Mostrando entradas con la etiqueta constelacións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta constelacións. Mostrar todas las entradas

12 ago 2014

ceo de agosto


21 dic 2012

ceo de solsticio

 


29 ene 2012

camiño da eclíptica


Seguindo o camiño das constelacións zodiacais, a eclíptica, van en fileira Venus, a lúa e Xúpiter cara ao horizonte suroeste. Máis tarde veremos a Marte seguida de Saturno que cara as tres da mañá formarán un triángulo coa estrela Arturo

20 ene 2012

constelacións no inverno

Di o refrán da lúa de xaneiro, que non hai lúa tan clara o ano enteiro. E seguramente non hai noites tan nítidas -e frías por estas latitudes- como as deste mes, así que, logo de abrigarse convenientemente, non hai máis que saír a un sitio a ser posible con pouca iluminación e erguer a vista para encontrarse sen máis coa magnífica constelación de Orión, o cúmulo das Pléiades  e estrelas brillantes como Aldebarán, Castor e Polux ou a preciosa e azul Sirio. Ademais nestes días podemos ver varios planetas ao longo da noite: Venus ao solpor, Xúpiter nas primeiras horas da noite, Saturno nas seguintes, Mercurio antes do mencer e Marte practicamente a noite toda. Abaixo pódese ver a aliñación que forman "as tres marías" con Aldebarán e o cúmulo das Pléiades:


Na constelación do Can Maior e ao sureste da estrela Sirio encóntrase o cúmulo aberto M41 ao que chaman tamén "pequena Colmea" e que se pode ver cos prismáticos:


Aínda que con prismáticos non se ve máis que un borrón rosado a Gran Nebulosa de Orión, na "espada",  debaixo do cinturón ten este aspecto:



C De Inverno
Presentación feita pola ANPA do IES Blanco Amor

25 nov 2010

adopta unha constelación

Dirixindo a vista a unha constelación determinada encóntranse todo tipo de obxectos celestes. Os planetas, a lúa e o sol, transitan temporalmente polas distintas constelacións da franxa zodiacal. As estrelas localízanse nos mapas das mesmas constelacións dende tempo inmemorial igual que os cúmulos, as galaxias, as nebulosas e outros obxectos do denominado ceo profundo.

A parte de localizalas no ceo, para comprender o que son as constelacións pódese elexir unha e analizar os elementos observables asi como as historias e mitoloxía.

O que podemos saber:

Ubicación da constelación (referencia a outras da súa veciñanza)

Localización: ascensión recta (AR) e declinación (Dec)

Estrelas principais: nome e características salientables (distancia, cor, se é dobre ou triple, etc)

Debuxo do asterismo (esquema cos puntos máis visibles)

Obxectos do ceo profundo localizables na constelación (galaxias, nebulosas, cúmulos,...)

Foto dalgún dos obxectos


Historia e mitoloxía

Google sky:


Onde buscar a información:

astromia
elcielodelmes
identificar estrelas
mallorcaweb
ciencia.org
educared
guía fotográfica de constelacións
costellation list
the constellations
the constellations stars and stories
constellations
the mytology of the constellations
Tutte e 88 le Costellazioni
Le costellazioni
Il segreto delle costellazioni


Outras curiosidades sobre constelacións:

dous hemisferios unha constelación
cúmulo aberto en saxitario

24 nov 2010

de pirámides e constelacións

Se todas as constelacións conteñen algún obxecto do ceo profundo ademais das estrelas, Orión esconde ademais de fascinantes nebulosas profundos misterios. Nestas noites de frío é imposible non cruzarse con ela con tal de levantar un pouco a vista.



28 oct 2010

constelacións en baixamar




A flora e a fauna mariñas sempre deparan algunha sorpresa. Esta vez os vermes cavaron constelacións na baixamar. Unha baixamar de marea viva, a pesar de que a lúa está devalando (non estamos en novilunio nin plenilunio, nin solsticio nin equinoccio). É posible que os bechiños quixeran representar o Setestrelo e Casiopea, como se pode apreciar nas primeiras fotos. En canto á terceira, que mellor metáfora da Vía Láctea que esta acumulación de covas-estrelas sobre os brazos dun regato na area?
Despois de todo, as constelacións concebidas polas civilizacións humanas non deixan de ser algo completamente arbitrario.

22 sept 2010

sol no equinoccio e ceo no outono


O xoves 23 de setembro ás 5h 9min e coincidindo co plenilunio inaugúrase oficialmente a nova estación. Este outono de case 90 días días terá catro lúas cheas, a cuarta o día antes do comezo do inverno.
Até mediados de octubro podemos ver brillar á tardiña a Venus que desaparecerá un par de semanas para voltarse visible de novo en novembro ao mencer, xunto con Saturno. De tarde tamén serán visibles Marte, Xúpiter e Urano.
En canto a chuvias de estrelas, octubro é tempo das Dracónidas(máximo no día 8) e Oriónidas que teñen o radiante no norte de Betelgeuse na constelación de Orión e máis abundantes sobre o 21 de octubro; a mediados de novembro as Leónidas e por último, entorno ao 13 de decembro, as Xemínidas.
Tamén será protagonista destas noites a constelación de Andrómeda na que se encontra a galaxia do mesmo nome, visible con prismáticos. Unha boa ocasión para facerse unha idea do propio barrio, a Vía Láctea, xa que son galaxias semellantes.
Aínda se atopa no cenit o triángulo formado polas constelacións do Cisne, Lira e Águia. As zodiacais visibles neste período van de Capricornio a Virgo. Por encima da eclíptica lucirán Pegaso e Andrómeda e por debaixo o máis destacado é que voltamos a contemplar de mañá cedo a Orión e a brillante Sirio que a medida que avance a estación irán madrugando máis, posicionándose no alto do ceo cara ás noites de inverno.
Nos últimos días de setembro a lúa devala perto das Pléiades xusto enriba da eclíptica.
(Imaxe de Stellarium en elcielodelmes )

1 ago 2010

ceo de agosto a través de Stellarium

18 jun 2010

virgo, ceres e corpus

Igual que acontece coa festa de nadal a festa de corpus está relacionada coa constelación de Virgo e a súa estrela Spica. Esta festividade chámase tamén día da Espiga ou (en Portugal) Quinta feria da Espiga , día en que tradicionalmente ían rapaces e rapazas recoller espigas e flores silvestres coas que facían ramos que se gardaban todo o ano. Tapizar as rúas con alfombras de flores é algo que se continúa facendo neste día por estas latitudes.

Isto debeuse celebrar con distintas variacións desde que a humanidade descubríu a agricultura alá polos comezos do Neolítico dedicando a festa ao longo das civilizacións a distintas divindades sempre femininas como a deusa babilonia Isthar, a exipcia Isis, a grega Deméter ou a romana Ceres -por certo, patroa de Sicilia, illa de forma triangular que foi colocada no ceo polo deus Xúpiter a petición de Ceres na constelación Triangulum-, representada de xeito parecido á constelación de Virgo.

Similares representacións da deusa Ceres e da constelación de Virgo.

De Ceres deriva a palabra cereal e existe un asteroide chamado Ceres orbitando no cinturón de asteroides, entre os planetas Marte e Xúpiter, descuberto desde Palermo por Giuseppe Pazzi o 1 de xaneiro de 1801.

A constelación de Virgo está chea de connotacións agrícolas e simboloxía cristiá, ademais de Spica ou Espiga (α, estrela dobre de magnitude 1,0 e a unha distancia de 20 anos-luz) ten a estrela Vendemiatrix ou Vendimadora(ε) e cada unha delas alude a estacións opostas: Spica á primavera, colleita de froitos e cereais (pan, "corpo") e Vendemiatrix ao outono, vendima (viño "sangue"), momento en que a constelación se encontra en conxunción co sol sendo por tanto invisible.

Virgo é unha zona do ceo a través da que se poden observar multitude de galaxias e obxectos do ceo profundo, ao norte da constelación pode verse un "racimo" ou cúmulo de estrelas que constitúe o núcleo da constelación Coma Berenices ou Cabeleira de Berenice.

Na súa columna do domingo 13 de xuño MANUEL VICENT escribíu sobre a celebración do Corpus que como tantas outras no calendario vén de antes de antes...

3 mar 2010

Mul-Mul: Pléiades en Lascaux

En sumerio, a palabra Mul significa "estrela", O nome aparece no máis antigo catálogo (Mul-Apin) da astronomía mesoptámica e podemos imaxinar a importancia das Pléiades que eran denominadas Mul-Mul ("as estrelas").





O cúmulo das Pléiades podemos observalo perto da cabeza do touro, na constelación de Tauro.


Poderían as Pléiades estar representadas nas pinturas paleolíticas das covas de Lascaux?

A arqueoastronomía estuda as posibles relacións entre gravados, pinturas e construcións prehistóricas coa lúa e o sol, o calendario, os eclipses, as constelacións e calquera fenómeno que acontece no universo:
Lascaux e as estrelas
Visita virtual ás covas de Lascaux

28 ene 2010

Marte e a lúa arredor da medianoite

No apartado a simple vista da páxina do ceo do mes veñen sempre catro fotografías simuladas do programa Stellarium.
Hoxe á noite verase Marte en oposición ao sol, que significa que o planeta está pasando polo meridiano do lugar a medianoite, polo que se pode observar durante máis tempo.
Na ilustración aparecen Marte e a lúa sobre a eclíptica, nas constelacións do Caranguexo e Xémeos respectivamente; e ao outro lado da lúa Aldebarán, estrela alfa do Touro e avermellada como o planeta Marte, así como o brillante cúmulo das Pléiades. Baixo a eclíptica, a magnífica Orión e Sirio, a estrela azul.

14 ene 2010

Orión e Pleiades, dous poemas de Interludi

ORIÓN
Como pode tanta beleza
convertirse en maldade?
Como a túa ollada
de cazador de monstros
pode devir asasina de soños?
Como a túa voz divina pode reter a Artemisa?

Que deus te permitíu
apreixar unha daga
inzada de estrelas?

Orión, xa non es digno
de camiñar sobre a auga.

Agora, mudo por tantas culpas,
sometido ás noites,
amargo viaxeiro do crepúsculo,
eternamente cobarde,
finxidor de beleza,
ficas condenado ao inverno.


*******


PLEIADES
É porque ispo as nidias madrugadas
que a ollada esvaída dos vosos ollos disfrazados de pombas
tráenme mensaxes de náufragos.
E, ao caer a noite,
nos cantís acendo fogueiras
de axóuxeres e timbais
para non escoitar as sereas.
É porque o outono ven preñado de xeada
que domestico dúbidas e lumes
e permanezo mollada de chuvia baixo o ceo.
E no mudar das estacións
constrúo todo de columnas marmóreas
para que o destino inapelable
non carregue as nosas memorias.


Consol Martínez Bella, Interludi

25 dic 2009

astronomía do nadal

Cando o sol se para, e debido a súa debilitación, semella morrer.
O sol está uns tres días parado -morto- e despois resucita, retomando o seu deambular a través do horizonte. O novo sol é unha criatura que hai algúns miles de anos -debido á precesión equinoccial- nacía no seo dunha das constelacións zodiacais: Virgo.

Deusa virxe DIAM de Luristán
dando a Luz entre animais,
século IV a.C.


As civilizacións antigas celebraban neste momento o nacemento do Sol representado en diversos deuses (Mitra, Horus, Dioniso,... todos eles nacidos dunha virxe) igual que hoxe celebra a tradición cristiá o nacemento de Xesús, nacido da virxe María. Todos eles mortos, enterrados e resucitados ao terceiro día o que tanto pode referirse ao tempo que tarda en saír o sol da súa "inmobilidade" como ao tempo que tarda unha semente (como a do liño) en agromar do seu particular enterramento.

Díxolle o millo á liñaza:
Ándate tí, espepitada, que ós tres días estás nada.
E a liñaza respondeulle: Seica coma tí, borrón,
que tardas sete semanas en salires do torrón.


A arqueoastrónoma Francisca Martin-Cano defende a hipótese de que 25 de decembro era o momento en que o sol nacía na constelación de Virgo, nun tempo arcaico, circunstancia que se modificou debido á precesión dos equinoccios. Ademais, a estrela principal de Virgo (virxe) é Spica (espiga) e o nome de Belén significa a "casa do pan".



"Os tres reis" é o nome que reciben nalgunhas tradicións as tres estrelas do cinturón de Orión, que ben -pode considerarse- anuncian a chegada de Sirio, estrela que entre os exipcios representaba á deusa Isis, esposa e irmán de Osiris e nai (virxe) de Horus.



Os ritos das relixións veñen de antigo. No Libro da Saída á Luz do Día, ou Libro Exipcio dos Mortos, na Entrada ao Santuario de Maat, pódese ler:

"Debes saber, pois!
O Pan da túa comunión,
O Viño da túa Comunión,
e todas as ofrendas que che son destinadas
Son emanacións do Ollo de Râ!"

Metáfora solar, agrícola ou astronómica, a celebración, común a tantas culturas a través do tempo, non deixa de ter o seu sentido humano e espiritual, á marxe de que hoxe prime por enriba de todo o espíritu consumista.

Para a civilización grega, a dos moitos mitos, o solsticio de inverno era a porta das divindades, como o de verán o era da humanidade. Quizais non é máis que un momento para lembrar o aspecto divino compartido por seres humanos, Natureza e o Universo de que formamos parte.

23 jul 2009

paseo polas constelacións

10 dic 2008

constelación de Orión



Dende a prehistoria téñense coñecementos de astronomía en relación ás épocas das chuvias e a influencia destas na agricultura. Nalgúns lugares de Galicia ás Tres Marías de Orión chámanlles as Tres Leiteiras porque cando aparecen no ceo sucede que as vacas dan máis leite.

Na mitoloxía grega Orión era o cazador que perseguía as Pléiades polo bosque seguido do seu canciño, Can maior, onde resplandece a brillante Sirius.

En pinturas achadas en covas de LLeida e Girona e mais en pinturas rupestres do deserto Tasssili-Sahara e outras, aparecen representacións destas constelacións con formas de animais, figuras femininas danzando e unha figura que unhas veces é masculina e outras feminina e que representa a Orión.

6 nov 2008



Semellante á nosa Vía Láctea, esta galaxia NGC 7331, a uns 50 millóns de anos luz de distancia, encóntrase na constelación de Pegaso, rodeada doutras galaxias moito máis afastadas.




PEGASUS

Acompáñame Pegaso, atravesaremos o Helicón
quero beberme os versos que brotan
da fonte de Hipocrene,
porque os meus ollos xa non captan
a intanxible beleza,
porque me foxen os ritmos acuáticos
do trafego dos días,
porque as cores dun serán
non me seducen a mirada.
Acompáñame, Pegaso, vengaremos ás amazonas
subiremos ás nostálxicas lendas
dende o non retorno galopante
da memoria perdida.
Acompáñame, Pegaso,
porque os meus ollos xa non saben
discernir as sombras caducas,
porque me foxen os sorrisos
hibernados de todas as mulleres,
porque os seus ollos sedutores
enchen o abismo de fogos de artificio.
Acompáñame, Pegaso, galoparemos
con ritmo voluptuoso polas noites
deste outono condenado ao recordo.

(do libro de poemas sobre constelacións
Interludi de Consol Martínez Bella,
en tradución do catalán ao galego)