15 abr 2010

pascua e primavera


Por aquí e acolá símbolos da pascua e da primavera.
Significado do coello: fertilidade. O coello branco das mitoloxías celtas e pagás saía da floresta traendo ovos de ouro que agochaba nos ocos das árbores; nas nosas tradicións gastronómicas achantamos ovos nas roscas de pascua e atopalos é signo de boa fortuna.
Significado do ovo: renovación, comezo dun novo ciclo que lembra o símbolo do tao: o que estaba baixo terra abrocha, a vexetación coas súas mellores galas inza sen parar; máis tarde murchará de novo e voltará á terra, unha e outra vez. É o momento de equilibrio entre día e noite mais nesa simbólica loita no hemisferio norte é tempo de virar cara á luz.

O domingo de pascua celébrase a partir do primeiro plenilunio despois do equinoccio de marzo; daquela, na semana santa sempre temos lúa chea o que non deixa de ser un paradoxo: os tres días de espera até o domingo de resurrección deberían corresponder a eses tres días de novilunio nos que a lúa non aparece no ceo.

A palabra Easter (pascua en inglés) vén do nome da deusa celta Ostara, ou da teutona Eostre cuxa festa se celebraba na lúa chea do equinoccio de marzo.