18 dic. 2010

xemínida caíndo sobre Cangas

A medianoite do martes pasado, día de máxima afluencia das xemínidas, foi visto un bólido sobre o Morrazo dirixíndose cara a Cíes.
Onte estaba pensando que por máis pródigas que andaban non tiña visto ningunha e desde o meu observatorio entre a contaminación lumínica e a lúa facendo de farol non había perspectiva de vela, así que xa me conformaba con facer unha foto do luar ademais detrás do cristal que a esas horas facía un frío que pelaba. Con tan boa pata que nese momento caía unha luminosa estrela fugaz sobre Cangas. Non chegaría a bólido pero quedou rexistrada na foto riscando o horizonte. Facendo clic para agrandar a imaxe pódeselle distinguir a cor verdosa, abaixo cara a dereita.



A foto non fai xustiza ao brillo pero atrapou a xemínida no intervalo dos catro ou cinco segundos que durou a exposición para fotografar a lúa reflectida no mar.

Parece ser que este mes de decembro as xemínidas, con orixe nun asteroide chamado "3200 Faetón", abundan máis ca outros anos e con magnitudes que van até -10 o que supera en máis do dobre á do planeta Venus.

Moi poucos destes meteoros chegan a caer en terra pois son tan pequenos que se desintegran co roce da atmósfera. Cando o fan son chamados "meteoritos", coma este que me regalaron proveniente de Campo del Cielo, Chaco, Arxentina onde caeu hai uns 4000 anos entre os moitos fragmentos dun bólido que chegou a impactar na superficie.



Un anaco do espazo exterior atrapado pola gravidade da Terra.