21 oct 2009

castro de Cossourado

Situado entre dous ríos (o Miño e o Coura, afluente seu) no lugar denominado Monte da Cidade, este castro ou cividade foi construído durante a Idade de Ferro, habitado entre os séculos V e II antes da nosa era e abandonado antes de que chegaran as tropas romanas. Estaba defendido por dúas murallas que o rodeaban completamente e unha terceira muralla parcial cara ao oeste duns catro metros de espesor feitas de pedras e terra, con rampas e contrafortes de acceso.
Grazas aos traballos arquolóxicos, iniciados en 1993, sábese que algunhas das súas construcións servían de habitación, como almacén e para gardar o gando, e que a economía baseábase principalmente na recolección, agricultura e pastoreo, realizándose ademais actividades de pesca, fiado, tecelaxe, oleiría e metalurxia, entre outras.
Actualmente reconstruído en parte, ben conservado e con magníficas vistas aos catro horizontes, resulta un lugar máxico, propicio para observar as estrelas nunha noite despexada.


chuvia de estrelas

Estamos no tempo das Oriónidas, meteoros que son restos do cometa Halley deixados ao seu paso pola órbita da Terra.

Particularmente esta noite do 21 de outubro será o momento máis axeitado para contemplar estrelas fugaces, sempre que o tempo o permita, algo pouco probable por estas latitudes a menos que as nubes decidan darse unha volta e despexar o ceo. Poderían verse até uns 30 meteoros cada hora, espectáculo nada extraordinario tendo en conta a contaminación lumínica pois para conseguir enxergar unha desas fuxidías faíscas hai que abrir ben os ollos e buscar por entre a capa de luces que velan a atmósfera. Non así en tempos nos que a noite era totalmente noite.

Para imaxinalo voltemos a uns dous mil anos atrás e sentemos á intemperie diante da palloza dun castro...



Cando os restos do cometa, do tamaño de graos de area, chocan coa atmósfera da Terra e se desfarelan, transfórmanse en "estrelas" cadentes ou fugaces que raspan a atmósfera da Terra a unha velocidade de máis de 230 mil km/h, deixando unha pegada brillante debida ao roce e ionización producida nas capas superiores da atmósfera coas altas temperaturas da súa combustión.

Os meteoros poderían ser observadon a simple vista calquera día e a calquera hora, con boas condicións de visibilidade.

Hai outros períodos do ano nos que se poden observar centenas de meteoros por hora, como son as Perseidas, Leónidas, Táuridas, Xemínidas,...

O nome da chuvia de estrelas depende do seu radiante que fai referencia á constelación perto da que se observan máis estrelas fugaces nese momento (Perseo, Leo, Tauro,...) o que non deixa de ser unha ilusión óptica, xa que os meteoros atinxen a atmósfera terrestre en traxectorias paralelas entre si pero que, como sucede cos lados dunha estrada, semellan xuntarse no horizonte.

Cada unha desas chuvias acontece cando a Terra, no seu movimento de translación arredor do Sol, atravesa zonas onde se concentran partículas rochosas deixadas por cometas ou asteroides que transitaran polo noso Sistema Solar.

En raras ocasións anacos rochosos maiores atravesan a atmósfera chegando á superficie da Terra en forma de candullos, abrindo un cráter se son de grandes dimensións ou desintegrándose no camiño despois de atravesar como unha bola de lume o ceo. Son os meteoritos, nome aparentemente contraditorio xa que o seu tamaño é considerablemente maior que o dos diminutos meteoros.

18 oct 2009

as pedras de Laura

Pedras
View more presentations from dadeva.

14 oct 2009

serán de outono



Non é a tarde do equinoccio porque xa pasou algo máis de medio mes, mais pola intensidade e o cambiante das cores valeu a pena papanear. Ademais, dende este observatorio -o paseo á carón do museo do Mar en Alcabre- as illas actúan de "pedras fitas" ou referentes de medición, sempre que se observen dende o mesmo punto, neste caso un banco, o primeiro dende o museo.

En tempos máis remotos facíase outro tanto, e tanta debía ser a fascinación -e a necesidade de prever as estacións- que dalgún xeito había que inxeniarse para medir e marcar certas datas. Entre as máis importantes estaban os equinoccios, como se pode ver no seguinte vídeo encontrado en youtube e gravado no mencer da mañá do 23 de marzo de 2005 en Loughcrew, Irlanda. Nel pódese observar concentrado nuns poucos minutos o paso dos raios do sol sobre a laxe situada ao fondo dun túmulo. Un momento especial no que a luz chama a atención sobre os "deseños do tempo" que o resto do ano dormen placidamente na escuridade.

13 oct 2009

estela de cúmulos


28 sept 2009

Equinoccio

Nos dous equinoccios, o Sol sae polo Leste e ponse polo Oeste, pero non pasa polo cenit. No solsticio de decembro, o Sol sae uns 23,5° cara ao Sureste. No solsticio de xuño, o Sol sae como uns 23,5° cara ao Nordeste.
Que o Sol sae polo Leste e ocúltase polo Oeste é só parcialmente certo en dúas datas ao ano: o día do equinoccio de marzo (de primavera no hemisferio norte), e o día do equinoccio de setembro (de outono no hemisferio norte).



O movemento do Sol exactamente de Leste a Oeste foi utilizado para deseñar rúas de cidades e para orientar templos e altares, pois os raios solares poden facerse chegar a un punto determinado, pasado por unha estreita abertura na parede.

Dunha maneira semellante están colocadas as grandes rocas monolíticas no templo (ou observatorio astronómico) de Stonehenge, en Inglaterra e noutros monumentos e construcións.

Coñecer o inicio da primavera, é importante para os agricultores das zonas tépedas, posto que esta data dá unha certa seguridade de que o inverno terminou. Posiblemente xa non vai haber nevadas e entón pódese cultivar a terra sen correr o risco de perder as colleitas.



O Templo de Kukulkán chamado tamén O Castelo é unha pirámide de sete niveis construída cara ao século XIII polos antigos mayas na cidade de Chichén Itzá, no centro de Iucatán. Este edificio servía a un tempo para render culto a Kukulkán e como un calendario agrícola que sinalaba a chegada do equinoccio de primavera.

...obsérvase na escaleira norte do Castelo de Chichén Itzá, unha proxección solar serpentina, consistente en sete triángulos de luz, investidos, como resultado da sombra que proxectan as nove plataformas dese edificio, ao porse o sol. En Chichén Itzá o fenómeno vese en todo o seu esplendor e a imaxe da serpe de triángulos de luz e sombra descende maxestosa pola alfarda noroeste do Castelo. Para empezar, as primeiras sombras dos corpos superiores da pirámide comezan a debuxar os triángulos isósceles que conforman o corpo da serpe emplumada. Paulatinamente a sombra vai avanzando cara á cabeza en forma de serpe situada na parte baixa da alfarda.






Tamén é probable que as edificacións megalíticas que abondan polo oeste de Europa teñan significados relacionados co calendario das estacións.
Para sinalar os momentos en que o sol alcanzaba os extremos no horizonte (solsticios) ou se situaba no metade do seu percorrido aparente (equinoccios) situaban enormes pedras (megalitos) para marcar as posicións. En Galicia son chamadas pedras fitas. Á esquerda, a pedra Alta de Antela, por terras do Limia.

En relación aos petróglifos tamén caben interpretacións equinocciais como se pode ver no Laberinto Atlántico

18 sept 2009

Welcome to planet Earth

Hai mundos realmente ben organizados. Este noso é un pouco máis caótico. Pero moito máis creativo!

16 sept 2009

constelacións musicais

A música das esferas podía parecerse a esta notación musical: estrelas que son notas; constelacións que son acordes, ligaduras ou frases. Silencios os espazos siderais .
A pesar da versión enlatada deste Nocturno, hipnotiza pasearse por esa Via Láctea sonora: seguir a melodía recorrendo vértices de triángulos, tetraedros e demais pirámides e deixarse embalar por Chopin.
Non inspiraría máis ler a música no ceo estrelado que nas planas partituras cos seus monótonos pentagramas?

16 ago 2009

da Terra e do Ceo

Como partículas nunha matriz de dimensións impensables somos enormes -porque o universo é inconmensurable e a el pertencemos- por outra parte o universo tamén nos pertence, pola simple razón de formar parte del, igual que os átomos de osíxeno e hidróxeno que constitúen a molécula de auga forman parte dela e mostrar as cualidades da auga constitúe a súa natureza.

Como gotas de universo mostramos cualidades propias deste: conciencia unidade e diversidade, con ciencia pero tamén con mitos.

12 ago 2009

Perseidas e chuvias de meteoros: o medo ao descoñecido

Cada ano os restos do cometa Swift-Tuttle entran na atmósfera terrestre formando a chuvia de meteoros das Perseidas. Acontece todos os anos sobre o 12 de agosto.

Hai uns anos, durante unha palestra no Observatorio Astronómico de Lisboa (OAL), o conferenciante contou que preparaba un libro de historias contadas por maiores que viviran a experiencia de presenciar chuvias de estrelas dunha profusión de meteoros tan extraordinaria que algunha xente achaba que o mundo estaba acabando.

Tal vez o libro non se publicou, pero había un par de anecdotas que o home contou e que aínda lembro.
Unha era dunha familia que vivía na aldea e cada pouco tempo lle desaparecía unha galiña. Como non había indicios de que o galiñeiro fora atacado por unha raposa ou outro animal depredador calquera non entendían que podía pasar, pois levábanse ben co vecindario. En particular había unha veciña que pasaba naquela casa moitas veladas e participaba na preocupación por aquelas desaparicións. Até que unha noite unha intensa queda de meteoros levou á muller a pensar que se achegaba a fin do mundo e horrorizada decidíu confesar o delito: era ela a autora dos roubos.
Pero o mundo non se acabou daquela.
Noutra historia, un home maior contaba que aos seis anos, alá polos anos vinte, perdera o seu pai e a familia para consolalo contoulle que o pai viaxara a unha estrela polo que el á noite asomaba á xanela para contemplar as estrelas e rezar ao pai que lle mandase un sinal desde o ceo. Unha desas noites comezaron a chover estrelas e estrelas e o rapaz pensaba que era seu pai e que se excedía un tanto enviando sinais.
Adriana Calcanhoto ten unha canción apropiada a estas historias.

Noutro tempo, e tal vez actualmente nos sitios onde non chega a tecnoloxía, os fenómenos do ceo, tais como un eclipse de sol, produciron inquedanza e desacougo.

Imaxinemos como sería antes de que Galileo apuntase á lúa e aos planetas co seu telescopio!