Érase unha illa remota onde vivían felices toda clase de aves, particularmente albatros de longuísimas alas. Estas amorosas aves son moi lonxevas e cando escollen compañeira pasan con ela moitos anos, quizais a vida enteira, chegan a vivir até os 80! En contrapartida a súa prole é escasa e a reproducción da especie moi lenta. Aliméntanse de luras e outros cefalópodos que pescan de noite cando brillan coa lúa na superficie das augas.
Pero até a un lugar virxe como esa illa no medio do océano chega o lixo, arrastrado polas correntes mariñas: plásticos de todo tipo que se volven unha trampa mortal para miles de crías de albatros que os comen directamente do buche dos seus proxenitores, que por outra parte tamén enferman. A vida delas resulta extremadamente triste, dolorosa e breve.
Nas nosas costas vivimos a experiencia de ver como o mar se tinxía da cor negra do petróleo. Grazas á solidariedade de toda a xente que respondeu ao grito de NUNCA MÁIS o mar voltou a regalarnos alimentos e seguimos tendo o privilexio de nadar nas súas aguas, descalzarnos na area e non acabar cos pés pegados a unha rocha.
Pero o o chapapote tóxico que a todo o mundo repugnaba, continúa, camuflado en formas e cores máis ou menos atractivas, invadindo as nosas vidas: nos envases de comida, na roupa que vestimos, no calzado, nos innúmeros obxectos dos que nos facemos rodear. Está por todas partes, levámolo da man con cousas dentro, imprégnanos a pel, a boca, o pelo. Nin nos decatamos. Até a conciencia a debemos de levar plastificada.
Por máis que as crises económicas e sociais nos atenacen, o realmente irremediable sería que a auga deixase de ser potable, o alimento se tornase veleno e o aire irrespirable. Ademais de acabar cos recursos naturais, estamos construindo un planeta artificial feito de multicolor inmundicia.
Os ollos inocentes destas aves son claros sinais de alerta. Elas tamén precisan solidariedade.
Nalgún momento hai que poñer un límite a tanto producir, consumir e tirar productos letais para as criaturas do planeta, incluídas nós. E igual que os demais abusos que temos que parar ese momento non pode esperar. Ten que ser XA.