Mostrando entradas con la etiqueta asteroides. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta asteroides. Mostrar todas las entradas

25 jun 2010

asteroide Vigo


Ten o nº 127.870 no rexistro de planetas menores e foi recoñecido en 2009 pola Union Astronómica Internacional co nome de asteroide Vigo, xa que o seu primeiro descubridor, Ignacio Ferrín, naceu nesta cidade, aínda que oficialmente será batizado nela despois deste verán. A súa referencia 2003 FE123, fai alusión tanto ao nome do descubridor como ao ano en que se descubríu desde o Observatorio Nacional de Llano del Hato-Mérida-Venezuela, en 2003 e sendo o primeiro asteroide que leva o nome dunha cidade galega. Hai outros con nome de cidade na península como o asteroide 9453 Mallorca ou o 13260 Sabadell . O asteroide 945 Barcelona xunto con outros con nome de muller como 956 Amelia , 1102 Pepita -en realidade este dedicado á Constitución española de 1812 popularmente coñecida por "la Pepa"- ou 1136 Mercedes foron descubertos polo astrónomo catalán Josep Comas i Solà entre 1915 e 1930.

Vigo é un asteroide sólido que como a maioría deles orbita entre Marte e Xúpiter no chamado cinturón de asteroides, aínda que tamén existen algúns entre Marte e o Sol ou despois de Xúpiter e outra gran concentración deles máis alá da órbita de Plutón no cinturón de Kuiper.

Case todos teñen formas irregulares.

O "noso" ten uns 5 km de diámetro, así que nun par de horas, alancando, poderiamos chegar do mencer ao solpor e igual que o Principiño, contemplar uns cantos destes espectáculos ao día. Mágoa que a súa atmósfera sexa irrespirable!

18 jun 2010

virgo, ceres e corpus

Igual que acontece coa festa de nadal a festa de corpus está relacionada coa constelación de Virgo e a súa estrela Spica. Esta festividade chámase tamén día da Espiga ou (en Portugal) Quinta feria da Espiga , día en que tradicionalmente ían rapaces e rapazas recoller espigas e flores silvestres coas que facían ramos que se gardaban todo o ano. Tapizar as rúas con alfombras de flores é algo que se continúa facendo neste día por estas latitudes.

Isto debeuse celebrar con distintas variacións desde que a humanidade descubríu a agricultura alá polos comezos do Neolítico dedicando a festa ao longo das civilizacións a distintas divindades sempre femininas como a deusa babilonia Isthar, a exipcia Isis, a grega Deméter ou a romana Ceres -por certo, patroa de Sicilia, illa de forma triangular que foi colocada no ceo polo deus Xúpiter a petición de Ceres na constelación Triangulum-, representada de xeito parecido á constelación de Virgo.

Similares representacións da deusa Ceres e da constelación de Virgo.

De Ceres deriva a palabra cereal e existe un asteroide chamado Ceres orbitando no cinturón de asteroides, entre os planetas Marte e Xúpiter, descuberto desde Palermo por Giuseppe Pazzi o 1 de xaneiro de 1801.

A constelación de Virgo está chea de connotacións agrícolas e simboloxía cristiá, ademais de Spica ou Espiga (α, estrela dobre de magnitude 1,0 e a unha distancia de 20 anos-luz) ten a estrela Vendemiatrix ou Vendimadora(ε) e cada unha delas alude a estacións opostas: Spica á primavera, colleita de froitos e cereais (pan, "corpo") e Vendemiatrix ao outono, vendima (viño "sangue"), momento en que a constelación se encontra en conxunción co sol sendo por tanto invisible.

Virgo é unha zona do ceo a través da que se poden observar multitude de galaxias e obxectos do ceo profundo, ao norte da constelación pode verse un "racimo" ou cúmulo de estrelas que constitúe o núcleo da constelación Coma Berenices ou Cabeleira de Berenice.

Na súa columna do domingo 13 de xuño MANUEL VICENT escribíu sobre a celebración do Corpus que como tantas outras no calendario vén de antes de antes...

28 abr 2010

descendentes dun asteroide?

A auga e a materia orgánica podían ter chegado á terra nun cometa ou nun asteroide, como acaban de descubrir uns astrónomos de dúas universidades de Florida grazas ao telescopio de infravermellos da NASA en Manua Kea: o asteroide 24 Themis, situado entre as órbitas de Marte e Xúpiter, está cuberto por unha capa de xeo e contén tamén materia orgánica. Iso significa que os anacos desprendidos dun asteroide desas características en forma de meteoritos poden ter caído na Terra e dado orixe á vida. O descubrimento representa un banzo máis nesa escada que nos leva ao posible principio da nosa existencia.