1 mar 2010

lupercalias de febreiro e chuvia de marzo

Marzo marzal,
pola mañá cariña de rosa,
pola tarde cara de can.



Despois da chuvia e o temporal co que rematou febreiro,
esta mañá amañeceu con este arco da vella.

Se o nome de xaneiro está relacionado con Janus, o deus romano de dúas cabezas -unha que olla o pasado e outra o futuro-, febreiro está cheo de referencias romanas e marzo vén do nome do deus da guerra Martius, o que dá tamén nome ao planeta Marte, a estrela errante vermella.

Mas deteñámonos no mes máis curto do ano que pasou rápido como o ciclón que nos visitou o pasado sábado, ese que batizaron con extranos nomes como cicloxénese e apelido explosivo e extratropical.

Febreiro é un mes inzado de antigas tradicións ocultas baixo festexos relixiosos (Candelaria, San Brais), consumistas (día de San Valentín) e insistentemente pagás (Carnaval). A procedencia do nome pódese encontrar en diversas fontes. Dunha banda está a deidade Juno Februata. Doutra, as festas da fertilidade chamadas Lupercalia que se celebraban en Roma a mediados de mes en honor ao Fauno Luperco nunha espelunca do monte Palatino onde se reunían homes que sacrificaban un can para purificarse e, para propiciar a fertilidade, unha cabra -ou un castrón- da que cortaban a pel en tiras ou febras (februa). Despois pintaban o rostro co sangue do animal, limpábano con la enchoupada en leite e medio vestidos con trozos de coiro corrían azoutando a quen encontraban nas rúas de Roma considerándose este un acto de purificación, denominado februatio, posible orixe do nome do mes así como dos zorregazos con látigos e vexigas que practican os cigarróns e pantallas do entroido de Verín e Xinzo. A fertilidade das mulleres propiciábase supostamente sendo golpeadas polas tiras ensanguentadas do animal, nun acto claramente fálico-simbólico, que lles deixaba a pel cor de púrpura; a cor coa que se vestíu Helena de Troia para desafiar a Menelao, seu marido, en tempos en que os homes trataban -máis descaradamente que hoxe- ás mulleres como escravas.
Outro ritual de fertilidade eran os xogos nos que as doncelas poñían nunha caixa os seus nomes escritos para ser escollidas logo ao chou polos homes, práctica prohibida polo emperador Claudio II e posteriormente eliminada polo papa Gelasio o 14 de febreiro de 498, pero que fora defendida por un sacerdote chamado Valentín que curiosamente sería canonizado máis tarde e ao que finalmente se dedican hoxe en día as lupercais, denominadas inocentemente nestes tempos de márquetin e cosumismo, día de San Valentín.