Outra peregrinación ao monte do Facho nesa cita co pasado e a natureza que nos chama cada pouco para unirmos as pegadas ás que imprimiron noutras épocas xentes nativas destas terras e outros pobos que por aquí pasaron, nas rodeiras gravadas polos carros nas laxes da corredoira, nas rochas con ocos que resoan e nas que teñen forma de leito ou de diván.
Sobre o horizonte occidental as illas gardan as respectivas rías e deslúmbranos o mesmo sol que uns dous mil anos antes tanto impresionou ás tropas romanas ao mergullar nun océano do que daquela non se coñecía o límite e que cheos de temor e reverencia identificaron co fin do mundo.
Santa Mariña non é só unha aldea cunha encantadora igrexa románica rodeada de fontes; é un conxunto de elementos que constitúen todo un itinerario pola historia: Paleolítico (dolmen), Idade do Bronce (petroglifos) e do Ferro (castro de Armea), romanización (aras), cristianización (lenda da santa), Idade Media (templarios, románico), camiño de Santiago ( vía da Prata),… chegando á actualidade envolta en misterio e chea de connotacións simbólicas. O propio nome de Augas Santas fai referenza a esa sincretización de cultos; se Mariña era santa (cristianización) tamén o eran as augas (cultos celtas ou prerromanos, cando se divinizaban as augas) e o asunto non queda aí, pois se a lenda serve de xustificación á realización de prácticas ancestrais como a de beber e lavarse coas augas sagradas e máxicas, o cristianismo non esqueceu incluír no seu culto divindades druídicas: árbores coma o carballo da santa que secou hai decenas de anos mais deixou até a actualidade rituais asociados no emprazamento onde estaba, e as pedras como é o caso do asento da santa e das coviñas das pedras dos xigantes onde a auga ten a propiedade de curar as doenzas dos ollos. O percorrido cronolóxico por Augas Santas podería comezar no dolmen posiblemente subxacente na denominada basílica da Ascensión, para continuar polo castro de Armeá, situado na cima dun coto perto da basílica e onde se atoparon figuras de gran tamaño cos torsos de guerreiros gardiáns castrexos, pezas que se poden ver no Museo Arqueolóxico de Ourense. ao pé do castro encóntrase unha construción de muro baixo feito de cachote que rodea as chamadas pioucas da santa, especie de bañeiras escavadas no chan e cheas de auga asociadas a rituais de sanación consistentes en poñerse unhas pedras en forma de torso ás costas e dar un número impar de voltas arredor da construción. Voltar á basílica e baixar á cripta onde se encontran as tampas en pedra de cadaleitos que poderían pertencer a cabaleiros templarios alí enterrados (esta basílica foi construída ou mandada construír polos templarios e quedou inacabada a raíz da desaparición a principios do século XIV da orde do Temple). Na cripta encontramos auga en abundancia abrollando das paredes en medio dunha escuridade case que total. Coa axuda dun foco, ou dun isqueiro coma no noso caso, pódense intuír as figuras de serpes que gardan a entrada á pedra Formosa, construción prerromana rodeada de misterio, e atravesando unha segunda estancia chégase ao chamado “forno da santa” que remata nunha cheminé que comunica co exterior onde se ve como un burato na pedra e unha especie de cinceiro a carón ao parecer relacionado con rituais ancestrais e coa milagreira “ascensión” de Mariña, que se salvou así de ser queimada. Finalmente, saíndo da cripta por outra escaleira lateral igual de escura, pódese continuar o percorrido mítico e histórico cara a igrexa románica de Santa Mariña, a través dun camiño bordeado de carballos de troncos retortos e cañotas de castiñeiros de varios séculos de idade e penedos nalgúns dos que poden encontrarse petroglifos. Iso último lémolo, porque que a nós non nos deu tempo a buscalos. Ao final do camiño, costa arriba, topamos co fantástico rosetón da fachada occidental da igrexa que, contou a veciña que nola ensinou, ilumina o altar a finais de marzo e setembro o que quere decir que está orientada ao solpor equinoccial o que lle dá unha connotación astronómica de calendario. A carón da igrexa hai unha capela onde probamos a auga sagrada e máxica do pozo e fóra outra fonte ao pé dun carballo e un lavadeiro. Todas tres son as tres fontes que segundo a lenda cristianizadora dos cultos druídicos brotaron dos botes que deu a cabeza da santa cando foi decapitada.
Skalnaté Pleso é un observatorio astronómico e meteorolóxico, situado a uns 1800m de altitude perto de Tatranská Lomnica nos Altos Tatras, Eslovaquia.
En decembro de 2000, no Observatorio de Skalnaté Pleso o antigo telescopio astrógrafo 0,3-mf/5, utilizado desde 1965 para o seguimento de asteroides e cometas, foi reemprazado por un telescopio fotométrico semiautomático de espello 0.61-mf/4.3 equipado cunha cámara CCD. O programa de observación foi creado para axustarse á fotometría de asteroides que se supoñen de natureza binaria.
As imaxes son dunha viaxe a Eslovaquia durante a realización do proxecto "Under common skies" de Grundtvig. A pesar de estar no mes de maio non había xeito de sacar proveito do telescopio, como este outro día no que se intentaban observar manchas solares. Asi que nos conformamos con fotografar paisaxes e participantes dos diversos países. A falta de astros, flores.
Agora que remata o ano Internacional da Astronomía, é o momento de lembrar as múltiples razóns que temos para ollar o ceo, que non dependen de celebracións e si das maravillas que alí se atopan e da curiosidade que en nós despertan.
Carolyn Collins Petersen, escritora de numerosos artigos sobre ciencia e astronomía entre outras cousas, na colaboración que realizou para a web 365 days of astronomy propoñía dez razóns polas que ollar o ceo é interesante, está na onda, está a dar ou como queira que se traduza a palabra cool. Empezando pola última:
10. Ollar o ceo e totalmente gratis!
9. Podemos ver un longo camiño no espazo, de feito, até dous millóns e medio de anos luz!
8. Podes ver planetas alí fóra: Venus, Xúpiter, Saturno,...
7. A lúa é fascinante e nunca te vai decepcionar
6. Podes usar un telescopio para indagar nos lugares en que se forman as estrelas, como a nebulosa de Orión
5. Podes ver os restos de estrelas que xa morreron, como na nebulosa do caranguexo na constelación de Tauro
4. Observar o ceo proporciónanos unha extraordinaria visión da nosa propia galaxia
3. Podemos facer observacións en familia, e coas amizades
2. Ollar estrelas danos un sentido da escala cósmica
1. Cada vez que saes a ollar o ceo encontras unha cousa nova
Engadiría a esta relación o simple motivo de que o ceo pode ser unha infinita fonte de inspiración para poetas!
A ESTRELA DESCOÑECIDA
Eu vinte decote acobadada naquela fenestra -tan a trasmán! que penduraches dunha constelación. O horizonte arrincaba cada día para ti a folla de almanaque dunha vela.
Pero nunca se enmallou na falsa rede dos mapas celestes a túa loira virxinidade. Cómplice a noite engaiolaba o sestante dos mariños inxenuas perversións catalogadas. Viuva reiterada de tódolos vinte anos que os mariñeiros repiten cada volta que afogan. Endexamais souberon os cadavres sen rumbo que ti os amortallabas co teu ollar.
Emproáramos á meia noite. A sotavento da nosa singladura vai decote unha nube desarbolada. Ca súa esponxa de sombra borrou para sempre o teu mudo perfil. A alba nova sorprendeume cacheando entre os luceiros unha despedida que se me perdeu.
Manuel Antonio
Estas imaxes do cosmos, xunto co poema de Manuel Antonio, sirvan aquí de homenaxe ao remate, con plenilunio extra, dun ano tan astronómico.
Gavin Pretor-Pinney na súa magnífica Guía do observador de nubes, propón o que el chama "contemplación do ceo debaixo de ti" que consiste en estumballarse panza arriba no alto dun outeiro, ou na terraza da casa no casco urbano, e papanear vendo pasar as nubes. E entón mudar de perspectiva: sentir que son as nubes as que desfilan por debaixo de nós e así, pendurando dun bambán invisible de trapecista observar as paisaxes que as nubes recrean e trazar o seu mapa fugaz, irrepetible. Ese é un exercicio que tamén se pode realizar sen ter que recurrir á imaxinación, dende un avión que voe ben alto. E se o avión vai á altura das nubes, o que nos dará é a propia perspectiva que teñen elas do que se ve aquí abaixo, unhas vistas espectaculares das que disfrutaremos sen dúbida tamén, cando co tempo nos voltemos auga, e polo tanto, nubes.
Do 13 de marzo ao 30 de agosto de 2009, na cidade de Firenze, exposición no Palazzo Strozzi, "Immagini dell'universo dall'a antichitá al telescopio".
Fantástica mostra de modelos cosmolóxicos, códices, achados arqueolóxicos, instrumentos astronómicos, debuxos, esculturas e pinturas, ademais de múltiples e sorprendentes recursos multimedia para realizar unha viaxe a través da evolución do pensamento humano, as visións do mundo de distintas civilizacións e os fenómenos do ceo na creación artística.
Unha viaxe por Mesopotamia e Exipto, a época romana, os mitos e as súas representacións, as primitivas medidas do tempo, a idade media, o renacemento, a astronomía árabe, a pretendida e pretenciosa evanxelización do cosmos, os mapas, os fascinantes instrumentos científicos e a revolución que supuxeron as observacións de Galileo grazas ao telescopio.