Mostrando entradas con la etiqueta telescopios. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta telescopios. Mostrar todas las entradas

8 jun 2010

observatorio de Forcarei

En plena Terra de Montes, saíndo de Forcarei cara á Estrada, nun lugar chamado As Casetas, divisamos a cúpula branca. Que decepción! dixo alguén, pensando que era máis grande... mais unha vez dentro resultou ser maior do que parecía: unha construción circular cun diámetro de 8 m na planta baixa e 5 m na cúpula. E sobre todo, un pequeno gran telescopio que nos mostrou recónditos recantos do universo en retratos feitos dende aquí!


Situado a unha latitude de 42º 36' 41.3'' N, lonxitude de 8º 22' 9'' O e a unha altitude de 670 m sobre o nivel do mar é o noso primeiro Observatorio Público e está sendo xestionado pola Fundación Ceo e Cultura.
Despois do recibimento con foto incluída que nos fixeron ao chegar, accedimos ao edificio pola rampa e na planta baixa tivemos unha pequena charla de introdución á visita. Aínda que o sitio é pequeno hai lugar para un par de ordenadores, carteis, folletos e diverso material divulgativo. Enseguida subimos á cúpula e o astrónomo Francisco Violat explicou con gran sentido do humor o funcionamento do telescopio que ten 60 cm de diámetro, espello, montura e cámara de 11 millóns de píxeles e no que unha pequena morea de pesas rudimentarias dan estabilidade a todo o sistema. Finalmente, a través do ordenador ao que o telescopio está conectado, e de novo na planta baixa, contemplamos o album de fotos do cosmos feitas polo telescopio de Forcarei.


25 mar 2010

observatorio de Skalnaté Pleso e constelacións de flores

Skalnaté Pleso é un observatorio astronómico e meteorolóxico, situado a uns 1800m de altitude perto de Tatranská Lomnica nos Altos Tatras, Eslovaquia.

En decembro de 2000, no Observatorio de Skalnaté Pleso o antigo telescopio astrógrafo 0,3-mf/5, utilizado desde 1965 para o seguimento de asteroides e cometas, foi reemprazado por un telescopio fotométrico semiautomático de espello 0.61-mf/4.3 equipado cunha cámara CCD. O programa de observación foi creado para axustarse á fotometría de asteroides que se supoñen de natureza binaria.



As imaxes son dunha viaxe a Eslovaquia durante a realización do proxecto "Under common skies" de Grundtvig. A pesar de estar no mes de maio non había xeito de sacar proveito do telescopio, como este outro día no que se intentaban observar manchas solares. Asi que nos conformamos con fotografar paisaxes e participantes dos diversos países.
A falta de astros, flores.