28 mar 2011

mar de arroás

Un mariñeiro de Donón contounos que nunha marea atoparan un golfiño morto enredado no aparello, que o abriran e quedaran abraiados polo tamaño que tiña o corazón e o brillante e vermello que era o sangue.

Tamén contou que os vía entrar de madrugadas no verán pola boca da ría e marchar á tardiña cara a Cíes.

 
Unha vez  para avistalos rodeamos en zodiac a illa de Pico, nas Azores, cuberta por un chapeu lenticular e vimos unha morea deles, algúns riscados e tamén un cachalote e unha balea que nadaba nas nubes.


Clavel mergullou cos delfíns nas augas do Caribe, e di que se deixaban rozar e que era unha gozada.
Por aquí deixámonos ficar na auga mentras pasan a certa distancia nas praias da ría e eses días Chuca di que está mar de arroás.
Desafortunadamente xa demos con algún varado, o corpo rosado apodrecendo rebozado de area.
Vimos como Gaspar facía acrobacias por enriba dunha gamela en Areacova.
Cando están de humor persiguen o barco de pasaxe e pegan chimpos para asegurarse de que os vemos. 
Drunvalo di que veñen de Sirio.
Dá igual, levan máis tempo neste planeta ca nós, que a saber de onde vimos.
Por esta ría veñen tanto que son como da casa. E devecen polas xoubiñas.


Igual que o mar é espello do ceo, as nubes son os espellos nos que se miran os arroaces.