21 mar 2016

equilibrio entre día e noite, entre sur e norte, entre chuva e sol

Equinoccio é algo máis que un simple fenómeno astronómico, é un referente nos calendarios de moitas civilizacións. A primeira lúa chea despois do equinoccio de marzo representa a chegada dun novo ciclo de vida vexetal, a resurrección da terra. Cada cultura representa esta volta á vida con distintos mitos: Osiris resucitado por Isis, Perséfone regresando do mundo das sombras a encontrarse con súa nai Deméter deusa da agricultura, resurrección de X.C., e máis.
En El País un artigo interesante sobre o tema Equinoccio primaveral: y llegó la primavera.

No equinoccio de marzo o sol atravesa o punto vernal ou Aries que é a maneira en que se chamou en tempos á intersección entre os planos do ecuador celeste co plano da eclíptica pasando aparentemente do hemisferio Sur ou hemisferio Norte e ao contrario no equinoccio de setembro no chamado punto Libra. Eses puntos foron chamados así porque -cando se lles puxo nome- eran as constelacións polas que amencía o sol nos respectivos equinoccios, igual que nacer baixo un determinado signo zodiacal significa que o telón de fondo do sol nese momento é esa determinada constelación, aínda que tanto o nome dos puntos de equinoccio como os nosos signos zodiacais están desfasados da realidade astronómica actual debido ao movemento de precesión.

O equinoccio é un símbolo de equidade: iguais horas de sol para o norte e para o sur. Un momento de equilibrio de simetría entre luz e sombra. Pode que a porta de paso entre dous mundos, que son partes indisociábeis do mesmo mundo: un real, físico e palbábel -o mundo da vixilia, da razón- pero tan limitado, perecedoiro e efémero como o que máis, e outro imaxinario, misterioso, arcano e insondábel pero repleto de todas as posibilidades e probablemente máis equitativo tanto para o norte como para o sur.

Un agasallo do sol despois da chuvia neste equinoccio, este arco e este espello.