11 ene. 2011

para os días de brétema, a mar a cores

Os estratos son as nubes que baixan a beber no mar e tocar a terra.
Chamámoslle néboa, neboeiro, brétema.



Cando hai néboa, di Gavin Pretor-Pinney, fundador da "Cloud Appreciation Society", non temos que subirnos a ningunha nube porque xa estamos nela. Embrúllao todo e non se move a pesar dos seus mil pés que son os nosos. Faise densa virando neboeira e alancamos por ela con ánimo frío, humor desvaído e cabeza pesada. Non sabemos que vai pasar, non vemos máis alá. Pensamos nos barcos e nos traizoeiros cons nos que poden bater.




Ás veces dá vontade de berrarlle ao ceo.


Foto de Olalla, dun paseo dela polo museo do mar.
 
As nubes, amigas do efímero, aseguran que o (mal) humor tamén pasa.

O sol non se deixa ver. Este cambiante ocaso -ou mencer- musical lembra o día en que atravesamos o arco da vella ou o arco da vella nos atravesou, algo que en teoría non é posible; a atmósfera foise tinxindo no serán, primeiro de rosa, a continuación violeta, azul intenso, verde, para acabar cun amarelo que se voltou laranxa e despois vermello...



"Shadows dance triumphantly
A wordless whisper sighs and pleas
Little deaths envelope thee
You and I and a flame make three
"