21 dic 2009

de novo solsticio

Entramos nun dos oito portais da roda solar celta, neste caso o solsticio de decembro. As datas dos solsticios teñen que ver coa distancia angular máxima que se produce entre o sol e o ecuador terrestre, o que no hemisferio norte significa, no inverno, o día de menos horas de sol.

Solsticio é o tempo en que o sol semella deterse no seu aparente avanzar cara o sur. Ese "deterse" do sol durante uns días non é máis que a volta que a terra dá ao chegar aos pontos da súa órbita máis afastados do sol antes de continuar de novo o seu incansable ciclo. Como se nunha montaña rusa chegamos ao final da curva e aguantamos a respiración e ao virar todo recomeza.

Perto do solsticio o sol ponse ao pé do mítico monte Tegra,
visto de Cerveira.