27 jun 2010

Tourón


A verdade é que ten todo o aspecto dun mapa galáctico. Este deseño prehistórico desperta a nosa imaxinación. No centro, un gran burato negro invisible do que irradian liñas cara a distintos elementos do océano cósmico: galaxias espirais, planetas, sistemas solares ou supernovas; e solto, un cúmulo estelar. Aos lados, outros esquemas semellantes conectados a través da pedra que representa a materia da que todo está feito.
E  un gran cervo que observa,  e outros cervos e cervas mais pequenas...
 



O parque arqueolóxico de Tourón conta cun centro de interpretación, paneis explicativos da ubicación dos petróglifos e dos elementos do horizonte, carteis con esquemas de cada unha das pedras gravadas, pasarelas de madeira e esculturas de cervos que compiten coa fauna do lugar; alí as ovellas acaban cos rebentos das poucas árbores que se deixaron e as cabras pasan  tan campantes por enriba das obras de arte.

25 jun 2010

asteroide Vigo


Ten o nº 127.870 no rexistro de planetas menores e foi recoñecido en 2009 pola Union Astronómica Internacional co nome de asteroide Vigo, xa que o seu primeiro descubridor, Ignacio Ferrín, naceu nesta cidade, aínda que oficialmente será batizado nela despois deste verán. A súa referencia 2003 FE123, fai alusión tanto ao nome do descubridor como ao ano en que se descubríu desde o Observatorio Nacional de Llano del Hato-Mérida-Venezuela, en 2003 e sendo o primeiro asteroide que leva o nome dunha cidade galega. Hai outros con nome de cidade na península como o asteroide 9453 Mallorca ou o 13260 Sabadell . O asteroide 945 Barcelona xunto con outros con nome de muller como 956 Amelia , 1102 Pepita -en realidade este dedicado á Constitución española de 1812 popularmente coñecida por "la Pepa"- ou 1136 Mercedes foron descubertos polo astrónomo catalán Josep Comas i Solà entre 1915 e 1930.

Vigo é un asteroide sólido que como a maioría deles orbita entre Marte e Xúpiter no chamado cinturón de asteroides, aínda que tamén existen algúns entre Marte e o Sol ou despois de Xúpiter e outra gran concentración deles máis alá da órbita de Plutón no cinturón de Kuiper.

Case todos teñen formas irregulares.

O "noso" ten uns 5 km de diámetro, así que nun par de horas, alancando, poderiamos chegar do mencer ao solpor e igual que o Principiño, contemplar uns cantos destes espectáculos ao día. Mágoa que a súa atmósfera sexa irrespirable!

18 jun 2010

virgo, ceres e corpus

Igual que acontece coa festa de nadal a festa de corpus está relacionada coa constelación de Virgo e a súa estrela Spica. Esta festividade chámase tamén día da Espiga ou (en Portugal) Quinta feria da Espiga , día en que tradicionalmente ían rapaces e rapazas recoller espigas e flores silvestres coas que facían ramos que se gardaban todo o ano. Tapizar as rúas con alfombras de flores é algo que se continúa facendo neste día por estas latitudes.

Isto debeuse celebrar con distintas variacións desde que a humanidade descubríu a agricultura alá polos comezos do Neolítico dedicando a festa ao longo das civilizacións a distintas divindades sempre femininas como a deusa babilonia Isthar, a exipcia Isis, a grega Deméter ou a romana Ceres -por certo, patroa de Sicilia, illa de forma triangular que foi colocada no ceo polo deus Xúpiter a petición de Ceres na constelación Triangulum-, representada de xeito parecido á constelación de Virgo.

Similares representacións da deusa Ceres e da constelación de Virgo.

De Ceres deriva a palabra cereal e existe un asteroide chamado Ceres orbitando no cinturón de asteroides, entre os planetas Marte e Xúpiter, descuberto desde Palermo por Giuseppe Pazzi o 1 de xaneiro de 1801.

A constelación de Virgo está chea de connotacións agrícolas e simboloxía cristiá, ademais de Spica ou Espiga (α, estrela dobre de magnitude 1,0 e a unha distancia de 20 anos-luz) ten a estrela Vendemiatrix ou Vendimadora(ε) e cada unha delas alude a estacións opostas: Spica á primavera, colleita de froitos e cereais (pan, "corpo") e Vendemiatrix ao outono, vendima (viño "sangue"), momento en que a constelación se encontra en conxunción co sol sendo por tanto invisible.

Virgo é unha zona do ceo a través da que se poden observar multitude de galaxias e obxectos do ceo profundo, ao norte da constelación pode verse un "racimo" ou cúmulo de estrelas que constitúe o núcleo da constelación Coma Berenices ou Cabeleira de Berenice.

Na súa columna do domingo 13 de xuño MANUEL VICENT escribíu sobre a celebración do Corpus que como tantas outras no calendario vén de antes de antes...

12 jun 2010

a Terra de lonxe

Unha viaxe de ida e volta de seis minutos e medio para mirar o mundo con outra perspectiva.

8 jun 2010

observatorio de Forcarei

En plena Terra de Montes, saíndo de Forcarei cara á Estrada, nun lugar chamado As Casetas, divisamos a cúpula branca. Que decepción! dixo alguén, pensando que era máis grande... mais unha vez dentro resultou ser maior do que parecía: unha construción circular cun diámetro de 8 m na planta baixa e 5 m na cúpula. E sobre todo, un pequeno gran telescopio que nos mostrou recónditos recantos do universo en retratos feitos dende aquí!


Situado a unha latitude de 42º 36' 41.3'' N, lonxitude de 8º 22' 9'' O e a unha altitude de 670 m sobre o nivel do mar é o noso primeiro Observatorio Público e está sendo xestionado pola Fundación Ceo e Cultura.
Despois do recibimento con foto incluída que nos fixeron ao chegar, accedimos ao edificio pola rampa e na planta baixa tivemos unha pequena charla de introdución á visita. Aínda que o sitio é pequeno hai lugar para un par de ordenadores, carteis, folletos e diverso material divulgativo. Enseguida subimos á cúpula e o astrónomo Francisco Violat explicou con gran sentido do humor o funcionamento do telescopio que ten 60 cm de diámetro, espello, montura e cámara de 11 millóns de píxeles e no que unha pequena morea de pesas rudimentarias dan estabilidade a todo o sistema. Finalmente, a través do ordenador ao que o telescopio está conectado, e de novo na planta baixa, contemplamos o album de fotos do cosmos feitas polo telescopio de Forcarei.