Mostrando entradas con la etiqueta calendarios. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta calendarios. Mostrar todas las entradas

21 mar 2016

equilibrio entre día e noite, entre sur e norte, entre chuva e sol

Equinoccio é algo máis que un simple fenómeno astronómico, é un referente nos calendarios de moitas civilizacións. A primeira lúa chea despois do equinoccio de marzo representa a chegada dun novo ciclo de vida vexetal, a resurrección da terra. Cada cultura representa esta volta á vida con distintos mitos: Osiris resucitado por Isis, Perséfone regresando do mundo das sombras a encontrarse con súa nai Deméter deusa da agricultura, resurrección de X.C., e máis.
En El País un artigo interesante sobre o tema Equinoccio primaveral: y llegó la primavera.

No equinoccio de marzo o sol atravesa o punto vernal ou Aries que é a maneira en que se chamou en tempos á intersección entre os planos do ecuador celeste co plano da eclíptica pasando aparentemente do hemisferio Sur ou hemisferio Norte e ao contrario no equinoccio de setembro no chamado punto Libra. Eses puntos foron chamados así porque -cando se lles puxo nome- eran as constelacións polas que amencía o sol nos respectivos equinoccios, igual que nacer baixo un determinado signo zodiacal significa que o telón de fondo do sol nese momento é esa determinada constelación, aínda que tanto o nome dos puntos de equinoccio como os nosos signos zodiacais están desfasados da realidade astronómica actual debido ao movemento de precesión.

O equinoccio é un símbolo de equidade: iguais horas de sol para o norte e para o sur. Un momento de equilibrio de simetría entre luz e sombra. Pode que a porta de paso entre dous mundos, que son partes indisociábeis do mesmo mundo: un real, físico e palbábel -o mundo da vixilia, da razón- pero tan limitado, perecedoiro e efémero como o que máis, e outro imaxinario, misterioso, arcano e insondábel pero repleto de todas as posibilidades e probablemente máis equitativo tanto para o norte como para o sur.

Un agasallo do sol despois da chuvia neste equinoccio, este arco e este espello.

5 abr 2012

lúa de pascua

A primeira lúa chea da primavera cae sempre en semana santa, mellor dito, a devandita semana establécese no primeiro plenilunio logo do equinoccio de marzo.


22 sept 2010

sol no equinoccio e ceo no outono


O xoves 23 de setembro ás 5h 9min e coincidindo co plenilunio inaugúrase oficialmente a nova estación. Este outono de case 90 días días terá catro lúas cheas, a cuarta o día antes do comezo do inverno.
Até mediados de octubro podemos ver brillar á tardiña a Venus que desaparecerá un par de semanas para voltarse visible de novo en novembro ao mencer, xunto con Saturno. De tarde tamén serán visibles Marte, Xúpiter e Urano.
En canto a chuvias de estrelas, octubro é tempo das Dracónidas(máximo no día 8) e Oriónidas que teñen o radiante no norte de Betelgeuse na constelación de Orión e máis abundantes sobre o 21 de octubro; a mediados de novembro as Leónidas e por último, entorno ao 13 de decembro, as Xemínidas.
Tamén será protagonista destas noites a constelación de Andrómeda na que se encontra a galaxia do mesmo nome, visible con prismáticos. Unha boa ocasión para facerse unha idea do propio barrio, a Vía Láctea, xa que son galaxias semellantes.
Aínda se atopa no cenit o triángulo formado polas constelacións do Cisne, Lira e Águia. As zodiacais visibles neste período van de Capricornio a Virgo. Por encima da eclíptica lucirán Pegaso e Andrómeda e por debaixo o máis destacado é que voltamos a contemplar de mañá cedo a Orión e a brillante Sirio que a medida que avance a estación irán madrugando máis, posicionándose no alto do ceo cara ás noites de inverno.
Nos últimos días de setembro a lúa devala perto das Pléiades xusto enriba da eclíptica.
(Imaxe de Stellarium en elcielodelmes )

13 ago 2010

perseidas e lúa de ramadán

Nos tempos en que toda percepción dependía do ollo humano, competíase por ser a primeira persoa en enxergar a delgada lúa crecente coa que empeza o Ramadán. Conta unha historia que houbo un home que confundíu a súa propia pestana co fío da lúa...

Actualmente deberían ser os telescopios os encargados de detectar o primeiro crecente, sen embargo continúa habendo discusións no mundo islámico como as dos beduínos de Arabia Saudí que afirman que a súa vista é superior en precisión á dos telescopios dos astrónomos ("I just spoke to members of Tabuk and Riyadh Hilal Committees in Saudi Arabia. They all confirmed that none of the 10 official committee members were able to sight the Hilal on Tuesday 10 August 2010, but some bedouins from Shagrah (near Riyadh) claimed sighing and reported to the Court.
When asked how come the astronomers could not see the Hilal with their own eyes or telescopes, the bedouins replied that the astronomers' telescopes are not as powerful as the their eye sights!"
). Todo iso non impede que haxa moreas de sitios na rede adicados á observación da lúa para establecer o calendario lunar islámico, tal coma hilalsighting.org/ entre outras.

Mais nós a quen non preocupa o comezo do Ramadán, procuramos outros obxectos no ceo, tal como os meteoros ou estrelas fugaces, les étoiles filantes... Estas estrelas, que non son tal e que percorren o ceo velozmente deixando ás veces unha estela.

Dependendo da zona do ceo na que son máis abundantes reciben o nome da constelación que hai detrás; Oriónidas, Leónidas,... e entre as máis populares de todas, destacan as Perseidas, visibles este mes, particularmente a noite de San Lourenzo, 11de agosto que este ano coincide aproximadamente co comezo do Ramadán, o que indica que a lúa non vai estorbar a visibilidade dos meteoros. O seu radiante en Perseo indica que é por esa constelación -na veciñanza de Casiopea- por onde se verán en maior cantidade.

18 jun 2010

virgo, ceres e corpus

Igual que acontece coa festa de nadal a festa de corpus está relacionada coa constelación de Virgo e a súa estrela Spica. Esta festividade chámase tamén día da Espiga ou (en Portugal) Quinta feria da Espiga , día en que tradicionalmente ían rapaces e rapazas recoller espigas e flores silvestres coas que facían ramos que se gardaban todo o ano. Tapizar as rúas con alfombras de flores é algo que se continúa facendo neste día por estas latitudes.

Isto debeuse celebrar con distintas variacións desde que a humanidade descubríu a agricultura alá polos comezos do Neolítico dedicando a festa ao longo das civilizacións a distintas divindades sempre femininas como a deusa babilonia Isthar, a exipcia Isis, a grega Deméter ou a romana Ceres -por certo, patroa de Sicilia, illa de forma triangular que foi colocada no ceo polo deus Xúpiter a petición de Ceres na constelación Triangulum-, representada de xeito parecido á constelación de Virgo.

Similares representacións da deusa Ceres e da constelación de Virgo.

De Ceres deriva a palabra cereal e existe un asteroide chamado Ceres orbitando no cinturón de asteroides, entre os planetas Marte e Xúpiter, descuberto desde Palermo por Giuseppe Pazzi o 1 de xaneiro de 1801.

A constelación de Virgo está chea de connotacións agrícolas e simboloxía cristiá, ademais de Spica ou Espiga (α, estrela dobre de magnitude 1,0 e a unha distancia de 20 anos-luz) ten a estrela Vendemiatrix ou Vendimadora(ε) e cada unha delas alude a estacións opostas: Spica á primavera, colleita de froitos e cereais (pan, "corpo") e Vendemiatrix ao outono, vendima (viño "sangue"), momento en que a constelación se encontra en conxunción co sol sendo por tanto invisible.

Virgo é unha zona do ceo a través da que se poden observar multitude de galaxias e obxectos do ceo profundo, ao norte da constelación pode verse un "racimo" ou cúmulo de estrelas que constitúe o núcleo da constelación Coma Berenices ou Cabeleira de Berenice.

Na súa columna do domingo 13 de xuño MANUEL VICENT escribíu sobre a celebración do Corpus que como tantas outras no calendario vén de antes de antes...

15 abr 2010

pascua e primavera


Por aquí e acolá símbolos da pascua e da primavera.
Significado do coello: fertilidade. O coello branco das mitoloxías celtas e pagás saía da floresta traendo ovos de ouro que agochaba nos ocos das árbores; nas nosas tradicións gastronómicas achantamos ovos nas roscas de pascua e atopalos é signo de boa fortuna.
Significado do ovo: renovación, comezo dun novo ciclo que lembra o símbolo do tao: o que estaba baixo terra abrocha, a vexetación coas súas mellores galas inza sen parar; máis tarde murchará de novo e voltará á terra, unha e outra vez. É o momento de equilibrio entre día e noite mais nesa simbólica loita no hemisferio norte é tempo de virar cara á luz.

O domingo de pascua celébrase a partir do primeiro plenilunio despois do equinoccio de marzo; daquela, na semana santa sempre temos lúa chea o que non deixa de ser un paradoxo: os tres días de espera até o domingo de resurrección deberían corresponder a eses tres días de novilunio nos que a lúa non aparece no ceo.

A palabra Easter (pascua en inglés) vén do nome da deusa celta Ostara, ou da teutona Eostre cuxa festa se celebraba na lúa chea do equinoccio de marzo.

20 mar 2010

equinoccio e precesión

O comezo da primavera é o momento en que o sol se sitúa no punto en que se cruzan o ecuador celeste e a eclíptica, o chamado "punto Aries" chamado así por Hiparco de Nicea (190ac-120ac) porque cando este o descubríu o sol tiña detrás a costelación de Aries e durante uns 2000 anos así foi, pero desde o inicio da nosa era é Piscis a constelación que está detrás do sol nese momento e non faltará moito para que pase a ser a de Acuario. Isto é debido ao movemento de balanceo da terra que dá lugar á precesión dos equinoccios.


Ver animación animación en eurocosmos

1 mar 2010

lupercalias de febreiro e chuvia de marzo

Marzo marzal,
pola mañá cariña de rosa,
pola tarde cara de can.



Despois da chuvia e o temporal co que rematou febreiro,
esta mañá amañeceu con este arco da vella.

Se o nome de xaneiro está relacionado con Janus, o deus romano de dúas cabezas -unha que olla o pasado e outra o futuro-, febreiro está cheo de referencias romanas e marzo vén do nome do deus da guerra Martius, o que dá tamén nome ao planeta Marte, a estrela errante vermella.

Mas deteñámonos no mes máis curto do ano que pasou rápido como o ciclón que nos visitou o pasado sábado, ese que batizaron con extranos nomes como cicloxénese e apelido explosivo e extratropical.

Febreiro é un mes inzado de antigas tradicións ocultas baixo festexos relixiosos (Candelaria, San Brais), consumistas (día de San Valentín) e insistentemente pagás (Carnaval). A procedencia do nome pódese encontrar en diversas fontes. Dunha banda está a deidade Juno Februata. Doutra, as festas da fertilidade chamadas Lupercalia que se celebraban en Roma a mediados de mes en honor ao Fauno Luperco nunha espelunca do monte Palatino onde se reunían homes que sacrificaban un can para purificarse e, para propiciar a fertilidade, unha cabra -ou un castrón- da que cortaban a pel en tiras ou febras (februa). Despois pintaban o rostro co sangue do animal, limpábano con la enchoupada en leite e medio vestidos con trozos de coiro corrían azoutando a quen encontraban nas rúas de Roma considerándose este un acto de purificación, denominado februatio, posible orixe do nome do mes así como dos zorregazos con látigos e vexigas que practican os cigarróns e pantallas do entroido de Verín e Xinzo. A fertilidade das mulleres propiciábase supostamente sendo golpeadas polas tiras ensanguentadas do animal, nun acto claramente fálico-simbólico, que lles deixaba a pel cor de púrpura; a cor coa que se vestíu Helena de Troia para desafiar a Menelao, seu marido, en tempos en que os homes trataban -máis descaradamente que hoxe- ás mulleres como escravas.
Outro ritual de fertilidade eran os xogos nos que as doncelas poñían nunha caixa os seus nomes escritos para ser escollidas logo ao chou polos homes, práctica prohibida polo emperador Claudio II e posteriormente eliminada polo papa Gelasio o 14 de febreiro de 498, pero que fora defendida por un sacerdote chamado Valentín que curiosamente sería canonizado máis tarde e ao que finalmente se dedican hoxe en día as lupercais, denominadas inocentemente nestes tempos de márquetin e cosumismo, día de San Valentín.

2 feb 2010

candela

Como o Samaín, a festa das Candelas ou Candelaria, ten as súas raíces na roda do calendario celta constituíndo un dos catro sabbats ou festividades do medio das estacións, neste caso chamada Candlemas ou Imbolc, e representada por Brigit, deusa triple da poesía, as artes e a curación.

Esta celebración simboliza o fin do inverno, cando os días voltan a crecer e as sementes a agromar dentro da terra, (literalmente Imbolc significa "no ventre") así que é unha festa da fertilidade e a luz na que se acenden candelas, como aínda se fai na pequena igrexa románica de Castrelos, en Vigo.



a candelaria no calendario

O refrán popular di que
Cando a Candela chora, o inverno vai fóra;
cando a Candela ri, o inverno está por vir.
Que chore que ria que deixe de chorar
a metade do inverno está por pasar


E do día a seguir ás Candelas, o popular San Blas
Polo San Brais, dúas horas máis.

Diferentes cultos e tradicións están espallados por distintos lugares do mundo.
En Canarias, particularmente en Tenerife, é moi celebrada a virxe morena da Candelaria.

Nos Estados Unidos é un animal dormilón (a marmota) quen pronostica a meteoroloxía: se a marmota sae e pode ver a súa sombra (porqu dá o sol) o inverno continúa por seis semanas máis.
a candelaria e a marmota

En Brasil, e algúns países de América latina celébrase este día a festa de Iemanjá, a raíña do mar, nai dos orixás, meténdose nas augas do mar para entregarlle flores e outras ofrendas das que a raíña gosta, perfumes, conchas, colares, contas de cristal. Nos rituais do candomblé, de orixe africana, a danza de Iemanjá simboliza o movemento das ondas do mar, representadas tamén nas cores dos vestidos, branco e azul.

É rara a cantora brasileira que non ten a Iemanjá presente nalgunha das súas cancións.


lenda das sereias, rainha do mar, Marisa Monte
Yemanjá rainha do mar, Bethania

cantos, danzas e rituais que perduran e se renovan no tempo

25 dic 2009

astronomía do nadal

Cando o sol se para, e debido a súa debilitación, semella morrer.
O sol está uns tres días parado -morto- e despois resucita, retomando o seu deambular a través do horizonte. O novo sol é unha criatura que hai algúns miles de anos -debido á precesión equinoccial- nacía no seo dunha das constelacións zodiacais: Virgo.

Deusa virxe DIAM de Luristán
dando a Luz entre animais,
século IV a.C.


As civilizacións antigas celebraban neste momento o nacemento do Sol representado en diversos deuses (Mitra, Horus, Dioniso,... todos eles nacidos dunha virxe) igual que hoxe celebra a tradición cristiá o nacemento de Xesús, nacido da virxe María. Todos eles mortos, enterrados e resucitados ao terceiro día o que tanto pode referirse ao tempo que tarda en saír o sol da súa "inmobilidade" como ao tempo que tarda unha semente (como a do liño) en agromar do seu particular enterramento.

Díxolle o millo á liñaza:
Ándate tí, espepitada, que ós tres días estás nada.
E a liñaza respondeulle: Seica coma tí, borrón,
que tardas sete semanas en salires do torrón.


A arqueoastrónoma Francisca Martin-Cano defende a hipótese de que 25 de decembro era o momento en que o sol nacía na constelación de Virgo, nun tempo arcaico, circunstancia que se modificou debido á precesión dos equinoccios. Ademais, a estrela principal de Virgo (virxe) é Spica (espiga) e o nome de Belén significa a "casa do pan".



"Os tres reis" é o nome que reciben nalgunhas tradicións as tres estrelas do cinturón de Orión, que ben -pode considerarse- anuncian a chegada de Sirio, estrela que entre os exipcios representaba á deusa Isis, esposa e irmán de Osiris e nai (virxe) de Horus.



Os ritos das relixións veñen de antigo. No Libro da Saída á Luz do Día, ou Libro Exipcio dos Mortos, na Entrada ao Santuario de Maat, pódese ler:

"Debes saber, pois!
O Pan da túa comunión,
O Viño da túa Comunión,
e todas as ofrendas que che son destinadas
Son emanacións do Ollo de Râ!"

Metáfora solar, agrícola ou astronómica, a celebración, común a tantas culturas a través do tempo, non deixa de ter o seu sentido humano e espiritual, á marxe de que hoxe prime por enriba de todo o espíritu consumista.

Para a civilización grega, a dos moitos mitos, o solsticio de inverno era a porta das divindades, como o de verán o era da humanidade. Quizais non é máis que un momento para lembrar o aspecto divino compartido por seres humanos, Natureza e o Universo de que formamos parte.

17 dic 2008

calendario de mulleres astrónomas


Facendo clic no enlace pódese descargar (tamén en galego) o calendario de mulleres astrónomas.