A lúa é, xunto co sol, o obxecto máis chamativo do ceo, así que desde que a humanidade puxo os seus pés na Terra debeu ser motivo de culto e observación.
Un calendario do período inicial ou Auriñaciense do Paleolítico Superior (32 000 a.c.) dá conta disto.
As marcas das diferentes fases forman un deseño sinuoso, como unha serpe ou os meandros dun río.
Aínda que se afaste e te abandone (coas conseguintes consecuencias catastróficas), a lúa nunca te vai decepcionar, ou iso decía unha das razóns polas que observar o ceo é interesante. Mesmo cando non se ve, como estes días, está aí agochada, impoñéndonos seus ritmos e tomando nota dos nosos dramas.
Chove en Santiago meu doce amor. Camelia branca do ar brila entebrecida ô sol.
Chove en Santiago na noite escrura. Herbas de prata e de sono cobren a valeira lúa.
Olla a choiva pola rúa, laio de pedra e cristal. Olla o vento esvaído soma e cinza do teu mar.
Soma e cinza do teu mar Santiago, lonxe do sol. Agoa da mañán anterga trema no meu corazón.
ORIÓN Como pode tanta beleza convertirse en maldade? Como a túa ollada de cazador de monstros pode devir asasina de soños? Como a túa voz divina pode reter a Artemisa?
Que deus te permitíu apreixar unha daga inzada de estrelas?
Orión, xa non es digno de camiñar sobre a auga.
Agora, mudo por tantas culpas, sometido ás noites, amargo viaxeiro do crepúsculo, eternamente cobarde, finxidor de beleza, ficas condenado ao inverno.
*******
PLEIADES É porque ispo as nidias madrugadas que a ollada esvaída dos vosos ollos disfrazados de pombas tráenme mensaxes de náufragos. E, ao caer a noite, nos cantís acendo fogueiras de axóuxeres e timbais para non escoitar as sereas. É porque o outono ven preñado de xeada que domestico dúbidas e lumes e permanezo mollada de chuvia baixo o ceo. E no mudar das estacións constrúo todo de columnas marmóreas para que o destino inapelable non carregue as nosas memorias.
Agora que remata o ano Internacional da Astronomía, é o momento de lembrar as múltiples razóns que temos para ollar o ceo, que non dependen de celebracións e si das maravillas que alí se atopan e da curiosidade que en nós despertan.
Carolyn Collins Petersen, escritora de numerosos artigos sobre ciencia e astronomía entre outras cousas, na colaboración que realizou para a web 365 days of astronomy propoñía dez razóns polas que ollar o ceo é interesante, está na onda, está a dar ou como queira que se traduza a palabra cool. Empezando pola última:
10. Ollar o ceo e totalmente gratis!
9. Podemos ver un longo camiño no espazo, de feito, até dous millóns e medio de anos luz!
8. Podes ver planetas alí fóra: Venus, Xúpiter, Saturno,...
7. A lúa é fascinante e nunca te vai decepcionar
6. Podes usar un telescopio para indagar nos lugares en que se forman as estrelas, como a nebulosa de Orión
5. Podes ver os restos de estrelas que xa morreron, como na nebulosa do caranguexo na constelación de Tauro
4. Observar o ceo proporciónanos unha extraordinaria visión da nosa propia galaxia
3. Podemos facer observacións en familia, e coas amizades
2. Ollar estrelas danos un sentido da escala cósmica
1. Cada vez que saes a ollar o ceo encontras unha cousa nova
Engadiría a esta relación o simple motivo de que o ceo pode ser unha infinita fonte de inspiración para poetas!
A ESTRELA DESCOÑECIDA
Eu vinte decote acobadada naquela fenestra -tan a trasmán! que penduraches dunha constelación. O horizonte arrincaba cada día para ti a folla de almanaque dunha vela.
Pero nunca se enmallou na falsa rede dos mapas celestes a túa loira virxinidade. Cómplice a noite engaiolaba o sestante dos mariños inxenuas perversións catalogadas. Viuva reiterada de tódolos vinte anos que os mariñeiros repiten cada volta que afogan. Endexamais souberon os cadavres sen rumbo que ti os amortallabas co teu ollar.
Emproáramos á meia noite. A sotavento da nosa singladura vai decote unha nube desarbolada. Ca súa esponxa de sombra borrou para sempre o teu mudo perfil. A alba nova sorprendeume cacheando entre os luceiros unha despedida que se me perdeu.
Manuel Antonio
Estas imaxes do cosmos, xunto co poema de Manuel Antonio, sirvan aquí de homenaxe ao remate, con plenilunio extra, dun ano tan astronómico.
CARTA DE CAROLINE HERSCHEL(1750-1848) Un poema de Siv Cedering(1986)
William está fóra, e estou a tomar conta dos ceos. Descubrín oito novos cometas e tres nebulosas nunca antes vistas polo home, e estou preparando un índice das observacións de Flamsteed, xunto cun catálogo de 560 estrelas omitidas no Catálogo Británico, ademais dunha lista de erratas nesa publicación. William di que teño xeito cos números, por iso encárgome eu de todas as reducións precisas e cálculos. Tamén planifico o programa de observacións cada noite, e o que el chama a miña intuición axúdame a virar o telescopio para descubrir cúmulo estelar tras cúmulo estelar.
Axudeille a pulir os espellos e lentes do noso novo telescópio. É o máis grande que existe. Podes imaxinar a emoción de dirixilo a algún novo canto do ceo para ver algo nunca antes visto desde a terra? Eu realmente disfruto con que estea ocupado coa Royal Society e o seu clube, para cando remato meu outro traballo poder pasar a noite toda pescudando os ceos.
Ás veces, cando estou soa no escuro, e o universo revela aínda outro segredo, digo os nomes das miñas queridas, perdidas irmás, esquecidas nos libros que rexistran a nosa ciencia
Aganice da Tessalia, Hypatia, Hildegarda, Catherina Hevelius, Maria Agnes
… como se as estrelas mesmas puidesen lembrar.
Sabías que Hildegarda propuxo un universo heliocéntrico 300 anos antes de Copérnico? que ela escribíu sobre a gravitación universal 500 anos antes de Newton? Pero quen a tería escoitado a ela? Ela era só unha freira, unha muller. Cal é o noso tempo, se ese tempo é escuro? Como o meu nome, que tamén será esquecido, pero eu non son acusada de ser unha meiga, como Aganice, e os cristiáns non ameazan con arrastrarme á igrexa, para asasinarme, como fixeron con Hypatia de Alexandría, a elocuente rapaza que concebíu os instrumentos usados para medir con precisión a posición e movemento dos corpos celestes.
Por máis que vivamos, a vida é curta, entón eu traballo. E aínda que o home se torne importante, non é nada comparado coas estrelas. Hai segredos, querida irmá, e é asunto noso revelalos. O teu nome, como o meu, é unha canción.
Escribe en breve, Caroline
Na primeira metade do século XIX, Caroline Herschel, seu irmán William e o fillo deste, John, identificaron e catalogaron miles de galaxias, entre outros obxectos.
somos galaxias? galaxias xiróvagas perseguindo a raíz do tempo?
está esa quietude no centro onde todo desaparece, e resulta máis doado seguir xirando que deterse... (Mira Hunter en Sufi soul)
Mentres daba voltas cos seus derviches, Rumi dictaba poemas:
Comtempla como o sol está en chamas até o pescozo, para encher de luz o rostro da terra, co seu rostro. (Poemas sufíes, 8)
Son como unha copa, o corazón cheo de sangue e o corpo esguío, na man do amor, que non é nin pálido nin fraco nin esguío. (Poemas sufíes, 10)
Se enxergas un chisco deste resplandor, porás a arder o soño; pois por unha viaxe nocturna e a servidume, Venus convertíuse en compañeira da lúa. (Poemas sufíes, 12)
6 nov 2008
Semellante á nosa Vía Láctea, esta galaxia NGC 7331, a uns 50 millóns de anos luz de distancia, encóntrase na constelación de Pegaso, rodeada doutras galaxias moito máis afastadas.
PEGASUS
Acompáñame Pegaso, atravesaremos o Helicón quero beberme os versos que brotan da fonte de Hipocrene, porque os meus ollos xa non captan a intanxible beleza, porque me foxen os ritmos acuáticos do trafego dos días, porque as cores dun serán non me seducen a mirada. Acompáñame, Pegaso, vengaremos ás amazonas subiremos ás nostálxicas lendas dende o non retorno galopante da memoria perdida. Acompáñame, Pegaso, porque os meus ollos xa non saben discernir as sombras caducas, porque me foxen os sorrisos hibernados de todas as mulleres, porque os seus ollos sedutores enchen o abismo de fogos de artificio. Acompáñame, Pegaso, galoparemos con ritmo voluptuoso polas noites deste outono condenado ao recordo.
(do libro de poemas sobre constelacións Interludi de Consol Martínez Bella, en tradución do catalán ao galego)