcielodelmes
identificar estrelas
mallorcaweb
ciencia.org
educared
guía fotográfica de constelacións
costellation list
the constellations
the constellations stars and stories
constellations
the mytology of the constellations
Tutte e 88 le Costellazioni
Le costellazioni
Il segreto delle costellazioni


Outras curiosidades sobre constelacións:

dous hemisferios unha constelación
cúmulo aberto en saxitario

24 nov 2010

de pirámides e constelacións

Se todas as constelacións conteñen algún obxecto do ceo profundo ademais das estrelas, Orión esconde ademais de fascinantes nebulosas profundos misterios. Nestas noites de frío é imposible non cruzarse con ela con tal de levantar un pouco a vista.



17 nov 2010

Carl Sagan

Este mes cumpríronse 76 anos do nacemento de Carl Sagan e case 10 do seu pasamento.
Na web Synphony of science pódense encontrar curiosas montaxes musicais maiormente inspiradas nos traballos de Sagan.



Sagan foi das persoas que máis contribuíron á divulgación da astronomía no século XX, particularmente a través da serie "Cosmos" que podemos volver ver capítulo a capítulo no seguinte enlace: cosmoscarlsagan.

"…Nós somos a encarnación local do Cosmos, que creceu até ter consciencia de si. Empezamos a contemplar as nosas orixes: substancia estelar que medita sobre as estrelas; conxuntos organizados de decenas de miles de billóns de billóns de átomos que consideran a evolución dos átomos e rastrean o longo camiño a través do que chegou a surxir a consciencia, polo menos aquí. Nós falamos no nome da Terra. Debemos a nosa obriga de sobrevivir non só a nós senon tamén a este Cosmos, antigo e vasto, do que procedemos."
Carl Sagan

10 nov 2010

nube rinoceronte


flotando na luz


Igual as pedras dos milladoiros serven de casa a quen peregrina -ánima en pena- a rastras pola terra, e os pelouros do río e os rochedos do mar a quen se deixa levar polas augas.
A quen ousa voar servirá de refuxio a nube iluminada, que imita máis ao corpo que abandoa seu peso no humus do bosque para que del beba a raíz da árbore...



"O mar énchese de pérolas, a marisma de sal tórnase doce coma o río do Paraíso, a pedra convírtese nun rubí da mina, o corpo convírtese en alma.
Aínda que os ollos e as almas dos amantes diluvien coma unha nube, o corazón dentro da nube do corpo brilla coma un lóstrego.
Sabes por que os ollos dos amantes volvéronse coma unha nube namorada? Porque esa lúa xeralmente está oculta nas nubes."
Rumi.