Gavin Pretor-Pinney na súa magnífica Guía do observador de nubes, propón o que el chama "contemplación do ceo debaixo de ti" que consiste en estumballarse panza arriba no alto dun outeiro, ou na terraza da casa no casco urbano, e papanear vendo pasar as nubes. E entón mudar de perspectiva: sentir que son as nubes as que desfilan por debaixo de nós e así, pendurando dun bambán invisible de trapecista observar as paisaxes que as nubes recrean e trazar o seu mapa fugaz, irrepetible. Ese é un exercicio que tamén se pode realizar sen ter que recurrir á imaxinación, dende un avión que voe ben alto. E se o avión vai á altura das nubes, o que nos dará é a propia perspectiva que teñen elas do que se ve aquí abaixo, unhas vistas espectaculares das que disfrutaremos sen dúbida tamén, cando co tempo nos voltemos auga, e polo tanto, nubes.