24 sept 2010

serra da capelada, san andrés e a barca de pedra



Na serra da Capelada as pedras que inzan entre fentos e carrascos semellan mensaxes cifradas provenientes do interior da terra. Ademais de falar do pasado xeomórfico de Gaia, contan historias fabulosas de almas que procuran o paraíso máis alá de onde acaba o mundo, na illa da Eterna Felicidade, igual que na Avalon celta ou na grega illa das Hespérides. Para chegar a ela, igual que na peregrinación a Santiago, séguese o rastro da Vía Láctea que no verán percorre o ceo de leste a oeste pasando por constelacións como Perseo, Casiopea, Cefeo ou o Cisne onde bifurcada continúa cara a Águia, o Escudo, Saxitario, Auriga, Tauro, Orión e Can maior.
Pero a Vía Láctea vai mudando de posición segundo as estacións, así que é máis ben o propio Sol, unha estrela tamén da galaxia, quen orienta estas peregrinacións aos diferentes cabos do mundo e que en distintas civilizacións aparece representado percorrendo o ceo unhas veces sobre un carro e outras a bordo dunha barca.

En “La tumba del último druida” José Lesta e Miguel Pedrero comparan un relato recollido no século VII sobre Donn, a quen fai alusión o nome de Donón, coas lendas sobre San Andrés de Teixido. Segundo reza o relato o príncipe celta Donn, fillo do rei Mil, embarcou cara Irlanda xunto co irmán e outros vintecatro homes coa intención de invadir a illa mais a embarcación naufragou e a tripulación con ela. As últimas palabras de Donn foron “A miña casa habedes de vir despois da vosa morte”, palabras que na lenda de Teixido convertíronse en:
"quédate eiquí, San Andrés,
que de vivos ou de mortos
todos te virán a ver".
O lugar continúa convocando a peregríns de toda caste. Hai quen deixa panos anoados nos arames e nas pólas dos arbustos, quen leva exvotos de cera, acende cirios, bebe na fonte dos tres canos, apaña herba namoradeira ou carrega pedras do camiño para depositalas nos milladoiros simbolizando así que acompaña as almas presas nelas para que crucen o mar e alcancen o Paraíso.
San Andrés de Teixido é un pobo situado frente a alta mar sen o abrigo de ningunha ría e gardado só por uns illotes; o máis grande, Pena Gabeira, é popularmente coñecida como barca do santo por ser considerada a mítica embarcación na que o santo recuncou nestas costas.
Nunha barca chegou tamén a virxe a Muxía onde o leme convertíuse na pedra dos cadrís e a vela na pedra de abalar. Por non mentar a Santiago (peregrinación con overbooking) que veu a estas terras por mar a través da ría de Arousa, navegou polo Ulla até arribar a un lugar onde a súa barca de pedra foi amarrada a un pedrón (Padrón).
Como sucesores de Caronte, a virxe e mais os santos herdaron a angueira de acompañar as almas por bosques e cantís na súa viaxe ao Hades, inframundo que se ubicaba no océano, útero planetario do que todo organismo saíu e ao que todo volta. Caronte pasaba os mortos na súa barca a través da lagoa Estixia ou do río Aqueronte para o que había que pagarlle co óbolo ou moeda de prata que os mortos levaban debaixo da lingua ou sobre os ollos. Se non tiñan con que pagar agardaban decenas de anos até que Caronte accedía a pasalos sen cobrar.
Pero ese non vai ser problema para nós que xa peregrinamos ao fin do mundo e coñecemos ben o camiño...

22 sept 2010

illas desde Liméns





 
Esta vez faltan só un par de horas para o equinoccio mais o observatorio trasladouse a outro lado e desde aquí o sol non se pon no medio das illas senón máis a norte da illa de Monteagudo.
No fin da tarde acéndese o faro das Cíes e tamén o da tarde, o planeta Venus.

sol no equinoccio e ceo no outono


O xoves 23 de setembro ás 5h 9min e coincidindo co plenilunio inaugúrase oficialmente a nova estación. Este outono de case 90 días días terá catro lúas cheas, a cuarta o día antes do comezo do inverno.
Até mediados de octubro podemos ver brillar á tardiña a Venus que desaparecerá un par de semanas para voltarse visible de novo en novembro ao mencer, xunto con Saturno. De tarde tamén serán visibles Marte, Xúpiter e Urano.
En canto a chuvias de estrelas, octubro é tempo das Dracónidas(máximo no día 8) e Oriónidas que teñen o radiante no norte de Betelgeuse na constelación de Orión e máis abundantes sobre o 21 de octubro; a mediados de novembro as Leónidas e por último, entorno ao 13 de decembro, as Xemínidas.
Tamén será protagonista destas noites a constelación de Andrómeda na que se encontra a galaxia do mesmo nome, visible con prismáticos. Unha boa ocasión para facerse unha idea do propio barrio, a Vía Láctea, xa que son galaxias semellantes.
Aínda se atopa no cenit o triángulo formado polas constelacións do Cisne, Lira e Águia. As zodiacais visibles neste período van de Capricornio a Virgo. Por encima da eclíptica lucirán Pegaso e Andrómeda e por debaixo o máis destacado é que voltamos a contemplar de mañá cedo a Orión e a brillante Sirio que a medida que avance a estación irán madrugando máis, posicionándose no alto do ceo cara ás noites de inverno.
Nos últimos días de setembro a lúa devala perto das Pléiades xusto enriba da eclíptica.
(Imaxe de Stellarium en elcielodelmes )

21 sept 2010

parhelio: iridiscencia entre nubes

 
Ás tantas o sol apártase nun paréntese de luz que en ocasións se descompón en cores debido aos cristais de xeo dos cirros que fan de prisma e refractan os raios solares.  Se é máis grande pode semellar un arco da vella, só que a carón do sol e non do lado oposto como acontece co arco da vella de verdade. En realidade podería verse o círculo enteiro ou halo solar do que forman parte eses fragmentos irisados, pero ese caso non se dá así como así.
Se os cirros están unicamente a un lado do sol ábrese só o paréntese (ou péchase).
 

20 sept 2010

solpor e plenilunio no equinoccio

 
 
A un par de días do comezo do outono o sol ponse e a lúa (case) chea sae, un frente á outra, un polo oeste e a outra polo leste, case exactos.
 

19 sept 2010

entre dúas illas


 
Visto desde aquí o sol parece ir mergullar na praia do Lago, entre a illa de Monteagudo e a do Faro.
 
 
 

10 sept 2010

o sol entre as Cíes e Cabo Home

9 sept 2010

cirros iridiscentes

 




 
 

8 sept 2010