15 feb 2012

música, matemáticas e astronomía

Pitágoras relacionou mediante proporcións matemáticas as distancias tonais que separan os intervalos dentro da escala descubrindo que o tono dependía da lonxitude da corda que se tocaba, sentando as bases da harmonía musical.

Kepler pasou a vida á procura da música das esferas.
William Herschel empezou sendo músico, compoñía e dirixía coros cada vez máis grandes. Máis tarde empezou a estudar matemáticas e a aplicar estas ao movemento dos astros. Quixo facerse cun telescopio pero era suficientemente pobre para adquirir un, ou suficientemente hábil para construílo coas súas propias mans. Ademais contaba coa inestimable axuda da súa irmá Carolina Lucrecia. Construíron un telescopio tras outro até chegar a un de 12 metros de lonxitude e metro e medio de diámetro.Un bo día de 1781, desde o seu xardín, contemplou un astro moi brillante que non titilaba como as demais estrelas e que resultou ser o planeta Urano, primeiro planeta que se descubría desde a antigüidade.

A Carolina Herschel, irmá de William, gustábanlle tamén a música, as matemáticas e a astronomía mais pola súa condición de muller e da época en que lle cadrou vivir tiña que ocuparse doutros menesteres. Mais ou menos liberada de responsabilidades familiares e domésticas, primeiro aprendeu a cantar e colaborou co irmán mentras este vivía dedicado ás actividades musicais. Pasaban o seu tempo libre construíndo telescopios e despois que William descubrira Urano, os dous se dedicaron de cheo á astronómía. A súa curiosidade levouna a descubrir oito cometas entre 1786 e 1797, a completar un catálogo con máis de 500 estrelas que tiñan pasado desapercibidas e a elaborar outro con máis de 2500 nebulosas, cúmulos e outros obxectos lonxanos recibindo por este traballo un premio da Royal Society.

As relacións entre a astronomía e a música foron intensas durante a Idade Media, cando a construcción das catedrais baseábanse nas harmonías musicais e xeométricas. Hildegard von Bingen foi unha visionaria que ademais de crear na súa mente modelos cosmolóxicos onde se representaba o microcosmos humano en relación ao macrocosmos, compoñía música que despois cantaban as novicias do seu convento.


En 1919 estrenábase en Londres "Os planetas" de Gustav Holst, compositor que encontrou inspiración na faceta astrolóxica e esotérica dos astros.

Na antiga cosmoloxía, as esferas planetarias ascendían da Terra ao ceo polos banzos dunha escaleira. Cada esfera correspondería a unha nota diferente dunha gran escala musical e cada tono emitido polos planetas dependía das proporcións das respectivas órbitas.

A principios dos 70 Led Zeppelin lanzou unha escaleira ao ceo (Stairway to Heaven), controvertida canción na que algúns vislumbraron extranas conspiracións satánicas en mensaxes agochados na letra escoitada ao revés, o colmo do enrevesamento.
Moito máis recentemente, en abril de 2011, a NASA enviou cancións ao espazo no transbordador Endeavour. A gañadora foi Sunrise nº 1 da banda asturiana Stormy Mondays. O tema, orixinalmente tiña un aire máis meteorolóxico que espacial, estaba dedicado ao "home do tempo", Weatherman.