Mostrando entradas con la etiqueta equinoccios. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta equinoccios. Mostrar todas las entradas

21 mar 2016

equilibrio entre día e noite, entre sur e norte, entre chuva e sol

Equinoccio é algo máis que un simple fenómeno astronómico, é un referente nos calendarios de moitas civilizacións. A primeira lúa chea despois do equinoccio de marzo representa a chegada dun novo ciclo de vida vexetal, a resurrección da terra. Cada cultura representa esta volta á vida con distintos mitos: Osiris resucitado por Isis, Perséfone regresando do mundo das sombras a encontrarse con súa nai Deméter deusa da agricultura, resurrección de X.C., e máis.
En El País un artigo interesante sobre o tema Equinoccio primaveral: y llegó la primavera.

No equinoccio de marzo o sol atravesa o punto vernal ou Aries que é a maneira en que se chamou en tempos á intersección entre os planos do ecuador celeste co plano da eclíptica pasando aparentemente do hemisferio Sur ou hemisferio Norte e ao contrario no equinoccio de setembro no chamado punto Libra. Eses puntos foron chamados así porque -cando se lles puxo nome- eran as constelacións polas que amencía o sol nos respectivos equinoccios, igual que nacer baixo un determinado signo zodiacal significa que o telón de fondo do sol nese momento é esa determinada constelación, aínda que tanto o nome dos puntos de equinoccio como os nosos signos zodiacais están desfasados da realidade astronómica actual debido ao movemento de precesión.

O equinoccio é un símbolo de equidade: iguais horas de sol para o norte e para o sur. Un momento de equilibrio de simetría entre luz e sombra. Pode que a porta de paso entre dous mundos, que son partes indisociábeis do mesmo mundo: un real, físico e palbábel -o mundo da vixilia, da razón- pero tan limitado, perecedoiro e efémero como o que máis, e outro imaxinario, misterioso, arcano e insondábel pero repleto de todas as posibilidades e probablemente máis equitativo tanto para o norte como para o sur.

Un agasallo do sol despois da chuvia neste equinoccio, este arco e este espello.

21 dic 2013

esquema de solsticios e equinoccios

 

20 mar 2012

equinoccio, día e noite iguais

Equinoccio de Marzo en Dzibilchaltun

Os maias, grandes astrónomos deixaron o seu legado astronómico na arquitectura dos seus templos e pirámides.


25 sept 2011

pálido outono

E así comeza a nova estación, con nubes baixas, temperaturas en torno aos vinte graos e amañecendo co reflexo do sol na illa norte.

23 sept 2011

fin do verán



O sol ponse sobre as illas no equinoccio de setembro dando fin á estación estival, mentras que no hemisferio sur acaba o inverno. Alí son as "Águas de Março" as que pechan o verán.



7 abr 2011

as sombras do equinoccio

Sombras proxectadas na mañá do equinoccio desde as catro direccións: sur, norte, oeste, leste.





Grazas ás sombras xa Eratóstenes no século III a. C. conseguíu medir a lonxitude do meridiano.
Eratóstenes, que era de Cirene, hoxe Shahhat na actual Libia, foi durante 40 anos o director da Biblioteca de Alexandría. El sabía que na cidade de Siena en Exipto había un día no ano en que os monolitos non facián sombra e os pozos espellaban directamente o sol.
Ese era o día do solsticio de xuño e Siena (hoxe Asuán) estaba en pleno Trópico de Cáncer.

Na páxina de Proyecto Celestia hai unha interesante proposta de actividade.

19 mar 2011

lúa de marzo


Esta lúa chea coincide co equinoccio (20 de marzo ás 23:21h) afectando ás marés, que son vivas.
Segundo a táboa de marés para Vigo, o nivel da baixamar foi de -2 m pola mañán, o que deixou os mexilóns que viven no porto en seco por unhas horas...


...e as quillas dos barcos ao descuberto.


22 sept 2010

illas desde Liméns





 
Esta vez faltan só un par de horas para o equinoccio mais o observatorio trasladouse a outro lado e desde aquí o sol non se pon no medio das illas senón máis a norte da illa de Monteagudo.
No fin da tarde acéndese o faro das Cíes e tamén o da tarde, o planeta Venus.

sol no equinoccio e ceo no outono


O xoves 23 de setembro ás 5h 9min e coincidindo co plenilunio inaugúrase oficialmente a nova estación. Este outono de case 90 días días terá catro lúas cheas, a cuarta o día antes do comezo do inverno.
Até mediados de octubro podemos ver brillar á tardiña a Venus que desaparecerá un par de semanas para voltarse visible de novo en novembro ao mencer, xunto con Saturno. De tarde tamén serán visibles Marte, Xúpiter e Urano.
En canto a chuvias de estrelas, octubro é tempo das Dracónidas(máximo no día 8) e Oriónidas que teñen o radiante no norte de Betelgeuse na constelación de Orión e máis abundantes sobre o 21 de octubro; a mediados de novembro as Leónidas e por último, entorno ao 13 de decembro, as Xemínidas.
Tamén será protagonista destas noites a constelación de Andrómeda na que se encontra a galaxia do mesmo nome, visible con prismáticos. Unha boa ocasión para facerse unha idea do propio barrio, a Vía Láctea, xa que son galaxias semellantes.
Aínda se atopa no cenit o triángulo formado polas constelacións do Cisne, Lira e Águia. As zodiacais visibles neste período van de Capricornio a Virgo. Por encima da eclíptica lucirán Pegaso e Andrómeda e por debaixo o máis destacado é que voltamos a contemplar de mañá cedo a Orión e a brillante Sirio que a medida que avance a estación irán madrugando máis, posicionándose no alto do ceo cara ás noites de inverno.
Nos últimos días de setembro a lúa devala perto das Pléiades xusto enriba da eclíptica.
(Imaxe de Stellarium en elcielodelmes )

20 sept 2010

solpor e plenilunio no equinoccio

 
 
A un par de días do comezo do outono o sol ponse e a lúa (case) chea sae, un frente á outra, un polo oeste e a outra polo leste, case exactos.
 

19 sept 2010

entre dúas illas


 
Visto desde aquí o sol parece ir mergullar na praia do Lago, entre a illa de Monteagudo e a do Faro.
 
 
 

20 mar 2010

equinoccio e precesión

O comezo da primavera é o momento en que o sol se sitúa no punto en que se cruzan o ecuador celeste e a eclíptica, o chamado "punto Aries" chamado así por Hiparco de Nicea (190ac-120ac) porque cando este o descubríu o sol tiña detrás a costelación de Aries e durante uns 2000 anos así foi, pero desde o inicio da nosa era é Piscis a constelación que está detrás do sol nese momento e non faltará moito para que pase a ser a de Acuario. Isto é debido ao movemento de balanceo da terra que dá lugar á precesión dos equinoccios.


Ver animación animación en eurocosmos

28 sept 2009

Equinoccio

Nos dous equinoccios, o Sol sae polo Leste e ponse polo Oeste, pero non pasa polo cenit. No solsticio de decembro, o Sol sae uns 23,5° cara ao Sureste. No solsticio de xuño, o Sol sae como uns 23,5° cara ao Nordeste.
Que o Sol sae polo Leste e ocúltase polo Oeste é só parcialmente certo en dúas datas ao ano: o día do equinoccio de marzo (de primavera no hemisferio norte), e o día do equinoccio de setembro (de outono no hemisferio norte).



O movemento do Sol exactamente de Leste a Oeste foi utilizado para deseñar rúas de cidades e para orientar templos e altares, pois os raios solares poden facerse chegar a un punto determinado, pasado por unha estreita abertura na parede.

Dunha maneira semellante están colocadas as grandes rocas monolíticas no templo (ou observatorio astronómico) de Stonehenge, en Inglaterra e noutros monumentos e construcións.

Coñecer o inicio da primavera, é importante para os agricultores das zonas tépedas, posto que esta data dá unha certa seguridade de que o inverno terminou. Posiblemente xa non vai haber nevadas e entón pódese cultivar a terra sen correr o risco de perder as colleitas.



O Templo de Kukulkán chamado tamén O Castelo é unha pirámide de sete niveis construída cara ao século XIII polos antigos mayas na cidade de Chichén Itzá, no centro de Iucatán. Este edificio servía a un tempo para render culto a Kukulkán e como un calendario agrícola que sinalaba a chegada do equinoccio de primavera.

...obsérvase na escaleira norte do Castelo de Chichén Itzá, unha proxección solar serpentina, consistente en sete triángulos de luz, investidos, como resultado da sombra que proxectan as nove plataformas dese edificio, ao porse o sol. En Chichén Itzá o fenómeno vese en todo o seu esplendor e a imaxe da serpe de triángulos de luz e sombra descende maxestosa pola alfarda noroeste do Castelo. Para empezar, as primeiras sombras dos corpos superiores da pirámide comezan a debuxar os triángulos isósceles que conforman o corpo da serpe emplumada. Paulatinamente a sombra vai avanzando cara á cabeza en forma de serpe situada na parte baixa da alfarda.






Tamén é probable que as edificacións megalíticas que abondan polo oeste de Europa teñan significados relacionados co calendario das estacións.
Para sinalar os momentos en que o sol alcanzaba os extremos no horizonte (solsticios) ou se situaba no metade do seu percorrido aparente (equinoccios) situaban enormes pedras (megalitos) para marcar as posicións. En Galicia son chamadas pedras fitas. Á esquerda, a pedra Alta de Antela, por terras do Limia.

En relación aos petróglifos tamén caben interpretacións equinocciais como se pode ver no Laberinto Atlántico

23 abr 2009

a astronomía máis antiga

“Es o paxaro azul, e o loro verde de ollos vermellos. Teu fillo é o lóstrego. Es o clima e os mares. Ao non ter comezo manteste na inmanencia, da que nacen todas as cousas.”
Upanishads

En épocas remotas o ceo era reloxo, mapa e calendario, daquela é probable que existira a crenza de ser a terra quen insufla vida a todas as cousas, que nós e o planeta somos as distintas fomas da deusa-nai, a Terra. A deusa-nai sería a denominación primitiva do que a física chama hoxe campo morfoxenético que produce as formas, o protoplasma.

Esas formas e as súas simetrías repetíanse ao ritmo da aparición e desaparición dos astros, e asociábanse a fenómenos propicios ou nefastos: as chuvias e os ventos, os días de calor, as colleitas de froitos e cereais ou a abundancia de animais.

As pinturas e esculturas lembrábanlle ao universo e á nai Terra o retorno deses ciclos, e celebrábanse as festas agrícolas das colleitas, que eran dúas ao longo dun ano.

A actual festa de San Xoán estaba relacionada coa celebración da primeira colleita e co ocaso vespertino da constelación de Acuario en época arcaica (máis de 5000 anos atrás), a festa do nadal coa celebración da segunda colleita, relacionada co ocaso da constelación de Virgo (Virxe) coa súa estrela Spica (Espiga) e as posteriores culturas –non só a cristiá occidental- apoiáronse nesa circunstancia astronómica e agrícola para elaborar os mitos referentes a unha nai virxe (constelación Virgo), tal como María, a exipcia Isis, a fenicia Astarté e a grega Mirra que daba a luz a un bebé ou semente (estrela Spica) tal como Xesús, Horus, Mitra ou Adonis.

As coincidencias entre celebracións, orto e ocaso de determinadas constelacións foi cambiando astronomicamente debido á precesión dos equinocios e culturalmente debido á sucesión de diversas relixións.

Algo se modificou na posición do planeta Terra, polo que xa non se ve o mesmo que hai miles de anos. A estrela fixa arredor da que parecía xirar o firmamento non sempre foi a actual estrela Polar. Hai uns 5.000 años a estrela Polar era a estrela alfa da constelación Dragón, Thuban.

O calendario polo que nos reximos está sustentado na tradición cristiá, que actúa como unha metáfora máis das antigas relixións agrícolas, nas que o principio feminino (deusa-nai Terra) constituía a creación de toda existencia dependente dos fenómenos atmosféricos e astronómicos que se relacionaban coa fertilidade -fenómenos que dividían o tempo en ciclos que constituían o calendario ancestral-, e co paso ás sociedades patriarcais ese principio quedou enmascarado na forma da nai mortal dun fillo divino que morre e resucita para dar de comer á humanidade; igual que a semente é enterrada e resucita para alimentarnos. Mais quen realmente fai crecer a semente é a propia Terra.



O calendario gregoriano e mais o seu antecesor o calendario xuliano son calendarios solares, baseados no cómputo do tránsito da Terra arredor do Sol ao longo dun ano. Ignora as fases da lúa a non ser no senso de corresponderse aproximadamente coas semanas. Outros, como o calendario islámico, son lunares e ríxense pola variación da lúa a través das súas fases. O mes comeza cando se pode vislumbrar a lúa crecente -Al Hilal-, e seu ano non se corresponde co tempo de traslación da Terra. Pola súa banda, o calendario xudeo é un calendario mixto que combina os tempos da Lúa e do Sol.

Falar de arqueoastronomía lévanos a pensar en Chichén Itzá e a sombra equinoccial da serpe, Stonehenge e as casas da lúa e do sol ou a meseta de Gizeh coas súas monumentais pirámides de connotacións astronómicas relacionadas coa constelación de Orión e a esfinxe-constelación de Leo. Sen embargo, máis modestos mais non por iso menos relevantes, perviven en cada lugar calendarios antigos inscritos na paisaxe, como os petroglifos dos que se poden facer interpretacións astronómicas, enterramentos neolíticos orientados ao solpor e pedras chantadas por montes e camiños.

Outeiriño de sombriñas. Pontecaldelas.