Durante o Neolítico construíanse monumentos funerarios con grandes pedras o que deu nome á cultura megalítica (mega=grande, litos=pedra). Grandes úteros de pedra para voltar, no fin, ao principio. Neles efectuábanse enterramentos, con frecuencia colectivos. No interior do útero-tumba os corpos acocorábanse embrullados en si mesmos, curiosamente pintados de vermello, cor (do sangue) que dá lugar á vida. Arredor e por enriba do monumento lítico, amoreábanse a terra e pedras máis pequenas, de xeito que formaban túmulos na paisaxe, cun diámetro de entre 10 e 50 metros e unha altura entre 0,5 e 50 metros, aínda que as máis, dun par de metros de altura.
Os megalitos selaban o tempo de espera: pedra>petra>metra>matriz, como metáfora da preñez da Terra.
As sepulturas consistían en cámaras formadas por enormes pedras chantadas verticalmente no chan, algo viradas cara o interior do monumento co fin de soster mellor a cuberta que consistía nunha ou máis laxes. A toda a construcción chámaselle anta, antela, arca, arquiña, universalmente coñecida como dolmen, palabra gaélica que significa mesa de pedra . Ás veces á anta dá acceso un túnel a xeito de pasaxe, preferentemente orientado ao raiar do sol. Nas paredes do corredor hai en ocasións gravados ou pintados signos ou aparecen na entrada estelas con motivos antropomorfos.
As antas cubertas de terra, mamoas, medorras, medoñas ou modias constitúen a viva metáfora do feminino.
Galicia e norte de Portugal comparten serras e ríos que discorren por grises leitos graníticos. Camiños de pedra atravesan as aldeas de pedra e alcanzan a serra, toda pedra. Ambas as beiras da raia teñen paraxes inzadas de montículos dondos onde se agochan os dolmens algúns decorados con gravados. Nos antigos camiños de peregrinación que discorren por estas terras os romanos construíron calzadas e chantaron miliarios adicados a deuses, astros e emperadores. Posteriormente o cristianismo unificou os diversos camiños primitivos que se dirixían a lugares sagrados levándoos a unha única meta de peregrinación, Compostela.
Arcaicos camiños atravesan a raia, polos marcos, por Penagache. Alí as mámoas e as espidas antas forman cemiterios megalíticos e abondan esas populares lendas de tesouros enterrados e mouras que se peitean nas pozas.
No alto da serra Amarela, o touro barrosán apunta a Venus cos seus cornos de lira .