8 jun 2010

observatorio de Forcarei

En plena Terra de Montes, saíndo de Forcarei cara á Estrada, nun lugar chamado As Casetas, divisamos a cúpula branca. Que decepción! dixo alguén, pensando que era máis grande... mais unha vez dentro resultou ser maior do que parecía: unha construción circular cun diámetro de 8 m na planta baixa e 5 m na cúpula. E sobre todo, un pequeno gran telescopio que nos mostrou recónditos recantos do universo en retratos feitos dende aquí!


Situado a unha latitude de 42º 36' 41.3'' N, lonxitude de 8º 22' 9'' O e a unha altitude de 670 m sobre o nivel do mar é o noso primeiro Observatorio Público e está sendo xestionado pola Fundación Ceo e Cultura.
Despois do recibimento con foto incluída que nos fixeron ao chegar, accedimos ao edificio pola rampa e na planta baixa tivemos unha pequena charla de introdución á visita. Aínda que o sitio é pequeno hai lugar para un par de ordenadores, carteis, folletos e diverso material divulgativo. Enseguida subimos á cúpula e o astrónomo Francisco Violat explicou con gran sentido do humor o funcionamento do telescopio que ten 60 cm de diámetro, espello, montura e cámara de 11 millóns de píxeles e no que unha pequena morea de pesas rudimentarias dan estabilidade a todo o sistema. Finalmente, a través do ordenador ao que o telescopio está conectado, e de novo na planta baixa, contemplamos o album de fotos do cosmos feitas polo telescopio de Forcarei.