24 ene 2011

unha nova nube

O máis variado e creativo que pasa polo ceo son as nubes. Non hai dúas iguais, nin tan siquera unha que se pareza a si mesma. Pálidas e desfiachadas, pequenas e ailladas, mesturadas e confusas, altas ou achaparradas, brancas como algodón, pesadas e grises, etéreas, veloces, dispersas, preñadas de chuvia ou cargadas de electricidade, son sempre distintas, mais aínda así gardan certas similitudes cando se dan en condicións parecidas polo que acaban sendo clasificadas, segundo a altura que alcanzan, a súa distribución na capa que ocupan na atmósfera, o tamaño, a forma e as asociacións que nos suxiren con outros seres e obxectos.
Dependendo das diferenzas de temperatura do ar e dos ventos dominantes adquiren preferentemente unha ou outra apariencia.

Unha desas nubes recurrentes é a que presenta gran parecido coa zafra ou bigornia sobre a que se lle dá, a lume vivo, forma ao ferro.




O que si se parece á propia nube é calquera fragmento da súa beira. De ter un zoom o suficientemente potente, tanto como para pasar dunha imaxe panorámica a unha visión microscópica veríamos nubes como matriuskas, unhas dentro de outras, nunha procesión infinita. É o que se chama un fractal. As nubes serían estupendas para observar fractais de podermos achegarnos máis a elas e aínda así, como son tan fuxidías, sería difícil seguilas polo que empezaremos por achegarnos virtualmente ao mundo dos fractais para entendelas.

Velaiquí van dúas visións, a primeira máis práctica e sesuda e a segunda moito máis psicodélica e pop, unha vertixinosa viaxe ao fondo do infinito.




15 ene 2011

cortina de chuvia


 

11 ene 2011

para os días de brétema, a mar a cores

Os estratos son as nubes que baixan a beber no mar e tocar a terra.
Chamámoslle néboa, neboeiro, brétema.



Cando hai néboa, di Gavin Pretor-Pinney, fundador da "Cloud Appreciation Society", non temos que subirnos a ningunha nube porque xa estamos nela. Embrúllao todo e non se move a pesar dos seus mil pés que son os nosos. Faise densa virando neboeira e alancamos por ela con ánimo frío, humor desvaído e cabeza pesada. Non sabemos que vai pasar, non vemos máis alá. Pensamos nos barcos e nos traizoeiros cons nos que poden bater.




Ás veces dá vontade de berrarlle ao ceo.


Foto de Olalla, dun paseo dela polo museo do mar.
 
As nubes, amigas do efímero, aseguran que o (mal) humor tamén pasa.

O sol non se deixa ver. Este cambiante ocaso -ou mencer- musical lembra o día en que atravesamos o arco da vella ou o arco da vella nos atravesou, algo que en teoría non é posible; a atmósfera foise tinxindo no serán, primeiro de rosa, a continuación violeta, azul intenso, verde, para acabar cun amarelo que se voltou laranxa e despois vermello...



"Shadows dance triumphantly
A wordless whisper sighs and pleas
Little deaths envelope thee
You and I and a flame make three
"

10 ene 2011

entre cúmulos e estratos



Así comeza xaneiro. As nubes son o telón de fondo dos días, a cara que poñen, de domingo, de luns...

9 ene 2011

Janus, January, xaneiro...

Janus, deus romano do mes de xaneiro, ten dúas caras, unha que mira ao pasado e outra ao futuro. El é quen garda o universo, as portas de entrada e de saída, a primeira hora do día, o primeiro día do mes e o primeiro mes do ano. Un símbolo que invita a reconsiderar a sensación desacougante de dualidade lembrándonos que todo recomeza, como o día segue á noite e a noite ao día, que todo final ten un novo principio e ningunha morte é definitiva.
Orixinalmente presentaba unha cara barbada e outra lampiña que podían significar a lúa e o sol, a escuridade e a luz, o yin e yang de occidente.

31 dic 2010

noite do Pandigueiro no día de san Silvestre

Contan que nas devesas da montaña luguesa habita un carboeiro de aspecto desfarrapado que a noite do 31 de Decembro visita ás crianzas durmidas para comprobar se están ben alimentadas. Cando teñen a barriga chea déixalles de presente unha manchea de castañas animándoas a seguir así todo o ano. Cando non o están deixa tamén as castañas pero non di nada. Ás veces tamén deixa brinquedos de madeira que constrúe coas súas mans.
Ao carboeiro chámanlle Apalpador en terras do Courel e Pandigueiro na serra da Cabeza Grande de Manzaneda. Tamén din que fuma en pipa e come xabarín e bagas silvestres. Este personaxe entrañable é tan autóctono coma os pradairos e as faias das devesas e, igual que as árbores dos nosos bosques foron taladas para plantar no seu lugar piñeiros e eucaliptos, el foi substituído por un personaxe foráneo con vocación máis consumista. Emparentado co Olentzero ou Olentzaro do Nadal basco e carboeiro coma el, o leñador Esteru de Cantabria e con personaxes da tradición europea coma o santo Nicolás ou Santa Claus o Pandigueiro é o noso pai Natal ou papá Noel, pero non leva traxe reluciente nin pucha vermella senón que vai cheo de remendos e cubre a cabeza cunha boina que é o que os homes costuman levar por esas terras do interior da Galiza. Non é tan famosos coma eles porque non merca en grandes almacéns nin incita ao consumo desenfreado. Tampouco gabea polos balcóns nin pendura das fenestras. A noite do ano vello reparte froitos para simbolizar a abundancia da terra.

Igual que as nosas árbores foron reducidas aos recantos do bosque que xa foi, o xigante Apalpabarrigas foi relegado á lembranza dos maiores dunhas poucas aldeas e da noite de nadal pasou a ser celebrado na mundana noite do fin do ano, curiosamente na festividade de san Silvestre, patrón de pobres e da xente sen traballo.
Temos que tomar conta porque igual que se eclipsan as estrelas coas luces desnortadas das cidades, as historias poden perderse para sempre e con elas as palabras e coas palabras a lingua. E sen bosques nin estrelas, sen historias e sen lingua propia que seremos?
Temos de todo e non nos decatamos do moito que perdemos.
Será que cando todo se ten acaba por non se ter nada?

Mais o Apalpador aínda vive nos soños de nenos que como Antón se perden no corazón das fragas...
No noso cantiño de productos autóctonos con ar de haima aberta, puxemos tamén o conto de Antón e O Apalpador. A ver se así o noso amigo nos visita, mesmo que sexa na noite de reis.



30 dic 2010

punto de mira

 
E se o sol o volatilizase?? ninguén gosta!



29 dic 2010

pescarán nubes?



 



24 dic 2010

a dura vida do vello Nicolás

Un poema de Neil Gaiman en versión vídeo, encontrado en Vimeo estes días:

"Nicolás era máis vello que o pecado, a súa barba non podía estar máis branca. Quería morrer.

Os ananos nativos das covas do Ártico non falaban na lingua del senón nunha leria propia e realizaban rituais incomprensibles cando non estaban traballando nas fábricas.

Unha vez ao ano obrigábano, entre bágoas e baixo protestas, a ir pola Noite Sen Fin. Durante a xornada permanecía ao lado de cada criatura do mundo deixando un dos presentes invisibles dos ananos ao pé da cama. As crianzas durmían, conxeladas no tempo.
El envexaba a Prometeo e Loki, Sísifo e Xudas. O seu castigo era máis sombrío.
Ho.
Ho.
Ho."

23 dic 2010

merry christmas mr lawrence

Non vimos a lúa sangrante, o eclipse foi eclipsado polas nubes.
Ula a lúa?!! Que desolación.
O sol morreu esa mesma tarde. Pero os libros sagrados contan desde tempo inmemorial que ao terceiro día resucita e volta a nacer entre as estrelas dunha constelación zodiacal, que en tempos foi virxe (Virgo) e agora amazona (Saxitario).



Podemos contarnos as historias que queiramos que poderán asombrar ou aborrecernos, podemos acreditar nunha, en todas ou en ningunha; o que non podemos é tan siquera imaxinar que o sol non volva mover o rodicio do tempo.
Non é raro que celebremos o sol nado, cada nadal.