O vinte de marzo comezou este ano a primavera, e que mellor forma de anunciala, igual que fan as aves, que con un concerto. Sobre todo se o concerto se celebra na cidade de Florencia, tan mítica en encantos e encantamentos.
No Instituto francés de Firenze e dentro do festival internacional de piano Pianorama, un concerto para dous pianos e para piano a catro mans interpretado polas pianistas Ana Queirós e Christina Margotto, portuguesa e brasileira respectivamente, podía ser unha boa maneira de celebrar a chegada da primavera.
Desde a primeira peza, de Antonio Soler, até a última, maravillosa, de Samuel Barber, o programa non deixou decaer a atención en ningún momento.
Con dedos áxiles e unha sutil danza vertebral acompañando o movemento dos dedos, as intérpretes conseguiran facer voar a fantasía, levándonos da man por paisaxes oníricas e máxicas.
Con Ma mère l’Oye de Ravel devolvéronos os personaxes dos contos da infancia, co cuco anunciando a primavera no medio do bosque, os palacios de belas e principesas e as fadas dos xardíns.
Alegre baile de mans con catro das danzas húngaras de Brahms, que por certo foron compostas orixinalmente para piano a catro mans ainda que posteriormente Brahms arranxou algunhas delas para piano só e algunhas outras para orquestra.
A sorpresa foi encontrarse cun compositor que acrecentou máis os lazos que nesta beira norte do Miño sentimos por Portugal. Lopes Graça rescatou, con gosto e sensibilidade contemporánea, cancións populares portuguesas coas que en boa parte nos identificamos na Galiza. Disfrutamos inmenso! Tanto que tentamos convencer ás artistas para traer o seu traballo á nosa terra, onde sería de grande interese dar a coñecer a obra deste compositor tan cercano a nós.
Disfrutamos tamén con "París 1937", outra peza, de carácter ben diferente, tamén de Lopes Graça que ademais de lúdica foi capaz de transportarnos co seu ritmo e guiños melódicos á beira do Sena no París doutros días.
Por todo, polo acertado do repertorio e polo ben facer das pianistas, que puxeron na interpretación das obras a súa capacidade de diálogo musical, a súa inspiración e paixón, valeu ter ido a Firenze, cidade que nos encantou... esta vez coa súa música.