30 dic 2009

fabulosas razóns para ollar o ceo

Agora que remata o ano Internacional da Astronomía, é o momento de lembrar as múltiples razóns que temos para ollar o ceo, que non dependen de celebracións e si das maravillas que alí se atopan e da curiosidade que en nós despertan.

Carolyn Collins Petersen, escritora de numerosos artigos sobre ciencia e astronomía entre outras cousas, na colaboración que realizou para a web 365 days of astronomy propoñía dez razóns polas que ollar o ceo é interesante, está na onda, está a dar ou como queira que se traduza a palabra cool. Empezando pola última:
10. Ollar o ceo e totalmente gratis!
9. Podemos ver un longo camiño no espazo, de feito, até dous millóns e medio de anos luz!
8. Podes ver planetas alí fóra: Venus, Xúpiter, Saturno,...
7. A lúa é fascinante e nunca te vai decepcionar
6. Podes usar un telescopio para indagar nos lugares en que se forman as estrelas, como a nebulosa de Orión
5. Podes ver os restos de estrelas que xa morreron, como na nebulosa do caranguexo na constelación de Tauro
4. Observar o ceo proporciónanos unha extraordinaria visión da nosa propia galaxia
3. Podemos facer observacións en familia, e coas amizades
2. Ollar estrelas danos un sentido da escala cósmica
1. Cada vez que saes a ollar o ceo encontras unha cousa nova

Engadiría a esta relación o simple motivo de que o ceo pode ser unha infinita fonte de inspiración para poetas!

A ESTRELA DESCOÑECIDA

Eu vinte decote acobadada
naquela fenestra
-tan a trasmán!
que penduraches dunha constelación.
O horizonte arrincaba cada día
para ti
a folla de almanaque dunha vela.

Pero nunca se enmallou
na falsa rede dos mapas celestes
a túa loira virxinidade.
Cómplice a noite
engaiolaba o sestante dos mariños
inxenuas perversións catalogadas.
Viuva reiterada de tódolos vinte anos
que os mariñeiros repiten
cada volta que afogan.
Endexamais souberon os cadavres sen rumbo
que ti os amortallabas co teu ollar.

Emproáramos á meia noite.
A sotavento da nosa singladura
vai decote unha nube desarbolada.
Ca súa esponxa de sombra
borrou para sempre o teu mudo perfil.
A alba nova sorprendeume
cacheando entre os luceiros
unha despedida que se me perdeu.

Manuel Antonio


Estas imaxes do cosmos, xunto co poema de Manuel Antonio, sirvan aquí de homenaxe ao remate, con plenilunio extra, dun ano tan astronómico.

constelacións


estrelas


o principiño no asteroide B612