25 dic 2009

astronomía do nadal

Cando o sol se para, e debido a súa debilitación, semella morrer.
O sol está uns tres días parado -morto- e despois resucita, retomando o seu deambular a través do horizonte. O novo sol é unha criatura que hai algúns miles de anos -debido á precesión equinoccial- nacía no seo dunha das constelacións zodiacais: Virgo.

Deusa virxe DIAM de Luristán
dando a Luz entre animais,
século IV a.C.


As civilizacións antigas celebraban neste momento o nacemento do Sol representado en diversos deuses (Mitra, Horus, Dioniso,... todos eles nacidos dunha virxe) igual que hoxe celebra a tradición cristiá o nacemento de Xesús, nacido da virxe María. Todos eles mortos, enterrados e resucitados ao terceiro día o que tanto pode referirse ao tempo que tarda en saír o sol da súa "inmobilidade" como ao tempo que tarda unha semente (como a do liño) en agromar do seu particular enterramento.

Díxolle o millo á liñaza:
Ándate tí, espepitada, que ós tres días estás nada.
E a liñaza respondeulle: Seica coma tí, borrón,
que tardas sete semanas en salires do torrón.


A arqueoastrónoma Francisca Martin-Cano defende a hipótese de que 25 de decembro era o momento en que o sol nacía na constelación de Virgo, nun tempo arcaico, circunstancia que se modificou debido á precesión dos equinoccios. Ademais, a estrela principal de Virgo (virxe) é Spica (espiga) e o nome de Belén significa a "casa do pan".



"Os tres reis" é o nome que reciben nalgunhas tradicións as tres estrelas do cinturón de Orión, que ben -pode considerarse- anuncian a chegada de Sirio, estrela que entre os exipcios representaba á deusa Isis, esposa e irmán de Osiris e nai (virxe) de Horus.



Os ritos das relixións veñen de antigo. No Libro da Saída á Luz do Día, ou Libro Exipcio dos Mortos, na Entrada ao Santuario de Maat, pódese ler:

"Debes saber, pois!
O Pan da túa comunión,
O Viño da túa Comunión,
e todas as ofrendas que che son destinadas
Son emanacións do Ollo de Râ!"

Metáfora solar, agrícola ou astronómica, a celebración, común a tantas culturas a través do tempo, non deixa de ter o seu sentido humano e espiritual, á marxe de que hoxe prime por enriba de todo o espíritu consumista.

Para a civilización grega, a dos moitos mitos, o solsticio de inverno era a porta das divindades, como o de verán o era da humanidade. Quizais non é máis que un momento para lembrar o aspecto divino compartido por seres humanos, Natureza e o Universo de que formamos parte.