29 jun 2013

botar a andar

 
Disque todos os camiños levan a Roma. Ou a Compostela, que foi onde chegou Samantha desde Bilbao, andando. Tras o merecido descanso e logo de repoñer proteínas no Ancoradouro, bótase a andar de novo praia adiante, sen se decatar de que é aí -onde se pon o sol tras o mar aberto- a onde quería chegar, o lugar onde acaba realmente a súa pereginaxe. Tanto ten a ruta do norte e o camiño primitivo, o camiño francés, o portugués ou a via da prata. Tanto ten desviarse a un mosteiro, a unha capela ou á mesmísima catedral de Santiago. Todo camiño que se precie persegue o horizonte do sol, o fin da tarde e da terra coñecida, unha liña inalcanzable que brilla na distancia, como un arco-da-vella que non pode atravesarse.
 
Detrás do horizonte, a casa de Sam, e un tanto máis perto á súa frente, Galiza, esa segunda casa que agora si, non queda máis que atravesar o Miño para alcanzala.

22 jun 2013

sol-sticio

 
O sol non se move deste punto sobre o horizonte.
Dous ou tres días antes e despois do solsticio o sol está parado: avanzaba cara ao norte e xa non avanza máis. Despois do san Xoán volverá desandar cara o sur sobre os seus pasos e alcanzará de novo no solsticio de decembro o punto máis septentrional.
 

 
Xa que se trata dun día especial o sol hoxe disfrazouse de pagoda. Poderíamos construír un calendario de tipo stonehenge para incrustar o sol no medio e márcalo cunha pedra fita.
 
Stonehenge

chega o verán con algunhas nubes

 
 
Deste observatorio apréciase ben o repertorio de chapeus e outros abalorios de nube que enfeitan o Tegra.
 
 


 
No día do solsticio a praia prepárase para o verán e a chegada de bañistas.

1 jun 2013

sol a camiño do noroeste

 
Entrando no mes do solsticio cada día o sol avanza un chisco máis a norte no seu orto e ocaso. Dende aquí semella un peregrino repetindo cada ano a ruta marítima cara a algún finisterrae que, ao serán, agotado do seu periplo, mergulla no leito mariño e dorme até de madrugada.
 


14 mar 2013

a lúa e o cometa

Inusual espectáculo ao lusco-fusco nesta imaxe de Earth Sky.
 
PANSTARRS_luna_Milton_Otto_Austin_TX_3-12-2013
Milton Otto de Austin, Texas capturó esta imagen del cometa PANSTARRS
 cerca de la luna nueva el 12 de marzo de 2013.

11 mar 2013

Pan-Starrs, cometa

 
Ademais do cometa ISON que será visible en novembro, este ano visítanos este outro chamado Pan-Starrs. O 5 de marzo foi cando pasou máis perto da Terra, a algo máis de 150 millóns de km, e o día 10 estivo case tan perto do sol como o planeta Mercurio co que se supón aí soltaría a súa melena de xeito que igual se deixa ver durante o resto do mes a simple vista. Apuntemos se non os nosos prismáticos ao horizonte oeste despois do solpor, cada día un tanto máis cara o norte en busca da brillante cola do cometa.

2 ene 2013

pantasma de sol

 
Ao principio alá o estaba sobre o horizonte, un círculo ben definido que vai sumindo no mar; mais unha vez mergullado, o seu rastro -un enorme e brillante halo laranxa e vermello- persiste cal se fose o verdadeiro sol, pantasma leve e volátil como paxaro de fogo. 

26 dic 2012

Pléyades (poema de Luz Pozo Garza)


Vin a derradeira lúa caer
do ceo

Vin incendiarse a Terra

Vin as míticas Pléyades
cando fuxían polo firmamento
do teimudo cazador Orión

As sete fillas de Pléyone

Vinas fuxir de Orión
cando eran virxes e princesas

Vinas entrar en Tauro
no seu zodíaco consteladas de pena
todas chorosas e demelenadas

Perderan o tocado de ouro puro
e perlas mouras
as máis prezadas que se viran nunca

Maya conserva a fita de platino
Alción leva rachada a túnica á altura
das sofraxes

Taicete tiña a cabeleira vermella
con reflexos dourados e violeta
o mesmo a fermosísima Celeno

Mérope extraviara nos espazos celestes
as sandalias de raso azul e de diamantes

Estérope ía espida de pé e perna

Contáronme chorando
que perderan na fuga á amada Electra
A irmá tan fascinante podería ser flor...

Cando eu as vin aínda
non chegaran noticias fidedignas desta perda...

Luz Pozo Garza

24 dic 2012

ceo de nadal


21 dic 2012

ceo de solsticio