24 ene. 2011

unha nova nube

O máis variado e creativo que pasa polo ceo son as nubes. Non hai dúas iguais, nin tan siquera unha que se pareza a si mesma. Pálidas e desfiachadas, pequenas e ailladas, mesturadas e confusas, altas ou achaparradas, brancas como algodón, pesadas e grises, etéreas, veloces, dispersas, preñadas de chuvia ou cargadas de electricidade, son sempre distintas, mais aínda así gardan certas similitudes cando se dan en condicións parecidas polo que acaban sendo clasificadas, segundo a altura que alcanzan, a súa distribución na capa que ocupan na atmósfera, o tamaño, a forma e as asociacións que nos suxiren con outros seres e obxectos.
Dependendo das diferenzas de temperatura do ar e dos ventos dominantes adquiren preferentemente unha ou outra apariencia.

Unha desas nubes recurrentes é a que presenta gran parecido coa zafra ou bigornia sobre a que se lle dá, a lume vivo, forma ao ferro.




O que si se parece á propia nube é calquera fragmento da súa beira. De ter un zoom o suficientemente potente, tanto como para pasar dunha imaxe panorámica a unha visión microscópica veríamos nubes como matriuskas, unhas dentro de outras, nunha procesión infinita. É o que se chama un fractal. As nubes serían estupendas para observar fractais de podermos achegarnos máis a elas e aínda así, como son tan fuxidías, sería difícil seguilas polo que empezaremos por achegarnos virtualmente ao mundo dos fractais para entendelas.

Velaiquí van dúas visións, a primeira máis práctica e sesuda e a segunda moito máis psicodélica e pop, unha vertixinosa viaxe ao fondo do infinito.